Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sempre ten razón o pobo, ou só cando me convén?

jueves, 10 de noviembre de 2016
Xa levo varios anos preguntándome se será certo ese dito de que o pobo non se equivoca nunca e sempre ten a razón, como tantas veces se afirma con contundencia. Pra ser sincero e sen medo a dicir en alto o que parece ser politicamente incorrecto, tería que dicir que xa levo anos convencido de que non é certo que o pobo sempre teña razón. Creo que hai veces que non a tén; e se me apertan ata diría que non a tén nunca.

Ouso dicir que non a tén nunca por unha razón moi sinxela: Porque o pobo non existe como suxeito de decisións. Quen existimos somos as persoas que formamos o pobo e que decidimos individualmente, colectivamente, gregariamente, en manada, ou baixo a disciplina do partido. Rara vez libremente.

Tomando a palabra pobo, como soe ocorrer, como representativa dunha cantidade máis ou menos grande de persoas case sempre afíns por ideais ou por comenencia, tampouco ten sempre razón.

Acudo a un exemplo que por crenzas relixiosas e por afectividade cádrame próximo: Cando o pobo berraba que Poncio Pilato soltase a Barrabás en lugar de Xesús, ou que a este o crucificase, non tiña razón. Se cadra eran uns poucos ben manipulados polos que pospoñían a verdade ós propios intereses, en definitiva ó poder. Pero non a terían nin aínda que fosen milleiros.

Pola contra tería que dicir que cando a multitude que o día de Ramos proclamaba e cantaba: “Bendito o que ben no nome do Señor”, si, tiña razón e teríaa aínda que só fosen media ducia.

Por convencemento estou máis próximo a esta proclamación ca aquela condena sen xuízo previo; pero cabe preguntarse: e se os do día de Ramos tamén estivesen manipulados e bailasen ó ritmo que outros lles marcaban?

Son consciente de que me estou metendo en camisas de once varas e que pode saltar calquera acusándome de demagogo ou de non demócrata e tratando de correrme a xasteirazos como intentaron facer non hai moito con un que, a pesar de saír elixido, dixo nun momento de medio mareo que os galegos votaran, como escravos, ó amo, ó cacique, ó que manda… Non tardou en desculparse ante outros que, nas mesmas circunstancias, pensarían o mesmo pero, se cadra. non o dicían en voz alta. Eu non me desculpo aínda, pero antes de que comecen a caerme xasteirazos agradecería que me deixasen dicir que, como lin algún vez, a democracia non se inventou pra definir verdades, senón como o medio menos malo de chegar ó poder mediante o sufraxio de maiorías.

En canto a que os votos non serven pra constituíren verdades usarei un exemplo copiado tamén, pero agora mesmo non sei de quen; Se hai dous mil anos se votase sobre quen se move, a terra ou o sol, terían maioría absoluta, ou total, os que dixesen que a terra, e máis non por iso sería certo.

A verdade non depende das estatísticas, e parece que cada vez menos, polo que se vai vendo. Se o cincuenta e un por cento da poboación fósemos coxos, habería que concluír que os que andan mal son os outros? Poderá depender a existencia de Deus do número dos que crean nel?

A que ven todo isto? Moi sinxelo: A que, pola vixente lexitimidade dos votos, hai novo presidente dos Estados Unidos e dos Estados non Unidos pero Anexionados entre os que estamos nosoutros. E neste saco cada un pode meter o que queira, o seu próximo teléfono móbil, o prezo do petróleo, o terrorismo yhadista, ou a mal chamada comunidade europea.

A forza dos votos americanos fai presidente, tamén noso, sen votalo, a un exemplar único. Únicos somos todos, pero este ademais de único é singular, exclusivo e excluínte; porque tamén se di del que se fixo a si mesmo, e supoño que o cre. Como non se especifica, penso se se faría dos anaquiños restrebados que el mesmo foi apañando, ou dos que lles fixo apañar ás escravas, que segundo fanfarronea fachendoso, mesmo se derreten por el, por ser una estrela irresistible.

Prefiro o luar ou un ceo encapotado a estas estrelas fugaces, pero vese que o pobo americano, ou boa parte del, preferiu dar o seu voto a esta estrela que non enganou a ninguén, senón que representa a xenofobia, o racismo, o machismo máis ramplón, o pelotazo, a vinganza, a sen razón; pero por riba de todo, a grandeza da pura sangue norteamericana elaborada con transfusións dos cinco continentes.

Logo tería máis razón o pobo se fixese presidenta a dona Hillary? Como son dos que negan que o pobo teña entidade en si mesmo, non teño por que contestar.

Total, pra dicir que tampouco… ou pra responder con outras preguntas: E logo por que só foron quedando eses dous?. En base a que se fixo a selección? Calquera cidadán pode aspirar a ser o principal inquilino da Casa Branca, ou tén que dispoñer de pingües contas bancaria e apelido preseleccionado? Aconsellaríanlle presentarse á Hillary as múltiples “cuñadas” que lle atribuíu Trump antes de apaxeala como manso añiño tan presto saíu elixido? Xa se sabe que nin nunha sociedade tan pioneira como a estadounidense rexen as mesmas normas pró esposo da presidenta ca prá esposa de presidente, referentes a aquilo que din que dixo o emperador don Xulio César referíndose á súa muller, Pompeya, de non só ser honesta, senón ademais parecelo.

Hai quen di que unha das cousas boas, por citar só unha, que vai traer o mandato de Trump é que se disipa o perigo de guerra fría nin quente, porque son amigos o rubio cawboy e o lampiño KaGeBeo. Serán capaces de ter amigos os que se fan a si mesmos, ou só se quererán a si mesmos?

Outras posibles formas de poder tampouco me gustan nadiña. Non quero volver a ler nunha moeda: “Caudillo de España por la gracia de Dios”. Riqueza, poder e relixión mesturados fan unha tortilla que os estómagos que sofren de estreituras non poden dixerir; e en cambio, outros só se alimentan dela, mentres dura.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES