Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Casan ou non casan humor e relixión? (I)

jueves, 01 de diciembre de 2016
Aló a comezos do mes de setembro do ano 2004 recibín unha chamada por teléfono que abofé me sorprendeu. Era dun compañeiro, cura da parroquia de A Xunqueira de Vilagarcía de Arousa, home creativo e dinámico ó que eu daquela só coñecía de vista. Informoume de que no mes de outubro proxectaban celebrar os 25 anos da creación da parroquia e preguntábame se eu podería falar algo de humor e relixión.

A verdade é que nunca tal se me pasara pola cabeza, pero pareceume tan orixinal o tema pra celebrar os 25 anos dunha parroquia que lle respondín que me cría en condición de poder intentalo.

Era un reto que me facía a min mesmo e cumprín, con máis ou menos acerto, pero na disertación ata logrei que sorrise un garda civil de espeso bigote branco, a punto de pasar á reserva, e aquilo pareceume todo un éxito a min que aínda é hoxe o día que me segue atemorizando a garda civil. Mesmo o día do Pilar cando lles estou dicindo a misa vélome de que non me vaian deter e sacarme ás agachadas pola porta da sancristía. O subconsciente xa se sabe que nos fai estas faenas.

Ben, pois tamén quero dicir que o mércores 30 de novembro deste ano 2016, citoume o amigo ilímite Iago Santalla, facendo referencia ó meu sentido do humor, e xa me andaba facendo cóxegas nos miolos a idea de tocar o tema e aló vou cunha serie de colaboracións que dedico a todos os lectores e moi especialmente ó Señor Doutror en Humanidades e Humanismos, amén de Diplomado na capacidade de rirse da súa sombra e así esnaquizar complexos agarrotantes, Don Iago Santalla.

Tamén lle lo dedicaría ós non lectores, pero, como non se van enterar, tócavos a máis ós catro ou cinco incondicionais.

Por dar un título a esta serie como se se tratase dunha cousa seria, imos chamarlle: Casan ou non casan o humor e a relixión? Aclaro que me refiro á relixión cristiá; pois ben sabemos, por lutuosos acontecementos, coma os sufridos na redacción da revista satírica Charlie Hebdo no 2011, que con outras non cabe matrimoño de xeito ningún. Ben é certo que esta publicación espertou as iras de case todas as relixións e dubido eu de se un humor tan agresivo será verdadeiro humor.

Comezarei agora dunha maneira semellante a como comecei a miña alocución o día 21 de outubro do 2004, con dous ditos de dous grandes humoristas:

Un de Groucho Marx, o xenial actor, cando o nomearon membro de non sei que club e dixo: “Non podo aceptar ser membro dun club que admite a individuos coma min”.

Pola contra, o tamén xenial humorista gráfico, Don Antonio Mingote, no seu discurso de ingreso na Real Academia Española da Lingua, despois de citar esta frase de Groucho Marx, proclamou: “O prestixio desta institución (a RAE, hoxe presidida, pra nosa honra, polo vilalbés Darío Villanueva) é tan grande que pode tolerar sen a menor convulsión a entrada dun tipo coma min sen minguar a súa grandeza”.

Tamén eu penso que, se por un lado sinto que non debería ousar falar destes temas pra persoas dispostas a ler a individuos coma min; por outro, tamén me anima pensar que non debía deixar de escribir ante lectoras e lectores tan benévolos que está disposto a ler a un tipexo coma min.

Pra compoñer aquel relatorio e estas serie de artigos lin algunhas cousas, reflexionei sobre o lido, e escribín uns folios; pero así é todo, nin daquela nin agora tiven nin teño plena seguridade do que teño que facer nin do que teño que dicir e iso é perigoso; porque xa me advertiron de que, se isto se repite tres ou catro veces, poden nomearme ministro de calquera cousa ou cando menos delegado do goberno.

Non sería excesivamente difícil falar de humor, ou de humorismo e de relixión, ou de fe, por separado; pero relacionar convenientemente as dúas cousas, coselas como se di moito en política nos últimos tempos, ou casalas, non se me fai tan doado, aínda que agora o concepto de casoiro cambia a tal velocidade que dentro de nada vai ser posible casarse un consigo mesmo, sempre que se teña suficiente amor. Non sería difícil falar das patacas e dos ovos por separado, ai!, pero facer unha tortilla, como Deus manda e a santa Madre Igrexa nos ensina, é outra cousa! ou non?... E aínda por riba, e supoñendo que a tortilla saia aceptable, quen pode garantir que resulte a gusto de todos?

Prá semana, Deus mediante toca comezar a entrecoller patacas e ovos pra ir poñéndoos ó xeito . Ata xoves, logo, se non hai mala novidade.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES