Blanco sobre negro
Xiz, Xulio - martes, 13 de febrero de 2007
Branco e negro identifican os bandos do xadrez, contrastan o Arlequín, representan luz e escuridade. Branco sobre negro: nitidez, claridade e negativo fotográfico.
Blanco, lucense en Madrid, segundo do PSOE. Negro de asfalto, Ministerio de Fomento.
Blanco, afirmando que a autovía A-76 pasará polo sur lucense, din que dixo: A miña palabra vale máis que a de calquera responsable do Ministerio de Fomento.
En efecto, a palabra de Blanco en materia de fe e costumes socialistas vale máis ca as de Fomento. En materia de estradas, coido que non.
Fomento, desde Madrid, é quen fai as estradas e só o Presidente do Goberno, xefe natural da Ministra, pode facer valer a súa autoridade, aínda que ben se comprende que ó estar tan lonxe precise información e consello de entendidos.
Eu celebro que Monforte chegue a ter esa autovía. Ese é o fondo que a todos nos interesa. Pero hai que coidar as formas, que en política son moeda de curso legal.
Que Blanco domina sobre o negro, ¡seguro!. Pero dicilo así, subordinando o goberno ó partido, sona moi forte, aínda neste concerto desafinado da política actual.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora