O medo ven do mar
Editorial - martes, 20 de febrero de 2007
En tempos, Galicia sufría invasións por terra e mar. Algo temos gañado, xa que agora os problemas so veñen desde o mar. Por terra temos mellor controladas as catástrofes.
De Europa, polo camiño que logo sería de Santiago chegaron invasións ata a punta máis occidental deste occidente, arrasando e quedándose logo. Desde o mar, os pobos do norte atoparon acomodo e lugar de correrías onde só se sabía rezar A furore normandorum, liberanos domine.
Xa na actualidade, por mar chegounos O Casón, O Urquiola, O Prestige, e agora O Ostedijk.
O Casón desbaratou industrias e organización social, e ninguén sabía que facer con el. O Urquiola, clavado nunha agulla do porto coruñés, arrasou coa riqueza gastronómica e turística coruñesa. Co Prestige pasou o que pasou. E agora, con este barco cargueiro de difícil pronunciación, non se sabe que facer, nin onde levalo, nin quen decide... Seguimos coma sempre, sen aprender das leccións, por duras que sexan.
Temos non se sabe cantas administracións hipertrofiadas, e seguimos tendo medo ó que nos ven do mar.
Se fosen normandos, ingleses ou norteamericanos saberiamos como combatilos que os galegos sempre soubemos estar á altura das circunstancias, e cando tocou a loitar fomos dos primeiros.
Pero agora do mar os males veñen en forma de petróleo, gases tóxicos ou producidos pola combustión de fertilizantes... Para eso tamén os nosos devanceiros tiñan unha frase: líbranos, señor de peste e mal.
Que se poñan de acordo as administracións, que saiban dicirnos cal é a solución correcta, que non nos boten máis medo encima. Están sempre a lembrar o Prestige. Pois que tamén lembren o Casón, que orixinou unha revolución, perdas milmillonarias, e unha gravísima fractura social.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora