Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

194 países, miles de Ongs

viernes, 21 de octubre de 2016
Unha ollada ao medalleiro da Olimpiada de Río revela que uns quince países acapararon as medallas. Algunhas máis conseguiron outros cincoenta. Dous terzos dos países da Onu, máis preocupados polas urxencias do bandullo que pola escultura deportiva dos corpos, sin tempo nin infraestruturas para o deporte, non conseguen ningunha.

Por iso proliferan, na outra cara das medallas, as chamadas angustiosas das Ong. Fotos de nenos aos que morde o frío, a fame. "Este neno vai morrer... Ti podes evitalo escribindo a palabra...". Saturados de fotografías de nenos famentos, estas chamadas con voz de tenor, acaban significando nada porque un segundo despois unha cadea de comida lixo oferta outro tipo de malnutrición.

É posible salvar un neno cunha mensaxe de móbil? Non sería máis decente explicar por que os nenos de países que nunca participan nunha olimpiada, pasan fame? Non teñen ministerios de agricultura, educación, sanidade? Non contan con organismos de protección á infancia? Non, na realidade moitos países apenas poden pagar exército e policía. É vergoñento que a benemérita Médicos sen Fronteiras se está a converter no ministerio de sanidade de países enteiros. Neles, o máis parecido a un ministerio de agricultura, son os almacéns de gran da Fao, e o único 'ministerio de xusticia' é o Acnur.

O demógrafo Massimo Livi non é catastrofista e recorda que o planeta podería alimentar outros cinco mil millóns de persoas, pero o que non se pode permitir é a desorde, as migracións bíblicas de famentos, as estampidas provocadas por señores da guerra armados ata os dentes polos países que copan os primeiros lugares no medalleiro olímpico e armamentístico.

Na crise actual hai desorde, caldo de cultivo para mafias que comercian con carne humana. Un mundo enveleñado pola violencia e roto polas desigualdades éche unha bomba demográfica retardada.

No seu libro Hambre, recorda M. Caparrós que a India é autosuficiente en alimentos pero ten creada unha inextricable rede de organismos que parasitan a fame dos desnutridos. Ao final a súa razón de ser é que millóns de indios sigan famentos.

Na Onu hai inscritos 194 países. A mellor axuda para eles, din os expertos, non é a necesaria solidariedade puntual dun sms senón crear estados viables, sistema fiscal, infraestruturas de educación, agricultura, sanidade e protección social.

Nun mundo cada día é máis inxusto e desigual onde o dogma da austeridade multiplicou a pobreza, a crise actual é de xustiza. Fames e guerras sempre veñen da man e os civiles sempre poñen os mortos. E todo iso non se amaña mandando sms a teléfonos sobrescritos sobre as bágoas dun neno.

Máis que multiplicar ongs, cómpre fortalecer os países do mundo onde habita a familia humana.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES