Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Algo acerca do populismo

viernes, 25 de noviembre de 2016
É tan equívoco este termo “populismo” que tanto pode ser entendido no bo sentido como no pexorativo. Se queremos facelo tratable neste último sentido no ámbito da política, ao menos con certa lóxica, hai que poñerlle cancelas, limitar a súa extensión. Sorprendeume que algúns tratadistas, cando escriben sobre a súa definición din que non aparece o termo no DRAE, es isto é verdade referido a edición de 1.992; pero na de 2.014, que leva o título de “Diccionario de la Lengua Española” (DLE), editado pola RAE, coa colaboración doutras Academias, aparece definido como “tendencia política que pretende atraerse a las clases populares”, usado en sentido pexorativo. Intento circunscribirme a este.

Aínda que se tome esta definición como denotación, parece que se omite unha importante connotación, que precisamente neste ámbito político comporta un teimoso rexeitamento aos partidos políticos tradicionais, so pretexto de que son permisivos con certos procederes das clases dominantes. Cando menos así se quere facer ver; pero o poder é o obxectivo, como necesario para gobernar autoritariamente ao seu xeito. E os líderes populistas pretenden acadalo mediante o recurso ao pobo descontento e de clases baixas, con escasos medios económicos, denunciando os males das clases privilexiadas. Eles, polo contrario, preséntanse como salvadores, sen mácula de corrupción, e se aparece algunha no seu grupo, sempre a desculpan con falaces argumentacións. Quen se presenta como impoluto, fuxe das imputacións...!.
Evidentemente, neste eido da política, o termo populismo ten un descarado matiz pexorativo: O caso é arrastrar votantes e acadar o poder, para desde el romper o sistema tradicional, e se é democrático moito mellor, porque é máis fácil facelo faíscas que se ten un matiz ditatorial. E cando o acadan, non adoitan pararse en barras, indiferentes a espantar aos investidores, incluso ata sumir a poboación na pobreza e o servilismo. Exemplos hai dabondo polo mundo adiante.

Naturalmente, o populismo e a demagoxia marchan da man, con políticas enganosas: cínicas promesas difíciles de cumprir; asistencia sanitaria para todos sen atrancos; educación en liberdade, como un dereito do alumno, sen aparellarlle moitas esixencias; vivendas suficientes; traballo con elevados salarios para todos; etc. Pero a experiencia advírtenos de que só hai melloras circunstancias como medidas provisionais e paliativas cando se acercan os períodos electorais, igual que os demais grupos políticos, incluíndo aos partidos tradicionais. E si fose necesario, bótase man dunha argucia xurídica para continuar no poder.

Esta clase de populismos emprega unha linguaxe política en permanente rifa, invitando ás masas a manifestarse na rúa, para acadar obxectivos que rexeitan os parlamentos (unha práctica ditatorial solapada); intentan bloquear as esixencias dos organismos internacionais, por moito que veñan de estruturas xurídicos con competencias legais atribuídas; eluden normas das entidades económicas; desmárcanse de compromisos militares; ignoran con arrogancia as consecuencias das malas relacións internacionais...: sempre están en prevención de dispor de suficientes elementos imputables que cubran os seus erros.

Son agrupacións populistas heteroxéneas e preséntanse en grupiños; pero están moi marcados polo que teñen en común, sobre todo nas actitudes fronte a aqueles que non comparten as súas formulacións. Son arrogantes cos líderes doutros partidos, cos que ostentan a representación de elevadas institucións, despachan con actitudes displicentes aos que lles formulan preguntas comprometedoras e teñen moita afección a linguaxe mímica e xestual: Hai uns días no Parlamento español, nada menos que un membro del, no acto de apertura das cámaras, vestía unha camisa con esta frase gravada: YO NO VOTÉ A NINGÚN REI.

Dous estudosos arxentinos Julián Pérez Porto e Ana Gardey, especializados en Ciencias da Comunicación, con traballos de investigación ad hoc, analizan as experiencias populistas, penso que especialmente en Sudamérica, a través de catro fases ben diferenciadas: ÉXITO, ao comezo; “DESBALANCE” (DESEQUILIBRIO), ACELERACIÓN e AXUSTE.

Na primeira fase parece que todo soe funcionar satisfactoriamente: “aumenta o emprego e o salario real, o efecto da inflación parece desvanecerse e as políticas de tipo fiscal e monetario expansivo van en reactivación”. Din que neste momento histórico o país está optimista co modelo económico e as esperanzas de acadar o que esperaban mantéñense in crescendo.

“Pero–añaden–todo isto ten consecuencias”. Enseguida empezan a facer acto de presenza os desequilibrios, o que eles chaman “desbalances”: Aumenta a taxa de inflación e as débedas, estáncase e diminúe o volume de exportación e hai que incrementar as importacións. Consecuentemente, caen as reservas internacionais. E a resposta que adoitan dar os gobernos populistas é dedicarse a controlar os prezos, apresurándose a buscar a quen cargarlle as responsabilidades: Xeralmente, a falta de internacionalización das súas políticas - din - é a causante de tanto desaxuste.

Non se deixa esperar a terceira fase, a da aceleración dos desequilibrios: Crece o déficit fiscal e hai que emitir moeda para financialo, aumenta a falta de divisas, aínda controlando os cambios. Claro, a desvalorización da moeda ven encima, diminúe o salario real, etc.

Todo isto impón a necesidade dun axuste, que é a cuarta fase, “como se dun gran crebacabezas se tratara”, porque a súa singularidade política veta as axudas a resolver erros propios, xurde o illamento e proliferan as culpas aos alleos. O axuste non chega, pasan moito tempo coas mesmas cantilenas, todas as ilusións iniciais se esvaecen e xéranse continuas convulsións sociais: As inversións están nos estranxeiro e con estas perspectivas económicas os titulares delas emigrados esperan mellores tempos.

Pero a min, persoalmente, hai outras preguntas que me levan a reflexionar como foi posible chegar a este contexto con tantos paradoxos. Son as seguintes:

1ª.- Onde está a verdadeira causa destes populismos?.

2ª.- Que se está facendo tan mal para que ata unha poboación cunha suposta boa preparación perda o sentido crítico á hora de votar?.

3ª.- Estamos en presenza dunha crise de principios tan profunda que arrastra a unha reconversión dos sistemas sociais referenciais?.

Contesto só con meras suxestións, por razón de espazo, que é o que dicimos cando non estamos verdadeiramente documentados para facelo con algunha certeza, que nesta temática incluso os especialistas toman precaucións.

Preséntase difícil responder a esa primeira pregunta, porque que existen diversas concausas. En todo caso, a formación non integral das persoas e os abusos incompetentes das elites gobernantes, sobre as que actúan fortes presións dos poderes bastardos, están, cando menos, entre esas causas: uns porque caen facilmente no gregarismo, e os outros porque as amarras egoístas aos seus respectivos poderes túrbanlles o alcance das consecuencias. Non nos esquezamos de tomar boa nota de ata onde a incompetente displicencia e desatención ao 15M, onte, arrastrou estes lodos de hoxe. E deixemos de derivar responsabilidades.

En canto a segunda pregunta, hai que atreverse a dicir que existen tamén decisivas razóns demográficas. A poboación mundial creceu en elevados porcentaxes cunha deformación, ademais, da súa pirámide, e non se trata só de que a fame se estendera a capas importantes, fora e dentro de chamado terceiro mundo, senón que se crearon unha serie de necesidades secundarias que todos desexamos ter cubertas, e, se non o acadamos, invádennos toda clase de complexos, emparellando o conseguinte encarecemento enerxético. O consumismo está polo medio, como solución as numerosas e diferentes ofertas.

Por outra parte, os gobernos, se teñen que aplicar medidas de certa austeridade para introducir algún grao de comedimento e de solidariedade, soen facelo sobre as clases sen poder, que son tamén as máis desvalidas. E aínda que non o fan explícito, a isto hai que sumar tamén que os grandes capitais con localizacións internacionais escápanselles das mans, xa que se carece dunha eficaz autoridade dese mesmo ámbito para controlalos, incluso nos despropósitos ecolóxicos. A dixitalización cataliza estes procesos!.

Polo que respecta a terceira pregunta, a contestación tería que esfiañar un complexo armazón ideolóxico heteroxéneo, de matiz ético, político, relixioso, e incluso científico. Si, científico, tamén, como nos evidencia o feito de que o país cun maior grado de avance científico e tecnolóxico, dera respostas populistas, ata cubrir uns 60 millóns de votos, en EE.UU, nas últimas eleccións á Presidencia do Goberno.

O exemplo de EE.UU., sen prexuízo de moitos outros, lévanos a pensar que a ciencia deixa fora a solución de moitos problemas da Humanidade. O científico é un cidadán con principios como outro máis; pero a el ocúpano os da ciencia, primordialmente, e nos laboratorios non se impón o estudo dos éticos, por exemplo, por escaparse dunha verificación científica. Hoxe o respecto a persoa, a persecución da beneficencia, os auxilios sanitarios, a loita contra a fame e a corrección das inxustizas sociais dos gobernos, están en mans de ONGs e de organización relixiosas, lonxe dos sentimentos de considerables continxentes de xentes que gastamos con prodigalidade.

Isto é todo, por agora. Desculpen a extensión!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES