Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Hai quen conta ós seus defuntos á conta dos demais

jueves, 03 de noviembre de 2016
Vimos de celebrar, os que as celebramos, as festividades de santos e defuntos, que na práctica parece que tenden a concentrarse nunha soa e, ademais de razóns de tipo práctico, por non seren festivos os dous días, pode haber razóns teolóxicas como que entre todos os santos están tamén os nosos seres queridos que xa se foron: os defuntos, ós que recordamos tamén na oración, rezando por eles, se o necesitasen, ou con eles porque o necesitamos.

Recordándoos na oración, os que oramos por eles, tamén os recordamos no sentimento, e este recordo sentimental, bo e humano, que non se contradí pra nada coa fe cristiá, exprésase de varios xeitos, pero principalmente coas flores e, de paso, coa limpeza de panteóns.

Abofé están fermosos nestes primeiros días todos os cemiterios. Dentro de 15 días só o estarán aqueles nos que hai algunha persoa encargada de retirar as flores xa murchas, á que lle paga a administración ou os interesados, ou o fai gratis porque lle reina, ou as retiren os que as puxeron, pero sempre hai moitos que se esquecen de facelo.

Máis ben que dos interesados habería que falar dos que teñen un comportamento cívico e solidario, e unha cara non tan dura coma o granito ou o mármore dos panteóns pra andaren por entre os outros; porque a palabra “interesado” tamén tén o significado de agarrado, egoísta, avaro, cutre, comenenciudo.

Estes son os que nunca se acordan de retirar as flores, como tampouco se acordan de colaborar nos gastos que supón ter o cemiterio medianamente limpo e presentable durante o ano.

Estoume dando conta de que antes utilicei cinco ou seis palabras pra definilos cando en realidade chega con unha: ladróns. Si, porque quen se beneficia, sen colaborar podendo facelo, do que outros pagan ou fan e ata pode chegar a rirse deles por seren persoas responsables, son ladróns do máis refinado. Agora, iso si, vociferan e bracean onde poidan escoitalos, por exemplo nos centros médicos, contra a corrupción política.

Non atino a entender de que xeito poden facer algo que requira un mínimo de xenerosidade polos seus defuntos nin por ninguén estes elementos que resultan canceríxenos en calquera grupo ou sociedade. Evito a palabra comunidade, porque son a negación mesma da comunidade, xa que os outros, incluída a familia, só lles interesan pra beneficiarse deles e nunca pra servilos.

Comecei a escribir pensando en dicir algo laudatorio en ben dos que xa non están entre nós, e que tanto nos deron: agarimo, esforzos, unha cultura, unha fe… Claro que, como non eran perfectos tamén nos deron ós indesexables a que me referín, aínda que, se cadra, estes son os que din con moita chulería e moi tesos sobre os pés de trás: “Eu fíxenme a min mesmo” Será certo; así saíches ti, animaliño.

Ben pensado, se lesen isto e aprendesen a lección e cambiasen tamén redundaría na honra de todos os mortos de cada cemiterio, ou non?

Que perdoen as persoas normais, que afortunadamente sempre son maioría, gracias a Dios. Tamén falta fai.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES