Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Galicia 100

lunes, 07 de noviembre de 2016
Unha visita protocolaria ó cemiterio coruñés de San Amaro deume pé, nantronte, para visitar con calma e en soidade -que é como mellor se contempla unha exposición- unha mostra certamente interesante, que penso que acabará vindo a Ourense e que xa me fascinou, polo que a mesma supón de reto, cando seguín a súa inauguración en Compostela a través dos medios de comunicación.

Trátase dunha colección promovida polo Consello da Cultura e amparada por Abanca, que ideou e coordinou o xornalista, xestor cultural e escritor, Manolo Gago e que trata de describir a historia de Galicia a través de 100 obxectos ou pequenas coleccións, representativas, logo entón, dende as ferramentas líticas do paleolítico inferior ata un cartel "fosforito" cos que dende hai anos se anuncian as festas do verán polo longo e largo da xeografía parroquial galega.

Obxectos, en todo caso, representativos da vida cotiá -por máis que algúns sexan agora valoradas pezas de museo- e que non teñen outra pretensión cá describir cómo evolucionamos con personalidade propia ó longo dos séculos, asentados como estivemos sempre neste recuncho do mundo e cómo algúns de nós contribuíron á nosa evolución dende outros puntos cardinais radicados fundamentalmente en América.

É certo que levei unha pequena decepción (loxicamente non atribuíble a Manolo Gago senón -é posible- ós custodios dos obxectos) ó comprobar que algúns deles -poñamos por caso, a Tábula de Castromao ou a virxe abrideira de Allariz- só se atopan en fotografía substitutiva e non o obxecto real. Pero supoño que iso halle dar a Manolo Gago para escribir outro libro cando remate a itinerancia da mostra e teorizar así sobre os museos e o debate interminable co que estes conviven permanentemente arredor da conservación, a protección e a divulgación da nosa memoria.

Tamén é certo -mentiría se dixera outra cousa- que botei en falla algunhas iconas (poñamos por caso o crego-inventor Ramón Verea, algún disco dos Tamara ou o Tío Marcos da Portela, pero velaí que ese era o verdadeiro reto ó que se enfrontou Manolo Gago e onde aniña a auténtica dificultade da colección. Non en van, cada quen escolleriamos as nosas e dificilmente coincidirían. Do mesmo xeito que no fútbol todos temos a nosa propia selección.

"Galicia 100" é o seu título e se lle cadra ir pola Coruña non deixe pasar a ocasión de visitala, porque estou seguro de que dun xeito ou doutro verase recoñecido nos cen obxectos, xa sexa centro da súa auténtica versión ou mesmo transmutado na memoria dos seus avós ou dos avós dos seus avós. E se hai que quedar con algún, eu quedo co cartel de 1984 e coa lenda "Fálalle galego" porque este idioma -tan maltratado hoxe- é o que os une a todos, como o fío une ás perlas e fai con elas un colar de moitísimo máis valor.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES