Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O hospital dos inhábiles ou cuartel de San Fernando de Lugo

miércoles, 26 de octubre de 2016
Lugo era cidade de paso para todos aqueles que embarcaban ou desembarcaban no porto da Coruña, dos que viñan ou se dirixían a Castela. Ata o segundo terzo do século XIX era unha cidade pequena, duns 2.500 habitantes, e en consecuencia cun casarío pobre e reducido, o que suscitaba problemas de aloxamento tanto das numerosas comitivas de embaixadores ingleses ou personaxes reais, compostas de ata mil acompañantes e cabalerías, e das tropas transeúntes.

As clases acomodadas, cabaleiros, rexedores, membros do Cabido da catedral e determinados funcionarios, estaban exentas de dar aloxamento, por iso cando isto ocorría eran os máis pobres os que tiñan que facelo, o que supoñía, non só unha carga senón que en ocasións tiñan que irse da súa casa.

Como non había cuarteis as tropas aloxábanse en casas particulares. Esta foi a razón pola que por Real decreto de 16 de decembro de 1748, Fernando VI destina a metade do que percibía a Real Facenda do valimiento dos arbitrios para a construción de cuarteis para aloxar ás tropas liberando aos vasallos de aloxalos nas súas casas (1).

O 13 de outubro de 1749 o Concello diríxese a El rei para pedir a construción dun cuartel. O 11 de decembro o rexedor Francisco Antonio López de Seoane, diríxese ao marqués da Ensenada para expoñerlle a situación que tiña que sufrir a veciñanza cos aloxamentos debido ao continuo paso de tropas por non ter un cuartel, agravado por la cortedad y poco número de casas que tiene pues para que la tropa se aloje y esté con toda decencia, es preciso abandonar su casa muchos vecinos quedando puestos a la inclemencia (2).

O 3 de marzo de 1751 é aprobada a construción dun cuartel que se axustaría ao plano enviado, pero o 26 de xaneiro de 1752 José de Avilés comunica ao marqués da Ensenada que El rei non se conformara para la construcción del cuartel ideado por la ciudad de Lugo y por las medidas que propone (3).

No consistorio celebrado o 17 de xullo de 1756, dáse lectura a unha comunicación de don José de Avilés, na que dicía que tiña algúns antecedentes para que se instalase na cidade un batallón dos inválidos inhábiles, composto por catrocentos ou cincocentos homes, cos seus oficiais. Un batallón tiña entre 300 e 1.500 homes.

Para poder influír na construción do edificio necesitaba saber si había ou non na cidade cuarteis para acomodar aos inhábiles, aínda que fosen provisionais, encargando do recoñecemento ao rexedor Andrés Mosquera Valdivieso e Montenegro. Contábase co importante apoio do capitán xeneral, Maximiliano de Croix, marqués de Croix, xa que había outras cidades que llo disputaban. O Concello deu a súa resposta favorable o día 31 de xullo, e o 11 de agosto o intendente comunicaba dar o curso correspondente á solicitude.

O comandante ou capitán xenral do Reino de Galicia chegara recentemente, de maneira que o Concello no consistorio do día 18 de agosto, comisionou aos capitulares Juan José Osorio e Manuel Valcárcel para que pasasen a Coruña a darlle a noraboa do seu emprego (4). Este acto de cortesía foise dilatando, tal vez intencionadamente para poder aproveitar a visita para suscitar a cuestión do cuartel. Por indisposición de Juan José Osorio acudiu con el outro rexedor, Pedro Vicente Sanjurjo. A audiencia tivo lugar o 12 de novembro, entregándolle o plano do cuartel ao marqués de Croix, plano que posiblemente fixo o mestre de obras da cidade Domingo Francisco de Itor ou Eitor, e que foi entregado para o seu estudo ao enxeñeiro Martín Gabriel que corrixiu algúns defectos que tiña o 26 de xaneiro de 1757. No mesmo mes de xaneiro o comandante xeneral envía a solicitude para construír un cuartel de infantería a Sebastián de Eslava, calculando que o custo ascendería a 238.541 reás de vellón, feito con pisos de madeira, sendo a duración das obras de dous anos, pero o prazo non se cumpriu xa que comezaron en 1779 e termináronse en 1790.

O proxecto foi devolto por Ricardo Wall no mes de xullo coa aprobación de Fernando VI, pero non se aproba o plano (5). Desbotado o proxecto aportado polo Concello, como indicamos posiblemente feito polo seu mestre de obras, o primeiro proxecto redactado por enxeñeiros militares, e por tanto cun maior coñecemento das necesidades que debía cubrir, fíxoo Francisco Antonio de Zalaeta, arquitecto do Real Cárcere da Coruña e das obras do Arsenal de Ferrol. Foi reformado por Martín Gabriel que ademais de espazo para seis compañías de inválidos inclúe un batallón de tropa transeúnte de infantería, por iso aparece nos planos dividido o edificio para independizar as dúas partes pero cunha entrada común. O proxecto final redactouno Bartolomé de Amphoux Bonavia.

Unha zona con vocación hospitalaria
En 1756 buscouse un solar adecuado, a fins de 1758 foi visitado polo arquitecto Francisco Antonio de Zalaeta, que lle deu o visto bo. O lugar escolleito para a construción reunía as condicións requiridas naquela época para este tipo de instalacións. Recordemos que aquí xa estaba desde 1621 o Hospital de San Bartolomeu, trasladado desde as Cortiñas de San Román, actual Praza Maior, ás torres do conde don Fadrique, polo bispo don Alonso López Gallo. Era un lugar despobado que só tiña dous ou tres casas na rúa do Sol, actual de San Froilán, á que daría o tramo N do edificio.

Desta forma a área transfórmase nunha zona de servizos sanitarios, precisamente pola súa separación da aglomeración urbana, pola súa elevación, era o punto máis alto dentro do recinto amurallado, por onde entraba o acueducto, e asollado, de aí o nome da rúa do Sol. Na mesma zona na segunda metade do século XIX tentouse construír o hospital que debía de substituír ao de San Bartolomeu, destruído por un incendio en 1857, para cuxo solar na actual Praza de Ferrol, proxectou un edificio Nemesio Cobreros, e outro detrás do convento de Santo Domingo, logo de ser destinado o Hospital de Isabel II, actual Deputación Provincial, a sé desta administración, a biblioteca e ao Instituto de Segundo Ensino.

Un imposto sobre o viño para as obras
Para recadar os fondos, o 18 de agosto de 1857 impúxose un arbitrio de 1 cuartillo en arroba do viño que se recollese e vendese na provincia. Un ano despois aínda non se recadara nada. A cidade e a provincia estaban pagando a mellora do Camiño Real e os alugueres das casas ocupadas polos inválidos. Tamén se pagaba 1 marabedí por azumbre para o edificio da Real Audiencia, e medio para o palacio e Cárcere Real da Coruña.

Nesta época os lucenses estaban sobrecargados de impostos, que case sempre recaía sobre o consumo do viño. Así o 6 de setembro de 1764 El rei concedeu un arbitrio de 2 marabedís en cuartillo do viño que se vendese nas tabernas e mesóns no territorio das parroquias de San Pedro e Santiago para as obras da catedral, que se ampliou o 21 de setembro de 1766 ás tabernas que houbese na distancia dunha legua da cidade. Comezouse a recadar o 1 de xaneiro de 1765 e terminouse o 30 de abril de 1773, aínda que querían prorrogalo. Houbo que beber 112.500 cañados de viño, que a 37 litros o cañado, son 4.162.000 litros. O arbitrio para o cuartel comezou en 1758 e o último ano da recadación foi o de 1764. Recadáronse 329.386 reás.

O 1 de decembro de 1765, o capitán xeral di que El rei ordenara o inicio da obra, pero non comezou. O 13 de xaneiro de 1770 mándase facer un novo plano para a tropa de inválidos e para a transeúnte, cun orzamento de 327.247 reás. O seu autor foi Bartolomé de Amphous Bonavia, que o asinou en Villafranca o 25 de marzo de 1779. Comezaron as obras o 10 de outubro de 1779 e entregáronse o 27 de abril de 1790. Quedou sen facer a parte sur, a que dá á rúa de Amor Meilán, que se terminou en 1865.

Hospital de inválidos, Hospital do Exército e Colexio de Cadetes
O 28 de abril de 1745, modificábanse as Ordenanzas de 31 de xaneiro de 1734, polas que se creaban trinta e tres rexementos de Milicias. O rei Felipe V, á vista da utilidade e experiencia dos inválidos militares, decide incorporalos ao exército como cadros de mando. Os compoñentes destes rexementos que tendo servido durante máis de doce anos quedasen inutilizados para o servizo, serían acreedores á declaración de inválidos.
Os rexementos de Inválidos organízanse por Real Orde e Instrución de 7 de xullo de 1732 e posteriores. Así, o 20 de maio de 1748, díctanse as Ordenanzas para el establecimiento de las Compañías de Artilleros Inválidos y sueldos que deben gozar (6). Nelas determínase que todos os inválidos de Artillería que se atopaban nos batallóns ou rexementos de Inválidos, agruparíanse formando tres compañías, situándose cada unha delas en Cataluña, Valencia e Galicia.

O 24 de xaneiro de 1753, díctase unha Real Instrución pola que se establecían os rexementos de Inválidos de Valencia e Cataluña na cidade de Toro, onde estaba establecido o rexemento de Inválidos de Castela. Desaparecidas as causas que levaron ao establecemento da residencia fixa dos Inválidos hábiles e inhábiles nesta cidade, lonxe dos seus lugares de natureza, Carlos III decide unha nova reorganización que se leva a cabo o 28 de maio de 1761, a través dun Reglamento para la reducción de los cuerpos de Inválidos a compañías sueltas de esta clase y establecimiento de los inhábiles en Sevilla y San Phelipe. Nesta disposición contémplase que os catro corpos de Hábiles establecidos nas provincias de Castela, Galicia, Andalucía, e Estremadura, dividíanse en compañías soltas.

Os Hábiles quedan repartidos en Madrid, Castela a Vella, Valencia, Navarra e Guipúzcoa, Andalucía, Galicia, Estremadura, e as compañías de Artilleiros de Inválidos. Os Inhábiles quedan organizados en vinteseis compañías: oito en Sevilla, sete en Lugo, tres en Toro e oito en San Felipe (Valencia).
Unha das formas de asegurar a súa instalación en Lugo, era a de trasladar os inválidos á cidade, o que tivo lugar a finais de agosto de 1756, polo que a primeira autoridade militar deu a orde de buscar aloxamentos en cuarteis provisionais, é dicir en casas particulares, pero non chegaban.

Nos aloxamentos de soldados o habitual era que durmisen tres homes nunha mesma cama, pero para os inválidos estaba estipulado que fosen dous por cama, polo que se precisaba dispoñer de aloxamento para un terzo máis. Os aloxamentos eran en baixos húmidos ou nos baixo cuberta por onde entraba o frío, e como non reunían condicións isto deu lugar a queixas (7). Tamén faltaron alimentos. O 10 de outubro un inspector propuxo trasladalos a outro lugar.

É evidente que o aumento de máis de cincocentos habitantes polo traslado aquí, non só dos inválidos, senón tamén dalgún familiar que os atendía, tiña unha enorme importancia económica para a cidade que naquel momento tería uns 1.500 habitantes.

Xa que logo o que hoxe coñecemos como Cuartel de San Fernando foi proxectado e construído para Hospital dos Inválidos, aínda que unhas veces chamaráselle cuartel, porque tamén o era, e outras hospital. É frecuente a denominación de Casa de Inválidos Inhábiles. Os franceses durante a súa estancia na cidade, do 9 de xaneiro ao 25 de xuño de 1809, utilizárono como hospital de campaña, e logo da súa marcha o edificio destinouse a Hospital Xeral do Exército recibindo o nome de Hospital de San Fernando.

Logo de terminada a Guerra Peninsular levantouse e trasladouse a el o Corpo de Cabaleiros Cadetes internos, coa denominación de Real Colexio de San Fernando (1815-1818) (8), que se estableceron na cidade de Santiago en 1811 no Colexio de San Xerónimo e que saíron da cidade compostelá en virtude de Real Orde de 24 de maio de 1815 . A finais do século XIX foi o cuartel do rexemento de Luzón.

A importancia do edificio
Os enxeñeiros militares tiveron gran importancia na renovación da arquitectura da segunda metade do século XVIII, en especial durante o reinado de Carlos III (1759-1788), período no que nos atopamos cunha serie de tendencias arquitectónicas que ata agora se veñen agrupando baixo o denominador común de neoclasicismo, no que se inclúen correntes do barroco romano, na liña de Carlos Maderno, Loenzo Bernini, Alessandro Galilei, etc., un estilo máis depurado en consonancia co clasicismo renacentista, e formas moito máis simplificadas que se poden encadrar dentro dunha arquitectura racionalista. Os enxeñeiros militares teñen unha visión racional das formas e funcional dos espazos. Por economía a decoración considérana superflua e sen utilidade. As formas teñen que derivar dunha lóxica da construción e non dunha procura da beleza.

Xa que logo o Cuartel de San Fernando, hai que consideralo dentro desta filosofía. A necesidade de simplificar, de prescindir da ornamentación, viña imposta tamén por dificultades económicas para financiar as obras públicas. Case ao mesmo tempo, en 1769, constrúese fronte ao solar que había de ocupar o cuartel, a igrexa do hospital xeral da cidade ou de San Bartolomeu, de autor anónimo, aínda que se supón que do círculo do arquitecto compostelán frei Miguel dos Mártires, que con Alexos Frieixo reconstruía o acueducto romano por orde do bispo frei Francisco Izquierdo. Resulta curioso ver como a fachada deste edificio ornaméntase de acordo co estilo do chamado barroco de placas compostelán, aspecto que pon en evidencia a distinta valoración que da ornamentación tiñan neste momento os arquitectos e os enxeñeiros militares.


NOTAS:
1. Regueiro Burgo, María Jesús. “El ingeniero militar Bartolomé Amphoux Bonavia y su proyecto de construcción del cuartel de inválidos de San Fernando de Lugo”. Croa, Boletín da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga. Núm. 19. Ano 2009. p. 102.
2. Leg. 3570. Archivo General de Simancas. Secretaría de Guerra. Citado por Regueiro Burgo, María Jesús. Op. Cit. p. 102.
3. Ibídem. p. 103.
4. Ibidem. Consistorio 18-08.
5. Regueiro Burgo, María Jesús. Op. Cit. p. 104.
6. Servicio Histórico Militar. Ordenanza y Decreto. Tomo III. p.130.
7. Caja 47. Leg. 81. Actas capitulares de 1756. Anexo consistorio 18-08. AHP de L. A.
8. En 22 de marzo de 1817 Miguel Fernández Santalla era “caballero cadete del Real Colegio de San Fernando establecido en esta ciudad [de Lugo]”. Leg. 751-6. Protocolos de Juan Serrano Somoza. Año 1817. Escritura de alimentos por don Juan Fernández Santalla a su hermano don Miguel. Fol. 20. AHP de L.
De Abel Vilela, Adolfo
De Abel Vilela, Adolfo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES