Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Achegamentos á cultura popular da auga (1)

miércoles, 09 de noviembre de 2016
Achegamentos á cultura popular da auga na Provincia de Lugo

Publicado na revista 'Croa' nº26. Viladonga (Castro de Rei).

Introducción

Dende sempre, os seres humanos contemplaron que a natureza estaba composta dun conxunto de seres individuais de diferente entidade e de diversa índole. Non embargantes, ía ser un filósofo milesio, natural de Mileto (1), quen no século VII (a.d.C.), expuso a seguinte cuestión:

“¿Sería posible que a multiplicidade de seres que eu observo na Natureza poidan reducirse a un só?”. Pois ben, este filósofo foi o primeiro ser humano que tentou combinar a “unidade” coa “diversidade” nun primeiro principio ou Arkhé (Arjé), que sitúa na Auga, a partir da que todo o universo se desenvolve. Este monismo foi continuado por outro filósofo milesio, Anaximenes, quen xa puso ao aire, como principio único; logo, Jenófanes colocou á terra como primeiro elemento vital; e Heráclito, ao lume. Xa a mediados do século V (a.d.C.)

Empedocles propiciou o paso do monismo ao pluralismo, recoñecendo que este primeiro principio é múltiple. Xorde así a teoría dos catro elementos: auga, aire, terra e lume, que denominará “raices de todas as cousas”. Posteriormente, no século IV (a.d.C.) o filósofo grego Aristóteles daralles o nome de “elementos de todas as cousas”, e así vai xurdir a “teoría dos catro elementos constitutivos do real”, que durará ata o nacemento da Química moderna, feito acaecido no século XVIII grazas aos traballos de Lavoisier e Priestley.

Este líquido e importante elemento pode ser analizado dende diferentes perspectivas: a auga, como base da actividade económica; a xeopolítica da auga; a contaminación da auga; a auga, como xeradora de enerxía; a auga, como lecer:deportes; a auga, como elemento sandador: termalismo, spas etc. Neste artigo voume achegar a este elemento natural dende unha óptica popular, centrada dun xeito preferencial na provincia de Lugo.

Para comezar esta análise é mester ter presente dúas premisas:

1ª . A auga percíbese como claro orixe da vida. Isto sabeo dende sempre o campesiño, para quen unha prolongada seca, así como unha forte treboada, poden repercutir dun xeito negativo nas súas colleitas. Polo tanto, cómpre poñer remedio a estes males e usar unha serie de canles tanto para erradicar a seca como evitar as treboadas.

2ª. Ademais, o campesiño vai (a) necesitar da auga non só como elemento fecundador, senón tamén para sandar doenzas humanas e do gando.

I. TIPOS DE AUGA NA CULTURA TRADICIONAL.
Ao falar deste elemento natural podemos distinguir, segundo a orixe, a auga que procede da chuvia e das treboadas, que recibe o nome de “auga do ceo ou de arriba”, e a auga dos pozos, das fontes, dos ríos e do mar, denominada “auga da terra” e que- segundo Mandianes Castro- abranguería tanto as augas do espacio humano como as que están fora (2). Segundo o nacemento, é mester aludir a catro tipos de augas: a das fontes, a dos ríos, a do mar e a dos ceos (3).

1. A AUGA DE ARRIBA, DO CEO.
Esta auga no imaxinario popular era absorbida dos ríos por unha entidade maléfica, especie de bruxa. Trátabase, segundo a cultura antiga romana, de Vétula, unha divindade prexudicial á que o poeta romano Ovidio describe como “ a que alimenta con auga as nubes” (4). Esta auga pode caer con mesura ou ben dunha maneira violenta, ocasionando pedrazo, trebón, treboadas etc...

1.1. PRIMEIRO PROBLEMA. TREBOADAS. PEDRAZO.
1.1.1. OS NUBEIROS OU TRONANTES.
Hai uns seres chamados Nubeiros ou Tronantes, que exercen un control sobre este tipo de auga. Son seres sobrehumanos, entre reais e misteriosos, que ascenden ás nubes mediante o po e o fume, manipulando ás nubes no seu beneficio. Ás veces, son coñecidos polos propios veciños, quen lles pagan para evitar que veñan os tronos ao lugar (5). Noutras ocasións, poden ser estranxeiros, de fala estraña, que veñen pedindo polas casas, onde moitas veces danlles por temor a que lles boten os tronos en venganza (6). Ao longo da historia e, no ámbito da cultura cristiana, estes entes foron esconxurados ou negados polas autoridades eclesiásticas. No intre actual son considerados como bruxos e nigromantes (7). Na provincia de Lugo podemos facer mención, entre outros, aos seguintes nubeiros:

“Na parroquia de Abeledo (Abadín), houbo un cura, que lle chamaban o Antoñanes. Un día presentouse unha tormenta e o cura, que estaba na casa rectoral, púxose a ler nun libro que tiña enriba da mesa do escritorio. Lía de présa e suaba. E así estivo bastante tempo ata que, moi apurado, tivo que meterse debaixo da mesa, xusto a tempo para librarse dun coitelo grande, que se chantou no medio e medio da mesa. De inmediato, a treboada foise indo e descargou no monte, onde non fixo dano a ninguén. O coitelo mandárao o nubeiro, vencido polo esconxuro do cura Antoñanes” (8).

“Din por Monterroso que houbo unha vez un crego que conseguiu, a través dun esconxuro, capturar a un destes nubeiros. Tras facelo baixar da súa nube, ordenoulle que non volvese facer ningunha treboada cando oíse a campá da igrexa de Monterroso. Con todo, non sabemos se o nubeiro escapou de novo e se cambiou de estratexia. Quén sabe se é el quen nos está a mandar as nubes que agora nos azoutan sen descanso (9).

“Un dos ramais do chamado Camiño de Inverso a Santiago de Compostela pasa por San Clodio, concello de Ribas de Sil (Lugo). En certa ocasión, cando os veciños de Pumares estaban mallando, presentouse unha enorme treboada xusto no momento no que un peregrino pasaba polo lugar. Os veciños de Pumares pensaron que se trababa dun tronante e que provocara a treboada para derramarlles o cereal, así que se botaron tras del para, probablemente, medirlle o lombo ben medido. Mais á altura de Rairos, a onde chegaron perseguido e perseguidores sen folgos, aclarouse todo. Nin era nubeiro, nin sabía das súas artes” (10).

“Un crego e un amigo de seu, de profesión albeite, parten aínda de norte desde Conforto en dirección a Meira. No camiño comeza o ceu a se anublar e principia unha forte treboada con lóstregos e tronos. Entón o abade pide ao seu amigo que o abandone porque él vai morrer a mans dos nubeiros, afirmando que, se o albeite fica no sitio, correrá a mesma sorte. O amigo acaba fuxindo, en canto os tronantes matan primeiro á mula e, finalmente ao crego. O narrador culpa da súa morte ao feito de non levar estola, que o crego esquecera na súa casa” (11).

Sen dúbida, o potencial e real carácter homicida do nubeiro leva a súa función cando non hai unha protección sacra por parte do ser afectado. Polo tanto, a sacralidade protexe e rexeita ao nubeiro alí onde se fai presente.


NOTAS:
1. Cidade, situada nas costas do Asia Menor (actual Turquía).
2. MANDIANES CASTRO, M.: Antropología dunha parroquia galega. Loureses, Vigo: Galaxia, 1982, páx.
3. CUBA, X.R. ; REIGOSA, A. ; MIRANDA, Xosé.: Diccionario dos Seres Míticos Galegos, Vigo: Xerais,
4. CHAO REGO, Xosé.: O Libro da Auga, Sada (A Coruña): Ed. do Castro. Cadenos do Seminario de Sargadelos, nº 71, 1995, páx. 264.
5. FRAGUAS, Antonio.: La Galicia insólita, A Coruña, 1973.
6. RISCO, Vicente.: “Etnografía. Cultura Espiritual”, en Historia de Galiza de Otero Pedrayo, Akal, Madrid, 1979, páx. 459.
7. CUBA, X.R. ; REIGOSA, A. ; MIRANDA, Xosé.: Diccionario dos Seres Míticos Galegos, Vigo: Xerais, páxs. 178-179.
8. CARNERO, O,; CUBA, X.R,; REIGOSA, A.; SALVADOR, M.. Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín, Lugo: Deputación Provincial, 2004, páx. 48.
9. MUXA, Juan.: Blog. Deputación. Lugo.org. Monterroso.
10. Galicia – Encantada. Com /lenda.asp?. Enciclopedia da Fantasía Popular de Galicia coordinada por Antonio Reigosa.
11. VAQUEIRO, Vitor.: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, Vigo: Xerais, 2011, páx. 489.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania