Pero avanzo

Quero ser a palabra de Quentin Tarantino, pero a tartaruga que levo en min non me deixa ir máis alá da primeira letra. Quero ser a música de Ennio Morricone, pero o asubío que levo nos beizos non ten buracos polos que saia o aire. Quero ser a foto de Vittorio Storaro, pero a miña fotoxénica racha o espello no que se reflicte. Non todos temos a sorte de ser o que realmente desexamos, aínda que moitas veces nos conformamos co que temos. A min mesmo non me importa ser o que son, e por moito de que non sexa nada. Quizais un leve recordo ou un salouco en algún que outro. Pero vou pola vida pensando en Tarantino, escoitando a Morricone e alucinando ante Storaro. E máis seguro que o día de mañá sexa feliz á miña maneira, é dicir, sentíndome sapoconcho que avanzo a duras penas, pero avanzo. Que máis quero!
O estrume dos castiñeiros

A mañá non estaba para moitos trotes, climatoloxicamente falando, pero aínda así Olegario Espírito Santo colleu o tractor e marchou para a Costela. Alí dispúxose a cargar na broza que xa xuntara días atrás debaixo dos castiñeiros. A poula a verdade é que está chea de castiñeiros, sobre uns vinte ou máis. Antes de empezar, Olegario Espírito Santo quixo apañar as castañas que houbese polo chan para que non foran metidas entre o estrume, pero non colleu nin tan sequera un quilo delas. Porque alí o que había era unha auténtica semente de castañas comidas polo porco bravo, polo sempre omnipresente xabaril. Meu Deus, que desfeita! Clamando contra o bicho, Olegario volveu angazar un chisco máis para deixar todo ben limpiño. E cando xa tiña de novo os montóns preparados, coa forquita cargou pouco a pouco a tractor. Descargou o mesmo na horta que tiña pegadiña á casa.