Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Recoñecemento para Manuel Rial Cadaval

jueves, 01 de diciembre de 2016
Recoecemento para Manuel Rial Cadaval Foi o 30 de novembro de 1996, hai xa vinte anos, cando reunimos en Nigrán, Pontevedra, a diferentes actores para poñer a andar o que logo sería o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Alí estaban alcaldes e concelleiros de formacións políticas diversas, traballadoras sociais, xestores de organizacións non gobernamentais… Manuel Rial, daquela socio na alcaldía de Nigrán nun momento especialmente convulso do municipio, asegurando o apoio persoal e institucional fixo posible a realización daquel encontro inicialmente ideado para analizar a xestión local da solidariedade internacional. Presidíao aquela máxima coñecida de Henri Barbusse: reivindicar o imposible para realizar o posible.

Con posterioridade ao encontro, que tivo lugar na Residencia do Tempo Libre de Panxón, en Patos, distribuíuse a todos os concellos e deputacións de Galicia un breve estudo sobre “Poder local e cooperación internacional”, publicado na revista Grial. Esa separata, financiada na súa elaboración e distribución a toda Galicia polo concello de Nigrán, permitiu que en maio do ano seguinte, xa na EGAP (Escola Galega de Administración Pública), consumarase a decisión de constituír o Fondo Galego. En seis meses fora posible convencer aos mais comprometidos de que non podería haber cooperación de calidade en Galicia e desde o local se non mancomunábamos esforzos.

Manuel Rial foi quen de apoiar eses primeiros pasos indispensables para que a idea agromara: realización dun diagnóstico previo, identificación dos actores e dos aliados, cronograma, etc., pero tamén a definición de principios guía: pluralidade, independencia, compromiso desde aquí, iniciativa pública, xestión democrática, apertura á sociedade, nun intre en que o municipalismo galego daba pasos para unha converxencia irreversible.

Naquel evento participou tamén a FEMP (a través de Luz Romero) e un representante de Nacións Unidas en España, Carlos Jiménez, hoxe no Centro de Información da ONU en Bruxelas.

Daquela queriamos establecer un amplo intercambio de pareceres. A idea fundamental era que para cooperar con terceiros pensando non tanto na foto aquí como na eficacia aló, debemos cooperar entre nós primeiro. Non hai mellor pedagoxía. Nunha realidade como a local galega, con máis do 90 por cento dos concellos con recursos escasos e orzamentos limitados, aínda destinando o 0,7 por cento a este cometido, as probabilidades de realizar accións de mínimo impacto nos países receptores eran nulas. Coordinándose e sumando era posible. O noso referente para conseguir esa suma foi o Premio Blanco Amor de novela: se os concellos podían poñerse de acordo para crear un premio así por que non haberían facelo para impulsar unha cooperación internacional con sentido de país.

A Manuel Rial cabe recoñecer que soubo entender dende o primeiro momento o alcance da proposta e sumouse a ela procurando concitar vontades sen ánimo ningún de obter medallas a cambio, nin propias nin para as súas siglas. Coa discreción que sempre caracterizou o seu facer público quizais pola súa propia clareza de ideas, despois de participar activamente na comisión xestora do Fondo entendeu que unha vez constituído o seu papel debía ser outro e aceptouno con total naturalidade. Hoxe, cun Fondo recoñecido como terceiro piar do sistema galego de cooperación, seguimos precisando de persoas así. Non deben quedar fóra do noso relato. E aqueles outros que desde coordenadas próximas teiman en dar pasos atrás non farían mal en deixarse contaxiar polo seu exemplo.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES