Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As follas dos recordos, os mangos dos soños

sábado, 29 de octubre de 2016
Testemuñas da Memoria
As follas dos recordos, os mangos dos soños

Sabía que as tiña. E sabíao desde hai moitos anos. Pero nunca llas vira. Ata el mesmo estaba asombrado diso, de que nunca lles botara unha ollada, sendo como somos veciños. A colección de navallas de Ramón Cid González, o Moncho de dona Nieves (para os de Baños de Molgas) ou o Moncho da Caixa (para os de Xunqueira de Ambía) vai moito máis alá da contorna e incluso da provincia de Ourense. E un servidor nunca vira esa colección. Pecado mortal. Foi unha vez máis esta páxina do periódico a que me empurrou cara adiante, porque a pesar de non ver nunca a colección, sabía que aí había unha reportaxe. Porque sempre oíra falar ben das navallas. E moi ben.

O de moi ben quedouse curto tan axiña como asomou a miña cabeza naquela sala chea de aparellos pequenos para cortar. Porque alí puiden presenciar máis de 2.000 navallas, moi ben colocadiñas, e, case todas elas, coa súa propia historia. Porque se o meu alucine foi tal ó ver o mostrario, si quedei pampo de verdade ante as explicacións do Moncho de dona Nieves cada vez que pillaba unha navalla nas súas mans para ensinarma. Sabía todo de todas! Repetinllo cen veces: cada navalla ten a súa historia.

Si que a ten. Collía unha calquera e, zas, a esta preparoulle a folla tal ou cal navalleiro de alá, daquel sitio e graváronlle no mango este debuxo porque ese día aconteceu o dálle que dálle ou o tumba que dálle. Ensinoume unha que, antes, fora un chisqueiro de mecha de tal veciño. Outra que realmente me fascinou foi a que está feita no óso dunha oliva! Como se pode facer unha navalla no óso dunha oliva! Fíxose e colocada na man semellaba unha pulga. Pois ben, agora chega o mellor: que no óso da oliva esculpíronlle o rostro dun indio, o Xefe Seattle, líder das tribos amerindias suquamish e duwamish no que agora se coñece como o estado de Washington en Estados Unidos. Moncho Cid presentoume unha navalla que fai de romana e aguanta ata dous quilos de peso.

Eu recoñezo que gozaba véndoas, pero o Moncho estaba como en éxtase falando delas. Meu Deus, que memoria! Empezou a ensinarme todas as que lle regalaran a práctica totalidade dos veciños de Baños de Molgas, e tamén de toda a contorna. Mais, o moi langrán, tenas sen catalogar! Este si que é pecado mortal. Case lle berrei alí mesmo: colle unha navalla, sácalle unha foto e escribe sobre ela porque... cada unha delas ten a súa crónica, a súa lenda. Xa alguén se encargará de recompilar todo o escrito para facer un álbum, un libro co que moitos fliparán. Isto non pode perderse!

Empezabamos a baixar as escaleiras cara á saída e, ale, volta para atrás, a subir de novo; porque a Moncho acordáraselle aquela do león. Do que? Resulta que o rei da selva escapou dun circo que había en Maceda, que tivo que matalo a garda civil e que o enterraron preto de Tioira. Ás agachadas foi con dous amigos a desenterralo e do dente caíño do león, pumba!, o mango dunha navalla.

Ensinoume navallas con cachas de varias clases de marfil e non digamos xa das clases de árbores que usou para as empuñaduras. Navallas con peches estrambóticos. Con resortes imposibles de adiviñar. Unha, toda ela, de madeira con resorte incluído. Ó mesmo tempo non deixaba de falar de Taramundi, porque de alá eran moitas delas.

Moncho Cid ten tan asumido o das navallas que, unha vez que baixaba a Ourense, á altura de Esgos, lembrou que ó cambiar de pantalón, no novo, non metera ningunha navalla. Deu a volta. “Ti estás tolo”, berroulle a muller. “Si, oh, vou chegar a Ourense sen navalla; se o primeiro que me din cando me ven é que navalla traes hoxe?”. Pois dígovos eu que para levar e ensinar ten navallas a esgalla. E que navallas, meu Deus!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania