Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Impostos tan patrióticos

viernes, 25 de noviembre de 2016
Impostos, sangue que mantén vivo o corpo social pero teñen mala prensa. Os directos, claro, que gravan a posesión, mentres medran os indirectos e o IVE masacra á cidadanía e vacina contra a cultura.

Os impostos directos, máis xustos e progresivos, os indirectos, máis regresivos, porque non discriminan según a capacidade de pagar do contribuínte. Cóstalle o mesmo un cartón de leite a Blesa que aos seus estafados das preferentes. Semella que apostamos polos regresivos, que recaen sobre as rentas baixas, mentres hai países tan raros, tan decentes que mesmo multan as infraccións de tráfico según o patrimonio.

O malo é a presión fiscal que arbitrariamente machaca a todos. O inxusto é que haxa minorías privilexiadas que apenas notan a presión fiscal. O malvado é que se castigue cos mesmos impostos o luxo que o noso pan de cada día. En fin, o terrible é que Bruxelas permita a multinacionais facer negocio aquí e pagar impostos reducidos nos paraísos dos euros. As patrias dos cartos escapan así a toda lei decente, o que fai preguntarse a moitos para que serve a economía se non axuda ás persoas.

A patria son os impostos? Hai xentes con bandeiras nas camisetas que elixen outras patrias. Admirados deportistas bican afervoadamente a bandeira mentres distraen os cartos en fiscos onde aniña a usura, fondos voitres, multinacionais desalmadas, a avaricia dos privilexiados. En Suiza, en Andorra hai unha lista interminable de 'patriotas' tramposos. Alí, na morna escuridade de bancos de ética elástica, prodúcese o milagre da multiplicación dos panes e dos peixes. Dos euros.

España rompe, pero non polas costuras do patriotismo nin polas cores das bandeiras senón polas fendas da desigualdade, da pobreza, do rexeitamento da política. Os evasores son os antipatriotas: onde teñen o diñeiro, teñen o corazón. As ratas escapan do fisco pola inextricable rede de sumidoiros dos paraísos fiscais.

A patria son os impostos dos patriotas que sosteñen o estado social ameazado polos dogmas dun capitalismo de casino que só produce dor. O edificio social é a seguridade, son as pensións, é a sanidade e a educación que caeron un 21% na crise. Gobernos ao servizo doutros intereses avisan de que iso non se pode soster. Só así poderemos baixar impostos porque 'patria' hai unha, a dos cartos, a insolidariedade, a desigualdade que medra expoñencialmente.

De cada 100 euros gastados, 62,4 van a servizos e prestacións sociais. Sabemos que un dos máis produtivos impostos é o do IRPF pero nunca imaxinamos que dese imposto os asalariados aportan o 90% mentres empresarios e profesionais apenas o dez.

Os máis ricos, os tramposos, os insolidarios son os apátridas. Para a xente de ben, a inmensa maioría, o patriotismo está nos impostos.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES