Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Margarita Ledo, pegada e cicatriz

miércoles, 16 de noviembre de 2016
Cando me convidaron a participar no acto de entrega do Premio Facer País a Margarita Ledo e tomar a palabra pensei –e desculpen o atrevemento por falar de min-- 'pero se eu non son ninguén!'. Pasado o susto inicial decateime de que, en realidade, son en certa medida herdeira da persoa á que hoxe se lle recoñece o seu inmenso traballo profesional e persoal con este premio.

Son xornalista de profesión, feminista e nacionalista por convicción, e nacín na montaña de Lugo. Margarita Ledo é para min un referente, desas persoas que abriu camiño e tronzou valados ao longo da súa traxectoria. A primeira muller –e até o momento a única, directora dun xornal na Galiza. E non de calquera senón d'A Nosa Terra.

Doutora en Ciencias da Información pola Universidade Autónoma de Barcelona e catedrática de Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela, Margarita Ledo ten traballado como investigadora arredor do papel dos medios de comunicación na construción da identidade e nos sinais que a compoñen. A súa tese, Prensa e galeguismo: da prensa galega do XIX ao primeiro periódico nacionalista : 20 anos de "A Nosa terra" , defendida en lingua galega na Universidade catalá, reflicte a importancia de contarmos con ferramentas que nos permitan ollarnos a nós propias, como pobo, sen filtros, como o foi A Nosa Terra ao longo da súa historia.

Mais a ollada de Margarita Ledo vai alén da imprensa para escudriñar no poder da imaxe como documento. Detrás da cámara como documentalista ou como escritora, docente ou investigadora, Margarita Ledo descúbrenos personaxes como Enrique Líster ou Manuel María xunto a outros menos recoñecíbeis como os antifascistas do Santa Liberdade, as mulleres da diáspora ou o cineasta Carlos Varela Veiga.

Comprometida co seu pobo e a causa dunha Galiza dona de si mesma, a biografía máis persoal de Margarita Ledo convértea no reflexo da historia recente do noso país e afonda na cicatriz –se me permiten a licenza de empregar como metáfora un termo collido da súa filmografía-- que vai deixando a loita pola xustiza social, a democracia e a soberanía nacional.

Filla de nai nada na emigración en Cuba e de pai militante de Esquerda Republicana, Margarita Ledo toma contacto coa militancia política e a cultura alternativa durante a súa estadía en Barcelona como estudante de xornalismo. O seu compromiso político como integrante da Unión do Povo Galego levaraa ao exilio a Portugal entre 1974 e 1976. Conta con 23 anos de idade e dous poemarios xa publicados, o primeiro deles, Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto? da man doutro chairego, Manuel María, e do selo Xistral.

De volta do exilio e despois do seu paso pola Nosa Terra como directora, continúa afondando na súa escrita como narradora con Mamá-Fe o seu primeiro libro de relatos, publicado en 1983. Logo virán Trasalba, Violeta e o militar morto, Linguas mortas, Serial radiofónico ou Historias como Barcelona. Non abandona tampouco a poesía, aínda que ela asegura tela feito 'por encarga', que verá a luz en distintas publicacións ou no Festival de poesía do Condado.

Coa chegada do novo século e sempre combinando o seu labor como docente na Universidade de Santiago de Compostela, Margadita Ledo mergúllase de cheo no cinema. Detrás da cámara participa en Hai que botalos, unha peza audiovisual promovida polos colectivos Burla negra e A Fraga maldita en 2005 na que 25 curtametraxes estimulan desde o audiovisual o “boto” con b, despois da catástrofe ecolóxica do Prestige.

En 2009 resgata a Memoria do nacionalismo galego rexistrando a historiadores e protagonistas que relatan desde finais do século XIX até a transición, a traxectoria do movemento soberanista galego ao longo da historia.

Ese mesmo ano ingresa na Real Academia Galega e no seu discurso Do bucle e da fenda. Para un ensaio crítico sobre a cultura galega tece de novo unha rede na que Rosalía de Castro, Otero Pedrayo e Carlos Velo fían a memoria do país, da nación. Coa súa entrada convértese na quinta muller académica fronte a 23 homes. De novo abrindo camiño.

A elas, ás mulleres, Margarita Ledo dedica a súa longametraxe, A cicatriz branca, filmada entre Galiza e Buenos Aires, o primeiro filme rodado en galego na diáspora e dedicado ao papel que tiveron as mulleres na emigración. Cinema de ficción co que botar unha ollada a unha realidade poucas veces contada, a daquelas que marcharon soas cara a América, como ilegais.

Contadora de historias, Margarita Ledo ten tras de si millentas razóns para merecer o premio que hoxe se lle outorga no Val de Láncara. Mais hai, entre todas elas, unha que a torna máis merecente aínda –se me permitides outra volta o atrevemento-- ser un referente.

Cando vés do rural, es muller, nacionalista e xornalista precisas ver que por ese camiño enlamado, cheo de teitos de vidro e olladas paternalistas, outras transitaron. Que da Escola rural de Barxa podes chegar a dirixir un xornal, dar aulas na universidade, facer cinema e, por suposto, facer país.

Que o muro, como dicía a poeta negra Assata Shakur, ao fin e ao cabo é só iso, un muro e nada máis que iso. Pódese derrubar.

(Intervención de Olalla Rodil na entrega do "Premio Ramón - Facer País" a Margarita Ledo Andión, o 12 de novembro de 2016, en Láncara).
Rodil, Olalla
Rodil, Olalla


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES