Monstros interiores
Santalla, Iago - miércoles, 02 de noviembre de 2016
Aproveitando a festa do cine tiven a oportunidade de gozar coa película Un monstruo viene a verme, unha produción español-estadounidense dirixida por Juan Antonio Bayona que nos conta na liña que separa a fantasía da realidade como un cativo afronta a morte inminente da propia nai. É impresionante ver como a fantasía nos pode abrir os ollos á realidade máis crúa.
Este argumento fíxome pensar que no fondo todos temos monstros interiores cos que combatemos para superarnos na propia vida. O medo é unha emoción humana que nos acompaña dende o nacemento ata a fin e é curioso como todos os medos se gardan como matruscas rusas nun só medo:o medo á propia morte que comparte viaxe con outro gran medo que é o medo á soidade. Isto quere dicir que non queremos nin morrer nin ficar sos.
Quizais esta é unha sensación que describiu ben Manuel Antonio naquel verso de fomos ficando sos/ o mar,o barco e máis nós non en tanto o medo real é que ese nós se converta nun eu lanzando SOS sen resposta. Aquí xorde o gran dilema humano que é conxugar estes dous medos e vivir.
Un gran ensino co que me agasallou a vida foi o de facer aquilo que temo. É algo duro de conseguir, quizais sexa o aspecto que máis se aferre ás teas de Penélope pero na superación do propio medo está o maior crecemento persoal que poidamos imaxinar, a verdadeira liberdade humana é mirar a vida cara a cara e virarlle a quilla cara o porvir que construímos dia a dia. Non é fácil mais se podemos saudar o medo virando as nosas costas non cabe dúbida que seremos máis fortes.
Todos os seres humanos temos capacidade de abondo para vencer o monstro interior do medo e acceder ao elemento máis imprescindible e irrenunciable da nosa condición: A liberdade.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora