Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Tía Felipa das Mourelas, a parteira dos Vilares

miércoles, 19 de octubre de 2016
Miña aboa das Mourelas, Felipa Río Rosende, naceu o día de San Vicente, patrón da parroquia dos Vilares, no ano 1890, na casa de Río da Tiñaz. A Tía Felipa das Mourelas, a parteira dos VilaresCando so contaba con 17 anos casa co canteiro Gregorio Díaz Sánchez, da casa do Peruleiro de Novás, que tiña daquela 24 anos.

Non foi doada a vida deste matrimonio, nin a dos fillos que criaron, xa que despois de casarse viven en Novás, na casa de Gregorio, onde axiña nacen dous fillos, pero ao dispoñer dun pequeno lugar que a duras penas daba para poder subsistir, deciden coller o camiño da emigración e no ano 1910, deixando aquí os dous fillos, Xosé e Serafín, con familiares, embarcan no porto da Coruña con rumbo a Cuba, onde xa se atopaba o irmán mais vello de Gregorio, chamado Manuel, que mantiña unha boa posición económica na illa, pos xa era dono dunha fábrica de xeo para conservar a pesca e doutra de cal, as dúas no barrio de Vedado da Habana que hoxe forma parte do Municipio Praza da Revolución.

Quezas por medio do propio Manuel, conseguen acomodo nunha luxosa e ampla mansión dun doutor, con un gran patio central -na que hoxe está instalado un organismo oficial de propaganda- que se atopa situada na confluencia das rúas 17 e 22 dese barrio de Vedado. Alí, naquela casa é onde a Tía Felipa aprende o oficio de parteira e outros remedios medicinais, axudando o médico nas súas labores e tamén nas tarefas da casa, namentres Gregorio traballaba por fora, na construción e no seu oficio de canteiro. Alí tamén tivo tres partos, dos que naceron catro fillos, antes de embarcar de novo para volver a vella casa de Novás no ano 1916. A Tía Felipa das Mourelas, a parteira dos Vilares

Ao chegar aos Vilares, cos poucos aforros que traían, deciden facer unha casa nunha finca de Mende, aínda que sempre lle chamaron As Mourelas, que era como se chamaban as fincas do outro lado do camiño que pasa por diante da casa.

Unha vez rematada a casa o avó Gregorio marcha outra vez para Cuba no ano 1924 e non volve até primeiros de 1950, quedando ela embarazada e con oito fillos, pois xa morrera Serafín, contando o maior deles tan so 17 anos. Malia eses inconvenientes sempre estivo disposta a ir a onde a chamaran para solucionar os partos difíciles, cando aínda os médicos eran escasos e privativos para a economía daquelas persoas que traballaban no campo de sol a sol para gañar un cativo sustento a base dos produtos menos valiosos que lle conseguían arrincar co seu suor, pois os mais gorentosos había que levalos á feira, o crego ou o cacique do Axuntamento.

Desprazábase a pe a todos os lugares da parroquia cando o parto era enrevesado e requiría dos seus oficios. Tamén demandaban os seus servizos desde as parroquias veciñas e outras de mais lonxe, como Aranga, Soexo ou Belesar. Cando era moi lonxe viñan por ela cunha besta e nunca se negou a asistir a ningún parto, nin sequera cando xa tiña moita idade e non se atopaba ben de saúde. Sempre exerceu ese oficio dun xeito altruísta, pois non cobraba nada e o único que aceitaba era, si lle daban, algún produto da casa: queixo, chourizos ou outra cousa calquera. Din que salvou moitas vidas, tanto de nais como de nenos, nese momento tan delicado como é un parto.

Aínda así, e a pesar dos seus grandes coñecementos, non puido salvar a súa filla María e á neta Dorinda, que morreron no parto en San Salvador, o 9 de xullo de 1945, pero debeu ser porque se complicou con outro tipo de enfermidade que nin os médicos puideron atallar naqueles tempos.

Era a gran matriarca de toda a familia, e faleceu na súa casa das Mourelas o 30 de marzo de 1974. Foi moi querida dos veciños, xa que moitos sabían que grazas a súa pericia viñeron a este mundo e incluso algún deles, como Luís de Patricio de Vilasuso, me pediron que lle fixera un artigo; outros aínda non saben que foi esa muller, quen despois de aprender o oficio en Cuba, decidiu volver para crear As Mourelas, traballar aquel pequeno lugar para manter os nove fillos, exercer de parteira nos ratos libres e axudalos a nacer a eles.
Río, Raúl
Río, Raúl


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES