Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Achegamentos á cultura popular da auga (3)

miércoles, 23 de noviembre de 2016
1.2. Segundo problema: A seca.
En todas as culturas antigas había un persoeiro, que tiña como función asegurar e procurar que o líquido elemento no estivese ausente. Nalgunhas, chamábano “chamán”; noutras, “o facedor de chuvias”. Os seus métodos de actuación estaban relacionados coa “maxia homeopática ou imitativa”. Así, se desexan que chova, imitan a acción salpicando auga ou arremedando as nubes.

En Galiza ao igoal que nas demais comunidades a auga foi sempre un elemento de vital importancia e necesidade, xa que senón aos campos chegalles a seca, provocando fame e pobreza. Polo tanto, as diferentes comunidades do noso ámbito pregaban á divindade non só por medio de rogativas e penitencias, senón que tamén nalgunhas había o costume de mollar ou bañar as imaxes dos Santos na auga, que era o fin primordial de solicitude. Isto xa se facía no culto aos grandes deuses da fecundidade e da agricultura co rito do baño sagrado. Deste xeito, a divindade recuperaba as súas agotadas forzas e aseguraba unha boa colleita. Logo, no catolicismo, seguimos facendo a inmersión de imaxes, representativas de advocacións marianas e de santos coa finalidade de erradicar a seca e acadar a chuvia.

1.2.1. Algúns medios de previr a seca. As Rogativas.
Son oración públicas dirixidas a Deus para acadar remedio nunha grave necesidade. Esta podía estar ligada co feito de que chovese ou non; de que concluíse unha guerra; de que rematase unha epidemia etc. A orixe das rogativas é probable que radique na festa pagá das Robigalia, que os romanos conmemoraban de cara ao 25 de Abril na honra da divindade de Robigo. Esta era venerada por un bo número de fieis, que pregaban a súa intercesión nas colleitas con procesións (as ambarvalia), con sacrificios de animais e outros ritos. Co paso do tempo, a igrexa foi cristianizando estas conmemoracións pagás, e estableceu as rogativas na súa dobre modalidade: as nomeadas rogativas ou letanias maiores, na festividade de San Marcos; e as coñecidas como rogativas ou letanías menores nos tres días denantes da Ascensión. Liturxicamente foron instauradas pola igrexa no século IV co papa Liberio e, logo, instituídas por San Mamerto, bispo de Viena, no ano 469. Sen embargo, as datas da súa celebración non se determinaron ata o pontificado de San Gregorio Magno no ano 590.
Achegamentos á cultura popular da auga (3)
Hai anos, durante os meses de maio a agosto inclusive celebrábanse os domingos e días festivos procesións polas agras máis cercanas á igrexa denantes ou logo da misa. Eran presididas polo párroco quen, precedido da cruz parroquial, ía bendicindo as agras coa auga bendita e recitando as letanías dos santos; estas eran contestadas polos fregueses, que ían na procesión. Co paso dos anos, a rogativa quedou reducida a unha procesión, que percorría o perímetro da igrexa parroquial e que se celebraba tamén o domingo e días festivos denantes ou despois da misa. Estaba composta dos seguintes elementos: un sancristán ou fregués da parroquia, encargado de levar a cruz parroquial; o párroco, que ía recitando as letanías dos Santos; como remate, os fregueses participantes, que ían respondendo ás letanías. A rogación remataba, logo de que o párroco realizaba simbólicamente o ritual de bendicios dos campos, mirando ás agras maís cercanas á porta de entrada á igrexa. Nalgunhas freguesías o párroco celebraba a rogación un domingo do mes de Maio.

Ao rematar o periodo da rogación, cuxa práctica habitual levábase a cabo entre os meses de maio a agosto, o párroco mandaba a unha persoa da súa confianza –sancristán, mordomo dunha confraría, fregués de confianza…- polas diferentes casas da parroquia para recoller o pago da rogación, consistente nunha medida de cereal, preferentemente trigo ou centeo. Nas parroquias de Triacastela (Lugo) e Zanfoga (Pedrafita do Cebreiro), os fregueses contribuían cun ferrado de trigo ou de centeo; tamén daban centeo na de Fontaneira (Baleira); e nas de Xermar (Cospeito) e Bretoña (A Pastoriza) aportaban medio ferrado pola rogación.

Por outra banda, no Ritual Romano hai a oración “Ad petendam pluviam” (para pedir lluvia), que foi aconsellada polos bispos galegos na seca do verán do ano 1982. Trátase dunha oración que non ten ningún fundamento máxico, xa que non manipula ás forzas da natureza e á divindade, senón que invoca a Deus.

Con estes rituais o que se pretendía era posibilitar uns ritmos climatolóxicos normais, que garantisen a protección dos sembrados das diferentes freguesías. A este respecto Lisón Tolosana fai alusión a que “ el ritual de lluvias coopera figurativamente al mantenimiento y sucesión ordenada de procesos normales cosmológicos, beneficiosos para los campos enmarcados en la parroquia”.

1.2.2. Algunhas rogativas relevantes.
A. O “Clamor” de Deza (Pontevedra).
Dende hai moitos anos celebrábanse na comarca do Deza (Pontevedra) unha serie de rogativas, coñecidas co nome de Clamor. A estas acudían non só fregueses das diferentes parroquias, que integraban a confraría do mesmo nome, senón tamén outros pertencentes a freguesías limítrofes.

Nos seus inicios a confraría do Clamor estaba formada por vintecatro parroquias dos concellos de A Golada e Lalín , pertencentes a provincia de Pontevedra e a diócese de Lugo. Estas eran: Bermés, Palmou, Erbo, Rodís, Palio, Sello, Val, Cello, Cangas, Alperiz, Muimenta, Cadrón, Vilariño, Esperante, Gurgueiro, Orrea, Bais, Brántega, Carmuega, Trabarcas, Ferreiroa, Golada, Merlín, Santacomba y Ventosa. A motivación básica destas rogativas radicaba, segundo José Ángel López Gutiérrez, “ao calor e as choivas intensas, que facían perigrar as colleitas”. Pois ben, cando “ o clamor” se levaba a cabo para pedir auga, os veciños da parroquia de Vilariño portaban a imaxe da súa patroa, Santa María, ata o recinto sacro de Bermés. Pola contra, cando se realizaba para acadar unha melloría no clima, os de Bermés levaban a súa imaxe patroal ata Vilariño.
Achegamentos á cultura popular da auga (3)

A orixe desta tradición -segundo o párroco de Vilariño- data do século XIII, celebrándose por última vez no verán do ano 2015, logo de vintecinco anos sen realizarse (1990). Nesta última ocasión (2015) o clamor levouse a cabo para pedir auga. Por tal motivo, o domingo indicado os veciños da parroquia de Vilariño comezaron as 8,30 horas a peregrinaxe, portando nas andas a súa imaxe patroal – Santa María- ata a capela de Bermés, distante uns 14 km. A procesión pasou polas entidades de Cadrón, Cancelas, Cangas, Erbo e Palmou, onde os veciños sacaron ao camiño as súas imaxes patroais para saudar á que procedía de Vilariño. Esta proseguiu, guiada polos seus portadores, ata Bermés onde chegou ao mediodía. Alí ámbas as dúas imaxes marianas levaron a cabo un ritual de contacto, nomeado o “Ritual do Bico”; a continuación, concelebrouse unha misa solemne, logo da que a imaxe mariana ficou no recinto sacro de Bermés cinco domingos. Finalmente, o ritual rematou co retorno da procesión ao punto de inicio cinco domingos despois.

Publicado na revista "Croa" nº26. Viladonga (Castro de Rei).

NOTAS:
1. ELIADE, Mircea.: Ob. cit., 1954, páx. 192.
2. ELIADE, Mircea.: Ob. cit., 1954, páx. 191.
3. ELIADE, Mircea.: Ob. cit., 1954, páx. 192.
4. BLANCO PRADO, J.M.: Ob.cit., 1993, páx. 47.
5. LISÓN TOLOSANA, Carmelo.: Ob. cit., 1971, páx. 90.
6. CHAO REGO, Xosé.: Ob. cit., 1995, páx. 175.
7. LISÓN TOLOSANA, Carmelo. Ob. cit., 1971, páx. 91.
8.LÓPEZ GUTIERREZ, José Ángel.: “ O clamor de Bermés e Vilariño”, en Descubrindo Deza, nº 3. Anuario de Estudios e Investigación de Deza. Lalín: Seminario de Estudios de Deza, 2001.
9. VIDAL, Antonio.: “Como, cuando y para que se fundaron las rogativas del Clamor de Bermés” www.historiadeza.wordpress.com/2014/las rogativas
10. Houbo anos que, segundo os casos, quedou sete ou nove domingos.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES