Ponte no meu lugar, non no meu espazo
Bravos, Marisol - viernes, 02 de diciembre de 2016
Chega o 3 de decembro, Día internacional das persoas con diversidade funcional cos seus discursos, proxectos, declaracións, parabéns... Todos se senten inclusivos, algo semellante aos bos desexos do Nadal. Para os que vivimos a realidade máis de cerca, a celebración non é tan triunfalista e sendo xustos miramos cara atrás e tamén cara adiante. Nada mellor que o lema dunha campaña que puxo en marcha Cocemfe-Asturias, en Xixón, para reflectir o que quero transmitir: ponte no meu lugar, non no meu espazo.
É motivo de orgullo que desde a Comisión Europea se informe ao Concello de Lugo que a nosa cidade está entre as sete finalistas para obter o galardón que premia a accesibilidade. Anteriormente xa a elixiran como mellor destino turístico accesible. A nivel persoal é moi gratificante saber que un dos aspectos que valorou a Comisión foi a Ordenanza Municipal de Eliminación de Barreiras Arquitectónicas, aprobada no ano 97. De seguro que tamén comparten a miña alegría os membros do Grupo que, durante todo un ano, traballamos nesa aventura.
Os premios están moi ben e son necesarios como estímulo, pero tamén debían contemplar e valorar o civismo dos habitantes dunha cidade. De maneira reiterada incúmprense as normativas que tanto custa acadar. Ata recibimos malas contestacións se facemos algunha observación en plan informativo. Por razóns que agora non veñen ao caso, a veces, cambio a maneira de desprazarme pola cidade e non se imaxinan a cantidade de cousas coas que nos podemos encontrar. Estáse a converter en habitual que non se respecten as prazas de aparcamento, os coches nos pasos de peóns ou nas beirarrúas sen deixar espazo para pasar, material de distintos comercios invadindo a modo de escaparate, etc, etc. Resulta contraditorio que con tanto premio á accesibilidade, non contamos cun desprazamento cómodo e autónomo.
Coincidindo coas celebracións do Día Mundial do Turismo, tiven a oportunidade de dar un paseo pola muralla. Comentaba con algún dos asistentes o soño feito realidade. Poder acceder ao noso monumento en ascensor! Esquecidas as liortas previas de varios anos, tocaba gozar do acontecemento. Claro que nese percorrido para acceder á muralla, tamén constatamos todo o que queda por facer. Estou a referirme á accesibilidade a vivendas, comercios, cafeterías, restaurantes... Como se de unha margarida se tratara, imos pola rúa pensando aquí si, aquí non, aquí si, aquí non
Nalgúns dos seus paseos poden comprobar que aínda gañan por goleada os non. Antes de ir tomar un café ou unha cervexa, unha persoa en cadeira de rodas valora se haberá chanzos na entrada, baño accesible... Falando de entrar e saír quizais non se imaxinan o problema engadido que supoñen as portas. Algo tan simple como que se facilitan a entrada, dificultan a saída. Por iso felicitamos aos que teñen máis sensibilidade e poñen portas automáticas. Iso si que é poñerse no meu lugar. Temos que ser selectivos e optar só polos que pensan en nós. Como di o refrán é de ben nacidos, ser agradecidos.
Casualmente tiven que asistir a varios actos en concellos da provincia e, claro, unha sempre vai coas antenas postas detectando o positivo e o negativo. A estas alturas xa chirría non ver algunha praza de aparcamento reservada, ramplas en lugares pouco visibles, ramplas-tobogán, escaleiras sen varandilla
en establecementos e locais de renome. Podería citar varios, pero imos a darlles marxe de resposta ás reivindicacións expostas. Dalgúns xa tivemos contestación por escrito, claro que non chegan as boas intencións
En fin, case cansamos de repetir e escoitar a mesma cantinela.
Os nosos Días de
sempre oscilan entre claros e escuros. Por iso non quero pasar por alto as pasadas festas de San Froilán no referido a reservar unha plataforma para ter visibilidade nas actuacións e concertos. Parabéns para os organizadores e que siga o exemplo noutros eventos deste tipo que se celebren. Quero citar tamén ao Seminario Diocesano que está a piques de rematar unha vella reivindicación de accesibilidade. Unha vez máis queda demostrado que cando se quere, aparecen as solucións. Logros como estes invitan a presumir de cidade. Por certo, espero que figure pronto no listado a igrexa de Santiago A Nova.
Van case vinte anos daquela Ordenanza Municipal pioneira e semella que aínda se colocan ramplas como medidas de gracia e non como dereitos. Seguimos loitando por ter os mesmos niveis de participación que o resto da cidadanía. Está demostrado que o que é bo para nós, é bo para todos; non pedimos nada en exclusiva. A accesibilidade é un dereito e ademais o seu custe non é significativo sempre que se planifique desde o principio. Se somos capaces de deseñar tendo en conta a diversidade humana, a inclusión social e a igualdade, estamos contribuíndo á construción dun mundo mellor. Certo que avanzamos, pero a maioría das nosas reivindicacións seguen vixentes así que non se esquezan do lema: ponte no meu lugar, non no meu espazo.

Bravos, Marisol