Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Revolucion ou evolución?

jueves, 13 de octubre de 2016
Un intelectual alemán, emigrado a Chile, médico de gran erudición, Georg F. Nicolai, escribe algo que talvez sexa de interese ter en conta nestes nosos tempos nos que parece que se acentúan as greñas xeracionais. Di así: “Escoba nova barre ben, e nova teoría, por extravagante que sexa, ten a miúdo boa acollida”.

Isto ocorre, claro, porque máis que a verdade contrastada da teoría hai xentes que, cansos do de sempre, do vello, pensan que o novo, por o mero feito de selo, é o mellor. E esta consideración no ámbito científico é correcta; pero no político–social é mester pararse a reflexionala: Hai que esperar a que a nova teoría se verifique na práctica, e isto leva tempo e paciencia.

Neste caso, o “experimentador é a historia: hai que esperar que ela comprobe ou refute”, volve a dicirnos Nicolai. Pero aquí, como puidemos comprobar estes días coa algarada do PSOE, precipítanse argumentos para todos os gustos, porque os que teñen os mesmos desexos respecto ao que é correcto, moral e xusto séntense satisfeitos e ilusionados con todo aquilo que apoia as súas teses, cuxos froitos prácticos empéñanse en estendelos o máis posible nun país e incluso extrapolalo doutro. Ata hai persoas prestixiosas que solicitan, por exemplo, que lles dean argumentos para cambiar do xa proverbial NON á ABSTENCIÓN, sen reflexionar se os había para ese “non é non...” : O empeño esténdese tamén no tempo. Apresúrase, persiste e divide.

Penso que seguramente sería mellor pararse a considerar ata onde a aplicación duns determinados principios ideolóxicos fundamentan con éxito as decisións, segundo estea vinculada a principios que xorden dunha ocorrencia orixinal, pletórica de egolatría, ou dun intelixente desvelado dun proceso social evolutivo, porque no primeiro caso téndese a impoñelos mediante unha REVOLUCIÓN, e, no segundo, a potenciar o proceso que articula unha tendencia social xeral.

Se a evolución favorece unha determinada ideoloxía, esta irá impoñéndose irremisiblemente a través do tempo, e o que procede non é establecela nun país con métodos revolucionarios, porque isto xa está verificado na historia que é un fracaso, e repetilo con enmascaradas, ademais de ser unha supina incompetencia, é unha aberración que pode levar a acadar obxectivos opostos aos que se perseguían: É retrasar o proceso, neste caso evolutivo, cunha visión global descontextualizada.

A pretensión de fixar como un feito xa consumado e perfectamente logrado o que é, polo menos no presente, algo transitorio, unha fase máis da nosa existencia, e expresala con ríxida imposición, como unha tendencia social, antes ou despois, está chamada ao fracaso; pero comporta, certamente, non poucos sacrificios. O historiador, se pretende resaltar estes fracasos da ilusión política, encontrarase con que é paradoxal que neste mundo moitas veces encontrouse o razoable (non necesariamente o racional) despois de andar, con non pouca teimosía, polo camiño da irracionalidade, asoballando precisamente ás persoas que se pretendía protexer contra a inxustiza distributiva.

As accións políticas prodúcense sempre con moita presa, non poden esperar. Esta apreciación bastaría para descualificalas como algo científico. Di o intelectual citado que ciencia e política están ambas no tempo, mais en esferas distintas: A CIENCIA PODE ESPERAR, A POLÍTICA NON. Esta é impaciente, diríamos se a personalizáramos; aquela espera, vai paso a paso e procura verificar as súas hipóteses, rexeitando aventurarse en aplicacións prematuras. Polo tanto, procede imporse a extrema prudencia.

Mais os políticos teñen urxencia de resolver os problemas cos seus propios métodos, sen verificar a eficacia, por iso algúns perden os estribos e, en vez de considerar a propia alienación, atribúenlla ao cidadán–votante, como ocorreu recentemente en Galicia, sen pararse a cavilar que o galego tamén pasou polas universidades e sabe acompasar a gaita ao son dos procesos evolutivos, antes de soportar as revolucións froito dos acaloramentos: É un pobo reflexivo, ponderado, que oculta intelixencia nunha lenta e perspicaz indecisión, que algunhas arrogancias das xeracións abrentes perturban, unhas veces con acerto, e outras esbarrando.

Algún político, aínda sabendo que non sabe o suficiente, actúa como se o soubera todo e, por tanto, non ten que estrañarse de que as súas microteorías apresuradas o leven ao fracaso. Xustamente por iso, noutra colaboración, falábamos de que as novas xeracións deben aproveitarse das experiencias daqueles que xa fracasaron seguindo camiños equivocados, que elas poden e deben evitar.

Por outra parte, os políticos farían ben en evitar caer na tentación de esquematizar a vida, ao que son moi afeccionados, como pon de manifesto o feito de que unha simple discrepancia entre membros dun partido, leva a atribuír un encadramento na “dereita” ou na “esquerda”, sacrificando as diferenzas da vida, ostentosamente, a esquemas. Incluso despachándose con atrevida ignorancia, como cando utilizan o termo “clase”, preterindo un dos seus dous significados etimolóxicos, segundo conveña: rotura (do grego “clao”=romper) ou colaboración (do grego “cleo”= ponderar, invitar a un faladoiro). Pois vista así a semántica deste termo, os que o empregaron ofensivamente son debedores da propia displicencia cando rompen cuns e invitan aos outros ao banquete, para utilizalos coma chanzos dende a súa posición “clasista” intencionadamente ambigua; pero de matiz revolucionario.

Penso, non obstante, que tampouco convén esquecerse de que as revolucións non só as traen os que as desexan instaurar para acadar obxectivos de forma expeditiva, senón tamén os que menos as desexan, porque, egoistamente insatisfeitos coa situación da que gozan, adoitan ser tan incompetentes coas dinámicas sociais coma aqueles en desvelar os procesos evolutivos que, a larga, poden neutralizar ou favorecer os seus propósitos. Xa opinaba Marx que “o socialismo non advén porque sexa xusto, nin porque os homes queiran implantalo, senón que é froito predestinado do capitalismo”. Permítanme dicir, dos excesos, abusos e corrupcións dalgunha clase de capitalistas...!. Por tanto, nun sistema democrático, o socialismo imponse con indiscutible necesidade.

A extrema esquerda, aquela que espera definirse co poder nas mans, parece que gusta das revolucións violentas, desas que poñen medo. Pois ben; coa miña escasa formación nesta temática, atrévome a invitala a facer o seguinte razoamento: SE A FINALIDADE DUNHA REVOLUCIÓN NON CORRESPONDE Á REALIDADE ACTUAL, TEN QUE FRACASAR; PERO, SE CORRESPONDE A ESA REALIDADE CONSIDERADA EVOLUTIVAMENTE, É SUPÉRFLUA, E IMPONSE OUTRA METODOLOXÍA MÁIS AUDAZ E INTELIXENTE. Polo tanto, imponse a necesidade, na lóxica política, de empregarse a fondo na investigación científica das profundas tendencias sociais, en vez de perder o tempo intentando someter aos cidadáns AOS MEDOS REVOLUCIONARIOS, para atender necesidades, que, por outra parte, son de obrigada satisfacción, e non se debe xogar con elas cando a razón denuncia un elevado grao de incerteza na vía a seguir.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES