Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Rosa de Luz

sábado, 19 de noviembre de 2016
Luz Pozo Garza é un continente literario. Setenta anos de actividade poética ininterrompida convértena na escritora galega de máis dilatada traxectoria. Por iso mesmo aglaia a súa inesgotable capacidade para reinventarse e seguir a ofrecer textos de grande altura estética e orixinal feitío.

A última ledicia lírica coa que nos agasalla é Rosa tántrica, poemario publicado por Alvarellos Editora que conta cun deseño de cuberta e ilustracións interiores tamén obra súa. Rosa tántrica ten moito de homenaxe a Jorge Luis Borges, con quen a escritora de Ribadeo establece un celmoso diálogo literario no que a figura de Paracelso ten tamén unha presenza moi destacada.

Dividido en dous grandes bloques titulados “Libro I” e “Libro II”, os versos deste poemario tecen unha arañeira de alusións metaliterarias coa contística borgeana, que comparece aquí como obxecto do canto a través de relatos tan coñecidos como “El Aleph”, “El jardín de los senderos que se bifurcan”, “Las ruinas circulares”, “La casa de Asterión”, “La flor de Coleridge”, “El ruiseñor de Keats”, “Siete noches” ou “La rosa de Paracelso”.

Xustamente é a figura deste médico, alquimista e astrólogo suízo a que serve a Pozo Garza como guieiro dunha parte dos poemas, pois a lendaria capacidade de devolver a vida a unha rosa murcha que un seu discípulo desexa aprender do mestre de Zürich é o argumento de “La rosa de Paracelso”, relato de Borges arredor da cal poetiza a escritora.

Mais nesta Rosa tántrica hai tamén outras fías que se entrecruzan e fan do libro un tapiz estilístico e temático ben plural. Percíbese esta vizosidade na habelencia do seu deseño simbólico, onde o papel da flor (rosa, camelia ou loto) nos remite á Beleza e a permanencia, á perfección que loita por vencer o tempo. Un símbolo, por certo, recorrente na obra da escritora (lémbrense, por exemplo, títulos como Prometo a flor de loto ou Deter o día cunha flor). Do mesmo xeito, tamén destaca a aparición da arpa e o arpista na última parte do poemario (e aquí volven á memoria As arpas de Iwerddon), onde este último devén unha sorte de intérprete pitagórico da perfección da música das esferas que as arpas harmonizan. E outro tanto podería dicirse do comparecer de símbolos como o do arcanxo (espírito superior que conecta coa divindade) ou o tigre, tan caro a Borges e outros, encarnación de máis senlleira fereza que nos vencella cun sentir singular e atávico.

Rosa tántrica ten, dende o propio título, un moito de poética espiritualizada, de tantrismo ou esoterismo oriental, pero, sobre todo, hai neste libro unha densificación extrema do órfico, o alquímico e o transcendente revestidos de aparataxe cósmica. Procúrase a Luz, salvar a flor perenne da Vida, deixarse abanar polos solilunios todos e a revelación profética dos arcanxos salvadores, nun misticismo xenuíno que habita a poesía de Pozo Garza.

O volume péchase cunha “Coda” na que se integran dous poemas de escritores benqueridos pola ribadense: Claudio Rodríguez Fer, que lle dedica “As flores da vida”, e Carmen Blanco, quen lle oferta “Rosa azul”. Ambos e dous constrúen os seus textos referenciando moitas das claves que atravesan a poética de Pozo Garza, pechando así un círculo de amizade e reciprocidade creativa que os acompaña dende hai décadas.

Crédeme que vos ha prestar a lectura desta Rosa tántrica. Gozaredes coa autora vendo “galaxias e estrelas e miríades de soles”, captando “a simetría entre o espazo e o tempo/ o equilibrio perfecto na unidade suprema/ que é a Rosa” e acabaredes por recoñecer, coma ela, que “O Universo real estaba diante miña/ para ser admirado”.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania