Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Meu Bos Aires querido

miércoles, 22 de mayo de 2002
O nome da gran cidade sudamericana repítese unha e outra vez no mundo enteiro dende hai varias semanas debido á crise que vive toda a Arxentina. Buenos Aires, esa “cabeza de Goliat”, tal a denominación acuñada por Martínez Estrada, foi unha referencia entrañable para min dende meniño, dende que comenzei a ollar o mundo a través dos palitroques do berce. Unha referencia familiar. Porque a emigración marca todo en Galicia, este país-maleta. Os primeiros emigrantes chegaron a aquelas terras o século XVIII. Eran colonos que arribaron coas súas familias na época do virrei Vértiz. A riada foi a máis, e en 1960 había catrocentos mil galegos nativos só na Capital Federal. De Buenos Aires viñeron a este país escolas, ideas de progreso, estatutos para sindicatos, e o diñeiro, peso a peso aforrado, para erguer casas novas, redimir foros, desempeñar leiras e moitas cousas máis.
En Buenos Aires editáronse libros na nosa lingua que aquí estaban prohibidos pola censura, patrocináronse concursos literarios e musicais, mantívose a dignidade e a acción cultural galega en tempos difíciles para a Galicia territorial. Foi o destino de exiliados como Castelao, Luis Seoane, Lorenzo Varela, Rafael Dieste, Suárez Picallo e moitos outros nomes claves das nosas letras e das nosas artes. Na década dos cincuenta, os nosos emigrantes crearon alí máis dun cento de asociación, dezaoito coros, bandas de música e sesenta e cinco grupos de gaiteiros. Dictáronse clases de lingua, literatura, xeografía e historia de Galicia, creáronse grupos teatrais, emisións de radio e centros culturais de primeiro orde.
Cadroume de vivir a demagoxia de Perón, as “vacas gordas” derivadas das vendas de trigo e carne vacún ós países de Europa desfeitos pola Segunda Guerra. Tamén vivín a desmesura do “culto á personalidade”, nas estatuas, nos himnos e nos nomes de provincias e de centos de avenidas nas máis importantes cidades do país, que se chamaron Perón ou Evita. E outras aberracións que sería longo de enumerar, como os días de salario que nos obrigaban a doar con destino a unha fundación caritativa. E enriba tivemos que lamentar que aquel réxime populista fose derrocado por uns militares (encabezados por Pedro Aramburo e Isaac Rojas) de signo reaccionario que barreron gradualmente con certas melloras sociais que acadara a clase traballadora.
Buenos Aires foi a primeira e querida cidade de milleiros de galegos chegados das nosas aldeas; foi a posibilidade de desenvolver potencialidades latentes en moitos nós; foi o novo horizonte, a porta aberta ó mundo. Máis alá dalgunha anécdota recente, nunca os galegos fomos alí discriminados. Incorporámonos sen reservas e acabamos tomando mate e bailando tangos.
¿Cando comezou a deteriorarse a Arxentina? Teño para min que foi co cuartelazo de Uriburu, en 1930, que derrocou ó presidente radical Hipólito Irigoyen. Dende entón houbo só breves períodos de gobernos civís estables. O demais foron dictaduras militares que tiveron a súa culminación na etapa que comezou en 1976, con milleiros de asasinatos e de desaparecidos.
A corrupción instalouse no país hai moitos anos e acabou con el. A alarmante fuga de capitais e de cerebros, amén doutras eivas, derivou no que está ocorrendo.
Os números contan e cantan. Arxentina produce cada ano, entre cereais e oleaxinosas, 66 millóns de toneladas, 850.000 toneladas de pescado, 75 millóns de toneladas de petróleo, por poñer só algúns exemplos. Aplicouse un neoliberalismo salvaxe e estes son os resultados. Venderon todo e non se sabe a onde foron dar os cartos. A débeda externa arxentina era, en 1990, de 62.000 millóns de dólares e agora é de 145.000. Multiplicouse 2.3 veces en dez anos.
Os que amamos aquel país doinos moito esta situación. Pensamos nos nosos emigrantes. Neses moitos que, coma min, sinten no corazón ó Buenos Aires querido.
Neira Vilas, Xosé
Neira Vilas, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES