Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O maís torto

lunes, 31 de octubre de 2016
Xa sabemos, porque é farto repetido, que meterse en política é unha decisión completamente voluntaria e, polo tanto, se un decide dar o paso e acaba cobrando menos na función pública do que cobraba no seu traballo, sempre queda aquel doado recurso para descargo dos críticos: "Que o pensara ben!".

Xa sei que iso é así e que o voceiro de En Marea, que agora anda nos titulares de primeira páxina dos xornais e abrindo os informativos nas radios e nas televisións, debería ter falado destes pormenores cos que lle propuxeron o reto de asaltar o ceo da Xunta, antes de meter os pés nun charco do que malicio que non vai saír impío.

Realmente, se un o pensa ben, parece difícil que non pensara nestas cousas "mundanas" e non fixese a proba de comprobar se o paracaídas se abría ou non denantes de dar o paso cara o precipicio.

Quen sabe? Loxicamente, sábeo el. E é de supoñer que tamén o saben os que llo propuxeron. Como tamén o han de saber -seguro- os que se encargaron de que un asunto interno acabase na trituradora da praza pública.

De tódolos xeitos, fronte ó que estou seguro que ha de ser opinión maioritaria e contra o feito en si de que, tanto na vida mesma como na política, unha cousa é predicar e outra dar trigo, logo de escoitarlle unhas explicacións ofrecidas onte mesmo, a min pareceume nobre -e un pouco inocente, tamén- o que fixo Luís Villares, ó pedir que o seu partido lle permita recuperar uns salarios que deixou de percibir porque a lei así llo esixía, ó mesmo tempo que reclama unhas "ferramentas" dignas para poder desenvolver o traballo político co que se comprometeu coa súa formación.

E pareceume nobre porque, aínda sabendo o grao de manipulación á que se pode prestar unha proposta coma esta, estando nos tempos que estamos e cuspindo para riba como levan cuspido moitísimos colegas seus, foi valente e tivo arroutos para poñer as súas reivindicacións salariais, negro sobre branco, co fin de que ninguén se chame a engano. E iso, certamente, é de terllo en conta.

Outra cousa é o debate de fondo que, collendo o touro polos cornos, habería que facer sobre as retribucións dos cargos públicos. Un de tantos debates que ninguén se atreve a abrir porque non é politicamente correcto, ó estar como estamos nesa carreira cara o absurdo na que o máis torto é o rei.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES