Cibrán Tenreiro (director), Toni González (cámara) e Xacobe González (son), son os autores de ENTRAR AOS

VILARES, un documentario distinto que non deixará indiferente a ninguén. O audiovisual que forma parte do proxecto Os Vilares, lareira de soños, comandado por Pastora Veres, está rematado e próximo a ser estreado. O profesor da comunicación audiovisual da USC, Cibrán Tenreiro e os seus compañeiros plantexan no seu filme adentrarse na parroquia desde unha visión subjectiva e inocente, mesmo experimental, na que o resultado deixa á parroquia exposta a diferentes visións críticas. O plantexamento dunha visión desde fóra, de tres rapaces da primeira xeneración que non naceu na aldea e que se adentran para recoller nun audiovisual de encargo a súa percepción dunha parroquia que descoñecen. A rodaxe de planos movidos, que mesmo semellan ser captados co obxectivo aberto e sen ser conscientes, até as paisaxes desde un coche en marcha polas estradas da parroquia, planos nos que aparecen os propios autores rodando, dando un sentido de mobilidade e informal. A ausencia de narrador nin guión formal no que as voces dos veciños son o fío condutor da história intercalada coas reflexións dos visitantes, planos que non se corresponden coas voces e que a pesares da aparente anarquía visual manteñen a coeréncia flobal. Estes plantexamentos técnicos e visuais fan de ENTRAR AOS VILARES, unha aposta por un novo modelo narrativo documental que deixa aberto ao público reflexións e debate sobre o mesmo. Protagonistas e colaboradores poderán comprobalo na pre-estrea do día 12 de novembro ás seis da tarde na igrexa dos Vilares.
O documentario, de 55' de duración, acompañará en formato DVD ao libro de Pastora Veres cando sexa editado. Dous traballos "de autor" un.audiovisual e outro literario, desde ópticas diferentes pero compmementarias que se adentran no mundo rural, a súa historia e evolución desde unha visión actual.
Un traballo que se suma aos múltiples realizados arredor da parroquia de Diaz Castro pero no que o poeta é só unha parte máis dun universo máis plural e complexo, dunha sociedade, a rural, que viveu máis cambios nos últimos cen anos que en toda a súa historia anterior e da que os nósos avós foron protagonistas e así nolo contan neste filme si queremos ENTRAR AOS VILARES...
Antón Tenreiro Ferreiro, Asociación Sociocultural Lareira de soños.
