Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O póster do Che

jueves, 01 de diciembre de 2016
Dorme, entre os papeis do meu escritorio, un vello póster que merquei de mozo nalgunha papelería de Gijón, coa imaxe tópica do Che Guevara e unha lenda que, se mal non lembro, viña a dicir algo así como: "Prefiero morir de pie, que vivir siempre arrodillado".

Dende que o merquei foi meu compañeiro de internado e, comigo, aquel debuxo icónico cruzou as horas boas e as horas malas, o tempo de estudo e o de lecer, que de todo houbo ó longo daqueles seis anos, por máis que tiveramos a impresión de que estabamos confinados na cadea a centos de quilómetros da casa.

Con aquel póster como testemuña, os meus compañeiros e máis eu aprendemos a percorrer Sudamérica en motocicleta, a ser fotógrafos de rúa no Zoco do Distrito Federal mexicano, a vivaquear en Sierra Maestra e mesmo a darlle coa porta do Ministerio de Industria nos morros a Fidel. Envexamos non ter podido sermos nós aqueles barbados armados entrando polas rúas de Santiago e da Habana o 1 de xaneiro do 59. Sufrimos coma ninguén nas selvas andinas bolivianas e case choramos ó ver as fotos do corpo morto, exposto e nu, coma unha peza de caza, nunha “morgue” de non se sabe onde. En fin, que logo daquel cartel, o Che converteuse no noso "cristo dos tempos modernos" e non había letra que o aludira que nós non cantaramos.

E así pasou o tempo ata que unha decisión transcendental na miña vida me trasladou -a min e ó póster- a Vigo para coller folgos nos estudos e fuxir definitivamente daquel internado que me acollera imberbe e me despedira mozo e barbado, coma o Che.

Unha pequena habitación no vello Hostal El Carmen das Travesas, foi o meu refuxio substitutivo de luns a venres, pois dende Vigo xa podía volver á casa nas fins de semana e aquilo era outra cousa.

A señora que atendía a fonda era de Sampaio de Ribadavia e pouco a pouco fomos gañando en confianza, ata que un día me desvelou a súa historia.

Foi -semanas antes, semanas despois- polo tempo do asalto de Tejero ó Congreso. Contoume que marchara de nena para Cuba e que alí, cos seus pais, fora feliz. Unha nena feliz que xa adulta ollou con esperanza a chegada daqueles rapaces atractivos á Habana. Ata que, de súpeto, un mal día entrou pola casa unha orde da Revolución que os deixaba literalmente sen nada, colocándoos no aeroporto cunha única maleta e sinalándolle co índice o camiño de España.

Unha sortixa foi o único luxo que gardou, ata que na cola do avión alguén reparou nela e lla ripou do dedo no nome da Revolución. Logo contoume máis cousas e mesmo da súa man, por vez primeira eu tiven na miña as páxinas do "Granma". Velaí de qué xeito, naqueles días, a min se me empezou a mirrar o póster do Che e oxidar o mito da revolución cubana.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES