As mortes non contan

Bomba que estoupa. Bala que sae da recámara. Frecha que se crava. Garrote que mata. Morte con ruído. Morte en silencio. Morte. Hai moitas mortes polo mundo adiante; a maioría con ruído, con moito ruído. Pola incompetencia duns e polo poder doutros. Guerras. Parece mentira, pero é tan fácil crear, empezar unha guerra. E cando xa está iniciada, que complicado é parala! Nese tempo afloran os odios, os desquites, as vinganzas. Despois, ó rematar, chega o peor. Porque o vencedor quere tiranizar, quere dominar, quere asoballar. E empeza coas mortes silenciosas. Non lle fan falta frechas, nin garrotes, nin guillotinas; chégalles coa escuridade e o silencio. Fosas comúns en calquera lugar. Corpos lanzados ó mar. Morte sen cuartel. A paz sempre custou sangue, moito sangue. Pero é lei de vida: para que haxa paz ten que haber guerra. As mortes non contan.
A etoloxía do ser humano
Por moito que o fútbol estea catalogado como o deporte de masas, e para moitos en plan despectivo, eu sigo pensando e dicindo que é coma un libro aberto, coma un libro que deberiamos de ler todos. É unha das materias que máis ensinan nesta sociedade nosa. Nel vemos e descubrimos o auténtico carácter, a auténtica personalidade do ser humano. Caso Piqué. Odio a vurullóns porque el é antimadridista total e, para máis carallos, catalán (por certo, odiamos ós cataláns pero non deixamos que se vaian; raro, raro). No caso deste xogador pódese apreciar moi perfectamente a realidade das entrañas de moitos. Fai ben o dimitir. Que sexan os españolitos os que soñen con que a verdade é tan só a deles. Lección número dous: un pai agride ó adestrador do seu fillo por cambialo. A ese pai diríanlle na escola que hai que respectar a todo o mundo. O fútbol descobre a personalidade do energúmeno que leva en si. Por iso é que, viva o fútbol!... o polígrafo, a etoloxía do ser humano.