Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Margarita Ledo, premiada por 'Facer País'

viernes, 18 de noviembre de 2016
Magnífico día para todos!. É unha honra, unha satisfacción e unha responsabilidade participar neste acto que fai o número quince dos de culminación anual do Premio Ramón Piñeiro “Facer País” que desde as terras de Láncara trascende a toda Galicia, por vocación, por intención, pero tamén porque tódolos premiados e premiadas, teñen en común a Galicia como norte, como amor, como devoción.
Margarita Ledo, premiada por 'Facer País'
Hai vintecinco anos que andiven por estas terras preparándome para escribir a Guía turística do concello, que titulei “Láncara para vivir”, non só –pero tamén- porque o nome puidera vir de “Lag” ou “Lang”, que significaría “vivir” ou “habitar”, como de “land” que sería “terra”, que podería entenderse como terra xeitosa para ser habitada. E houbo un día que tiven a sensación, a evidencia de que este era un territorio singular…

Estando en Vilaesteba –no máis alto do concello- empezou a nevar de tal xeito que cubriu a parroquia en poucos minutos… Empezando a baixar, pasou a ser choiva… logo, simplemente un teito de nubes. E por fin, chegando á Pobra, lucía un sol esplendoroso. E pensei que esto, nun concello, significaba que tiña unha especial conformación – montaña, planicie e val- como para ser considerado un pequeno país, con infinidade de arterias que levan a vida a todo o concello, con fermosura, variedade, individualidade, especificidade...

E velaquí que – neste pequeno país- nos comezos do século XXI, ás entidades vivas das terras de Láncara institúen un premio co nome do patriarca lancarés –patriarca para tanta xente!- Ramón Piñeiro, para honrar a xentes constructoras do país… Se os constructores das pontes que unian terras, foron os “pontífices”, neste caso en Láncara querían honrar aos “pontífices” de pontes inmateriais que unen anacos de país, e xentes, e querencias, e creencias… porque os que querían premiar – os e as que premian- son artífices dun país novo, que será patrimonio inmaterial dos galegos do futuro, un país que pode moi ben ser estimado na inmaterial medida que Manuel María estableceu para a Terra Chá que el fixo nacer: “Ferrados de corazón; fanegas de alma”.

Tamén Láncara –pequeno país- ten a súa especial Terra Chá, e Otero Pedrayo fala das “terras chairentas”, as que hai entre Láncara e o último tramo do Neira, e aquí houbo un aeródromo nos anos vinte e trinta do pasado século coñecido como “A Cha de Santa Marta”. “Ferrados de corazón, fanegas de alma”.

Os chairegos, que somos de natural absorbente – tendo en conta a Margarita e varios dos que a antecederon- poderíamos tentar destacar que os naturais da Terra Chá son parte importante dos premiados, pero non o faremos, non o farei, porque todos os premiados trascenden a orixe e “invaden” por ánima e ánimo todos os confíns do país, e forman parte da propiedade espiritual colectiva, da propiedade intelectual, inmaterial, de todos os galegos.

E catro deles están xa no ceo dos galegos – Avelino Pousa Antelo, Isaac Díaz Pardo, Xosé Neiras Vilas e Agustín Fernández Paz- disfrutan xa, e nese ceo eu creo firmemente, dese anaco de ceo especial para os bos e xenerosos desta terra, no que os premiados por “facer país” teñen excelentes avales para acceder cando lles chegue o momento, que sempre desexamos que lles tarde moito en chegar.

E con este ano, xa van quince… Lope de Vega, no seu soneto a Violante, no último verso, remataba: “Contad si son catorce, y está hecho”… Pois aquí, este ano, temos a evidencia de que as xentes de Láncara teñen afán de continuidade e a lista seguirá ata o infinito porque afortunadamente este país –o pequeno país de Láncara e o gran país da Galicia que queremos- ten exemplares “pontífices” aos que hai que honrar para que Galicia se vexa neles, se recoñeza neles, e agradeza o seu labor.

E velaquí que hoxe en Láncara hónrase a Margarita Ledo Andión, chairega de Castro de Rei, con monumento no Paseo dos Soños de Vilalba, que nos abriu os ollos aos galegos cara a un mundo poético diferente, a unha “habitación con vistas” cando hai moitísimo tempo Manuel María lle publicou na colección Val de Lemos o seu poemario “Parolar cun eu, cun intre e cun insecto”.

Non direi datos especiais de Margarita, que o Relatorio-Loubanza estará a cargo de Olalla Rodil, xornalista e deputada no Parlamento de Galicia. Só direi que desde que souben que ía participar neste acto non me saía da mente o verso de Rubén Darío que proclama “Margarita está linda la mar, y el viento lleva esencia sutil de azahar”… Esas refoladas que a veces penetran no pensamento das xentes sen saber ben por que…

Ben sei que aquí non encaixa algo así, pero quen é capaz de impoñerse ao seu cerebro que se empeña en fixar unha imaxe aprendida na nenez… E seguro que se eu fose poeta houbese tentado plaxiar a Ruben Dario para decirlle a Margarita que a terra adentro deste país se pon especialmente fermosa este outono para recibila… que o vento trae esencias propias da terra, que os “airiños, airiños, aires” asubían con especial dozura cando acariñan a multisecular Ponte de Carracedo… E que hoxe esta vella casa do Concello de Láncara – que o deixou de ser o ano 58, e hai desto 58 aanos – cobra vida e se reviste de especial señorío para acollerte entre os seus muros, e propiciar que entre eles, se che recoñeza o teu traballo concienzudo, a túa visión de país, o teu firme camiñar, a paixón pola escrita e pola imaxe, a vocación pedagóxica… as túas crenzas, e a firmeza en defendelas.

Vede o singular deste premio: na súa firmísima historia, hai nomes esenciais como Luis Tosar, A Mesa, Milladoiro, Beiras, A Nosa Terra, a Real Academia ou Neira Vilas… E hai especialísimos nomes propio, xa que se se fala de Basilio, é Basilio Losada; Agustín, é Fernández Paz; Isaac é Díaz Pardo; Avelino, é Pousa Antelo… E Mini e Mero son voces da nosa conciencia colectiva que levan máis de medio século facendo máis habitable (e máis fermoso; e mais sonoro e máis alegre) este país.

Pero, de novo, este premio ten xénero feminino… Margarita é a terceira muller premiada por “facer país”… As tres premiadas, feminino singular, con nome propio… desas venturosas e esforzadas xentes que non precisan apelido para identificarse… O seu apelido pode ser “de Galicia”… Luz de Galicia; Marica de Galicia; Margarita de Galicia… As tres, co máximo común divisor ou mínimo común múltiplo de ser poetas en galego.

Na Galicia dos soños, da ilusión, do escribir e do saber… se falas de Luz, sólo pode ser Luz Pozo Garza; se se fala de Marica, ten que ser Marica Campo Domínguez; se falas de Margarita, non hai outra máis ca Margarita Ledo Andión.
Que fermoso país grande habitamos ou desexamos habitar que os seus personaxes sobranceiros, as persoeiras destacadas, podemos coñecelos –podemos coñecelas- polo nome, como ocorre, cos nosos veciños, cos nosos amigos, cos nosos irmáns…

Que fermoso país pequeno o de Láncara que sabe trascender e aumentar as súas dimensións físicas hasta a inmensidade do pensamento e da cultura, hasta as profundidades do coñecemento e dos esforzos, ata os cumios das ilusións e dos anceios… ata as inmensidades do corazón humano que co seu latido produce a vida que disfrutamos, e todas aquelas vidas que podemos soñar.

Parabéns Láncara, pequeno país… parabéns, lancareses, por vivir nun pequeno paraíso… parabéns especiais a todos os que formades parte da organización deste Premio, e a todas as institucións e particulares que colaboran nel; parabéns, humilde e xeneroso Ramón Piñeiro, ao que varias veces puiden entrevistar, porque a túa terra garda de ti especial memoria; parabéns a todos os presentes por participar neste acto de xustiza; parabéns a todos os premiados e premiadas en anos anteriores; parabéns especiais, Margarita, por este premio de hoxe, que é como un doutorado, sacramento laico que imprime carácter… e interiormente doume parabéns a min mesmo por ter podido participar nesta solemne, necesaria e xusta celebración.

Viva Láncara, vivan os lancareses, e viva por sempre o premio Ramón Piñeiro “Facer país”.

(Palabras de Xulio Xiz en Láncara, o 12-11-2016, no acto de entrega a Margarita Ledo Andión do "Premio Ramón Piñeiro - Facer País").
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES