Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A política como continuación da guerra

jueves, 10 de noviembre de 2016
Sorprende con desagrado que algúns políticos en España (perdón, no País) se empeñen en xunguirse aos despropósitos verbais e xestuais. E supoño que as causas son tantas como as argucias para dar a coñecer o seu presunto valor; pero entre elas hai unha preeminente, que os supera sen decatarse: A carencia de ideas pertinentes que ofrecer aos cidadáns, incorporando nas intervencións parlamentarias paragrafadas como as faíscas dunha desaforada tormenta, na que os tronos presentan un son entrecortado dun ruxir arrepiante.

Pero isto non deixa de ser curioso e revelador, porque ademais de evidenciar unha debilidade do resplandor dos raios, que parece que causan moitos máis pasmos nas miopías do populacho que na perspicacia dos destinatarios directos, resulta que permiten constatar que os españois aínda seguimos empregando muletas dun pasado magoante: Facer política como unha continuación da guerra, a contrario sensu da seguinte documentada opinión.

Helmuth Karl Bernhard von Moltke (1800-1891), un prestixioso e culto militar alemán, que con Otto von Bismarck foi o artífice da unidade alemá no 1871, chamaba á guerra “a continuación da política con outros medios”, e hoxe podemos chamar a política en España “a continuación da guerra con case as mesmas causas e medios argumentais”: A división entre os bos e os malos e a desmembración nacional con profunda desvertebración social, denunciada xa por Ortega. Porque iso das esquerdas e das dereitas, a estas alturas, quedan como un recurso literario que soa moi ben na compaña do reiterado sintagma “goberno de progreso e cambio”; pero non nos di nada, sobre todo se por progreso se entende calquera zarapallada e por cambio o do poder noutras mans ou o da convulsión social. Pois, aínda que o progreso é necesario, a súa semántica esixe un rigor conceptual que o releve da habitual funcionalidade de comodín da inexperiencia, e o cambio pide concreción e oportunidade contextual, fuxindo das prácticas de laboratorio ou do balbordo rueiro.

É unha pena que nas xeracións tan preparadas que temos de xente nova, xurdan actitudes violentas e comportamentos impropios deste século, incluso aínda que teñan algún motivo para iso, que non xustificación; porque da a impresión de que esa excelente formación non lles serve para forxar unha personalidade suficientemente inmune ás influenzas daqueles que toman como lema a mal comprendida sentenza de Nietzsche, que di: “o home debería bailar antes de aprender a andar”; xa que non teñen ningún reparo en lanzarse o abismo do futuro (en poñerse a bailar antes de terse de pé), saltando arrogantemente á incerteza do máis aló dos límites da razón. Desafortunadamente, en España, no ámbito da política, non reparan incluso en abonar prácticas aberrantes, que algúns deles mesmos xustificaron nos países da orixe: Son incapaces de administrar un saber pausado, que consideran propio de engravatados senís, e, para marcar diferenzas, utilizan unha extravagancia raiana coa chulería do matón: Estraño medio de espertar a atención!.

O afervoamento das masas tutela a espectacularidade buscada por algúns destes políticos; pero non resolve os problemas. Non obstante, tamén hai que recoñecer que son as reaccións aos gobernos que, con inaudita insolencia, non se esforzan por dar solucións ás necesitades dos máis desvalidos, e son causantes, na historia, de respostas que, aínda sendo vanas por inadecuadas, denuncian un malestar social, que nunca debería ser tomado a beneficio de inventario, sen considerar que as novas xeracións son mostos sen terminar de fermentar para determinadas funcións públicas e non se pode evitar que revertan espumando. Quen non o entenda así debería escusarse dos cargos de responsabilidade social, para cortar ese tedio que, reiteradamente, produce a súa insulsez habitual.

Nunha cita de Georg F. Nicolai, ese médico alemán ao que me referín noutra colaboración, fai alusión a Sebastian Brant, catedrático de Dereito e irónico escritor medieval (1457-1521), quen na súa obra “Narrenschiff “ (o Buque dos Tolos), en latín, escribe isto: MUNDUS VULT DECIPI, ERGO, DECIPIAMUS (o mundo quere ser enganado, logo, enganémolo). E engade Nicolai: “É o único práctico; hai que ouvear cos lobos, e quen quere gobernar aos homes, ten que enganalos por suxestión e adulación, prosternándose ante as súas necesidades metafísicas; pois é este o prezo mínimo que o populacho pide pola súa submisión”. Esperemos que estes tempos estean superados. Pero...

Se eu lles dixera aquí que hai políticos que presumen de ter métodos “progresistas e de cambio” e, non obstante, empregan recursos medievais, vostedes, pacientes lectores, seguramente non acadarían o verdadeiro sentido das miñas palabras, e tomaríanas como un recheo narrativo; pero espero que coas referencias a S. Brant comprendan que clase de “progreso” e de “cambio” podemos esperar deles. Mais isto non queda aquí. Preocupan, polo menos dous feitos máis: Que haxa populachos medievais e que non se poida excluír que tamén algún destes dirixentes políticos crean o que eles mesmos din.

Para non converter o Parlamento nun campo da política bélica, hai que pensar que cando se pide COLABORACIÓN debe partirse de que somos DIFERENTES, que non hai que confundir con DIVERSOS, e por isto estamos condenados a vivir competindo e colaborando dentro da mesma especie. É este un xogo de termos que, habitualmente, consideramos equivalentes, e non o son. Explicareino.

Para non complicarnos a vida, empecemos por quedarnos con que un cabalo é diverso dun home, e, dentro da súa especie, diferente doutro cabalo; o home é diverso do cabalo e, dentro do seu phylum, da súa especie, diferente dos demais homes. Penso que isto pode apoiarse na mesma etimoloxía: “Diversus” é o participio pasivo do verbo “diverto”, que, entre outros, ten o significado de “separarse”; e “differens”, participio de presente de “differo”, “esparexerse”.
Se consideramos a clasificación taxonómica dos animais en xeral, a separación está referida á diversidade específica entre o home e o cabalo, por exemplo, porque non son da mesma especie. En cambio, a diferenza é consecuencia das distintas propiedades dentro do esparexemento do esquema filético (específico) entre os individuos dunha mesma especie. Pero no caso do home hai propiedades por APROPIACIÓN, que son aquelas que vai adquirindo no decurso da súa vida: É carpinteiro, avogado, médico, agricultor, etc. Estas propiedades, que non adquire o animal, son básicas na COLABORACIÓN SOCIAL, porque sen esa diferenza que introducen, ademais das que posúe pola súa condición de animal, non podería colaborar. Polo tanto, o home é un animal colaborador, por esixencia da convivencia, pero por decisión libremente racionalizada: os instintos quedan reducidos a áreas moi limitadas da súa actividade.

Esta distinción terminolóxica permite explicar razoablemente algúns comportamentos dos políticos nas institucións que estruturan unha sociedade, tendo en conta que o que ocorre é que levan a “diversidade” ao campo da “diferenciación”: Os elementos instintivos, da mera animalidade, selváticos, de utilidade nas AGRUPACIÓNS animais, afloran na SOCIEDADE, asumindo funcións propias da racionalidade humana. Hai un excesivo uso da linguaxe xestual e mímica, incluso no vestir, e perséguese a carga do ambiente cun certo tufo selvático, cando se poñen en tea de xuízo os “constructos” propios dun estado de dereito, cunha terminoloxía que leva a pensar nos recursos naturais dos brutos na selva, máis propios dun antropoide que dun home evolucionado.

Por isto, a utilización dos instrumentos de colaboración social – ideados pola racionalidade humana – como lugares de exhibición de certas condutas afervoadas, ben merece unha respectuosa reconsideración, se non se pretende dar certeza e vigor á sentenza que encerra o título deste artigo.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES