Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Soñando e actuando

miércoles, 19 de octubre de 2016
O día 2, despois de ler o Manifesto de Xermolos: “Salvemos o rural, poñamos unha pedra na Casa de Díaz Castro”, un amigo espetoume con tenrura: “estes tempos non están para a lírica”. Matinei que non comprendera a linguaxe daquela proclama emanada do derradeiro verso do seu libro Nimbos, o que escolleu coma ramo para rematar a súa achega definitiva: “a beleza feriume para sempre”, o colofón da súa vida e obra.

A estas alturas da nosa camiñada á par, xa asimilamos que só a lóxica racional non acae para entender ao escritor, compre desentrañar esa ollada que chega mais ao fondo do mistério da vida reflectido en cada criatura, esa imaxinación que tamén deu sentido á traxectoria creativa do poeta de Guitiriz. E tecendo con ditos populares: “Somos moito mais do que comemos”, e neste arranque da campaña para erguer o lar de Díaz Castro, primeiro son os soños, porque “querer é poder”, e somos moitas e moitos os que queremos converter a casa do Vilariño nunha demostración do que o pobo é capaz de facer para dar mais pulo á nosa cultura rural, á fala, aos sinais da nosa identidade.

Enfrontámonos, á fin, a unha utopia que vai converterse en realidade coa ferramenta da razón poética, a que provocou en nosoutros a necesidade e a urxencia de insuflar aire novo ás nosas aldeas através destes pulmóns que son casas coma a do Vilariño destinadas a ser patrimonio do común porque están a enfortecer o espírito do pobo. Con este sentido da beleza intuímos na paisaxe do poeta toda a enerxía que lle axudou a ficar para sempre nas súas raíces, transmitindo con tanto sentimento o que tamén é noso, as esencias do común, que son as que acubilla o seu berce.

O meu amigo quizais pense que a lírica nos afasta do chan que tripamos, non, pola contra é un coñecemento enxergado na emoción e paixón, é o que define as luces e as sombras da contorna, apostando pola busca do verdadeiro progreso e rexeitando o que escraviza, con iniciativas de tanto grandor como a que agora está a abrollar.

Nesta liña, Xermolos quere converter o fogar do poeta nun clamor para que todos teñamos un teito para poder convivir e a liberdade para desenvolver os nosos proxectos. Erguer a casa de Díaz Castro é tocar coas mans e o esforzo unha nova singradura do noso rural através de debates sobre cooperativismo, montes comunais, turismo rural, produtos ecolóxicos, artes, xogos populares, etc., porque “o corazón ten razóns, que a razón non entende”.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES