Fun polo aire, vin polo vento
Editorial - viernes, 16 de febrero de 2007
As coplas dun tempo sen tecnoloxía non prevían para o aire máis función ca a de permitir a vida, e para o vento o anceio imposible de que nos transportase nas súas ás.
Hogano, a tecnoloxía ten adiantado unha barbaridade, e o vento ten numerosas funcións sen que sexa a menor a de xenerar enerxía ó move-los brazos dos novos xigantes que poboan os nosos montes.
Viñeron como polo aire os aeroxeneradores do parque eólico de Chantada, autorizados hai tres anos, e agora desautorizados por sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e terán que ser desmantelados. A saber cantos parques do cento que hai en Galicia están pendentes dunha resolución xudicial.
Aínda que un recurso diante do Tribunal Supremo podería confirmar ou rexeitar esta decisión, o certo é que durante tres anos unha instalación estivo pendente de decisión, que resultou adversa e pode orixinar ter que desmontar o inmenso tinglado tecnolóxico.
Todos viñeron polo aire, e imponse diálogo e cordura para que non se vaian polo vento. A Administración debe pactar cos propietarios, as instaladoras negociar cos afectados, e repartir axeitadamente unha tarta que parece doce abondo como para ser compartida. E logo procurar que a xustiza non nos pareza tan lenta, que mil días son moito tempo para obter decisión na instancia máxima galega, e aínda poderían esixir outros tantos para obter decisión definitiva en Madrid.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora