Que rebente o mundo
Está a piques de rebentar o mundo, pero non rebenta. Debería rebentar. Tan só para ver que pasaría. Ó mellor os amieiros póñense coas raíces para arriba e os garavanzos teñen sabor a améndoa. É complicado saber o que pode acontecer. Aínda que rebenten algúns, sempre aparecerán outros para xiringarnos a existencia. É tan fácil asoballar en nós. É tan difícil rexeitar tal aldraxe. É coma o de facerse rico; que como non sexa roubando... Pero, algúns, aínda que queiramos, non sabemos roubar! Entón, o único consolo que nos queda é que rebente o mundo. A ver!, mortos estamos; pois entón que leve por diante a eses que nos mataron... desde sempre. Algúns pensarán que desvarío un chisco. Non é así, desexo que rebente o mundo. Só por saber a ver que pasa. É verdade, se rebento con el non podo saber o que pasará. Vale, pois que rebente o mundo menos este molgués. Bo día, se é que aínda non rebentou.
Que todo sexa por ela

O reloxo marcaba as seis e media da tarde. Lucas Alopecio díxolle a súa dona Ludivina Gargaxo que marchaba mercar o pan e algunha que outra cousa máis. Esta comentoulle que se non se paraba a tomar café, tamén saía ela para achegarse a un centro comercial que había preto. A Ludivina Gargaxo non lle apetece moito o meterse nun café, mentres que o seu home si é de café e de ler os xornais ó mesmo tempo. Pola mañá xa lera un, pero faltáballe o outro. Adoita ler dous ou tres ó día. Pero xa que ela quería saír... que todo sexa por ela. Veña, non paro a tomar café, lle dixo. Así é que a súa muller cambiouse un chisco de roupa e marcharon a dar unha volta e a mercar. De paso que ían deixaron uns zapatos dela na zapataría para que lle puxeran unhas tapas nos tacóns. Logo xa mercaron o pan, outras cousas e, claro, achegáronse ata o centro comercial. A ver!, o que diga ela vai á misa.