Xa terei contado o que vou contar?
Carballo, Xosé Manuel - jueves, 27 de octubre de 2016
Algunha vez xa teño contado o que dentro duns momentos vou contar aquí, porque, como xa non recordo onde o contei, utilizarei a mesma técnica que utilizaba cando podía predicar de viva voz.
Chegaba, por exemplo, a festividade da Ascensión e uns días antes pensaba eu: ¿Qué predicaría o ano pasado nesta festividade ademais do consabido: Tres xoves hai no ano que relocen máis ca o sol, Xoves Santo, Corpus Christi e o Xoves de Ascensión? Lembraba que cada ano dedicaba parte do tempo da homilía a explicar que desde hai uns cantos anos o xoves de Ascensión é domingo por obra e graza dos poderes civís. Os eclesiásticos poden cambiar de día unha festividade relixiosa, se lles deixan os sindicatos e a patronal, pero os civís din: Podemos-unidos llegar hasta a barajar los días de la semana si los no casta quieren, pra asustar a la casta que se los expropió al pueblo sufrido.
Despois, do resto non me acordaba de nada e pensaba pra min: Direi calquera cousa porque, se non me acordo eu que o dixen e me escoitei, ¿como se van acordar os fregueses que só o escoitaron? E dicía calquera cousa, iso si, un pouco preparada pra non improvisar. E todos os anos había algunha persoa, máis nova ou máis vella, que ó saír da misa me dicía: Que boa memoria ten; predicou o mesmiño ca o ano pasado!.
Agora vou contar o que ía contar se non o contei xa o ano pasado: Resulta que hai artigos e ata libros moi serios sobre as linguaxes propias das distintas profesións ou estamentos, e se alguén non o cre que vaia a internet, como fun eu, que foscalle por alí e xa verá. Non o conto aínda, pero, se non me esquezo, heino contar. Palabra! Vou parar unn chisqiño nisto das linguaxes profesionais.
Poñamos por caso: Eu son coxo, desde o 1984 debido a un accidente de circulación e a un pinzamento do ciático, consecuencia da operación e non do accidente propiamente dito; pois os médicos nos seus informes, ¡arre do demo que non son coxo! Simplemente: claudico. E pase o de claudicar, pero debido ó pinzamento, o pé esquerdo non devolve como é debido pra riba e podo tropezar coa biqueira do zapato ó andar; pero a cousa parece que se suaviza moito dicindo que puedo cojear debido a una paresia de ciático. Cando eu digo que teño unha paresia hai xente que abre moito os ollos pola miña franqueza e uns pensan que teño unha hipoteca, outros que unha cataplasma, algún, que unha querida e os menos, que unha conta millonaria nun banco de Panamá. E case todos marcha repetindo en voz baixa: ¡Unha paresia! ¡¡Buf!1 ¡¡¡Unha paresia!!! ¡Tampouco se priva de nada o tipo!
Xa ía pasar a outra cousa e aínda me acordei de que as linguaxes profesionais concordan pouco coas académicas; porque un académico non diría: Puede cojear Non. Diría: No puede no cojear. Co: Puede cojear parece que coxeo por gusto e libremente, mentres que co: No puede no cojear, vese que coxeo por necesidade ou imperativo legal e á hora dunha indemnización, debería cambiar ben o asunto. ¿Ou non?
Pois, non cambia. Seino eu ben.
Desconfío de que na linguaxe profesional en medicina se agoche unha subrepticia e malévola intención de desinformar.
Outro dos estamentos moi dados tamén á linguaxe profesional é o xurídico. Que me perdoen os xuristas e as súas señorías, porque aínda me caen algúns algo na familia, pero a veces dá noxo.
¿E non me poñen nunha sentenza que o Señor Xuíz, evacuando, despois dos antecedentes e dos fundamentos de dereito, falla por aquí e por acolá. Home, ben sei que nos xulgados non dan feito e que en Lugo estanse fixando datas de xuízos xa pra aló polo mes de setembro do 2018, pero, por moito que haxa que aproveitar o tempo e por moi campechano que sexa un xuíz ou unha xuíza, hai cousas que non se deben poñer por escrito nin de broma. ¿Así que falla evacuando? Ou sexa: Mentres evacúa, non atina. E aínda por riba, ¡extriñid@!, porque non lle chega prá evacuación todo o tempo do fallo senón que lle fai falla ademais o dos antecedentes e dos fundamentos de dereito. ¿Ou non?
Pois, non. É que mentres as súas señorías da cúspide sexan cuasi intocables, hai que seguir dicindo que chove, porque se non, pode ser desacato.
Tranquilos que hei contar o que quería contar, pero aínda teño outra interferencia. Antes de que alguén me diga nada, adiántome eu. A linguaxe relixiosa tamén tén máis repregues ca dez metros de cortina pra un oco de dous. E a miúdo os eclesiásticos utilizamos a diario unha linguaxe máis propia da hermenéutica ca da propedética, exprésome con claridade e ó alcance de todos, ¿non? Así, despois hai quen confunde as virtudes cardinais coas benditas ánimas, ou quen di que lle ten moita devoción a San-Tanás, ou quen pensa que as procesións divinas son vacacións celestiais, ou, mesmamente, como me pasou a min, quen toma por insulto preguntas elementais coma: ¿Ti es cristiano, Carliños? E responde o pequeno: ¿Oes? ¡Criztiano, zerás tu e mailo dioz que te fixo!
Ben, pois vou, logo contar o que deu pé a isto que pensaba despachar nunha ducia de liñas.
Os políticos tamén teñen a súa linguaxe propia, bastante cambiante, porque non están tampouco exentos dunha considerable falta de memoria, (amnesia, en profesional). Poñamos por caso: Se un político di: Si é que quizais. Se di: Quizais é que non. E se di: Non, unha de dúas, ou non é político ou vai deixar de selo, polo menos temporalmente, ou non, señor Sánchez. E vélese, señor Miquel I+z, que aínda non hai moitos días berraba vostede coma se non tivese megafonía: ¡¡¡Sálvanos, Pedro Sánchez!!! ¡¡¡Ven a salvarnos, Pedro!!!
Na linguaxe popular dise moito iso de que quen se mete a salvador sae crucificado, tamén os socialistas, e case todos cando as cousas van ó seu gusto, din que o pobo sempre tén razón.
A veces tamén os políticos, parlamentarios, señores da palabra fácil e moradores dos parlamentos, din as cousas de xeito moi metafórico e poético, por exemplo: El que se mueva, no sale en foto. Libre disciplina de partido paradigma, (modelo), de liberdades. ¿Ou non?.

Carballo, Xosé Manuel