Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pavos pica no chan

sábado, 26 de noviembre de 2016
Teño unha terriña ó pé da casa que lle tocou a miña nai no reparto aleatorio da concentración parcelaria e que ten, copelo arriba copelo abaixo, uns dous mil oitocentos metros cadrados.

Non é moi grande, pero é ben cadradiña, que os da parcelaria gustaban moito -e creo que aínda gustan- da escadra e do cartabón e cantas máis liñas paralelas debuxaran no mapa e máis ángulos rectos, mellor.


Por desgracia está erma, colonizada por matas de toxos, xestas e carqueixas e silveiras de arredor que fan imposible acceder ó seu interior sen o apoio dun tractor ben equipado con cadeas de desbroce.

Aínda así, conta tamén con dous ou tres bos castiñeiros que non renden nada, e non porque non dean castañas -que este ano estaban ateigadas de ourizos-, senón porque simplemente non se poden recoller.

A miña terra é, pois, unha de tantas de entre os milleiros de parceliñas que, malia teren sido beneficiadas co millonario investimento da parcelaria, atópanse completamente asilvestradas, á espera dun bo banco de terras que as poña definitivamente en valor.

En canto non chega ningunha iniciativa colectiva ou, cando menos, algún emprendedor, ándame a traballar na cabeza cómo demo a podo poñer en valor para que non siga sumando bosque na parroquia.

E aínda que non mo crea, benquerido lector, estes días estou vendo unha oportunidade de negocio, polo que me vou poñer nas mans dun mentor para que me aconselle sobre os pormenores de cómo levar a cabo o proxecto con profesionalidade e oficio, pois garantía de éxito, o que é dicir garantía de éxito, creo que as ten ó cento por cento, vendo cara onde camiña esta sociedade, tan previsible como apampanada, que está creando a globalización.

E para que non se cele e vexa que non quero enriquecerme eu só, vouno compartir con vostede, benquerido lector, porque estou seguro de que ó ritmo que vai a cousa, vai haber para os dous. E, senón, ó tempo.

Ven a conto, o meu proxecto emprendedor, ó remuíño desa moda ianqui que está crecendo coma a escuma entre nós baixo o nome de "venres negro" -que xa de seu constitúe unha auténtica contradición- ó que se lanzaron tódolos negocios sen excepción coma se a partir de mañá pola noite chegase o apocalipse e o próximo sábado non quedase neste mundo nin o rexistrador.

Dado que o "venres negro" xa está con nós, por unha cuestión de mera lóxica ou de andazo contaxiador, malicio eu que nos próximos anos todos acabaremos comendo pavo o derradeiro xoves do mes de novembro aínda que descoñezamos o porqué da tradición.

De aí que, con permiso dos de Mugueimes, ande cavilando seriamente en poñerme a criar "pavos pica no chan" na miña terriña e organizar a mediados de novembro un feirón para vendérllelos a "tododios".
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES