Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Conta atrás para o XIX Congreso do PCCh

jueves, 13 de octubre de 2016
Conta atrs para o XIX Congreso do PCCh A finais do presente mes de outubro, Xi Jinping afrontará o pleno do Comité Central do PCCh que inicia a conta atrás para o XIX Congreso, a celebrar a finais do ano próximo. O propio PCCh figura na axenda deste encontro que, sobre todo, pode clarificar algunhas expectativas sobre o signo último da renovación da dirixencia de cara ao próximo lustro (2017-2022), cando o PCCh celebrará o seu primeiro centenario.

Cabe recordar que dos sete integrantes do actual máximo sanedrín chinés, en principio, por razóns de idade, só dous poden optar á renovación do cargo. Trátase do propio Xi Jinping (63 anos) e o primeiro ministro Li Keqiang (61). Todos os demais deben xubilarse. A excepcional supervivencia dalgún (se especula coa continuidade de Wang Qishan, que entón tería 69 anos) demostraría o poder de Xi para alterar as regras e isto podería permitirlle ata optar a un terceiro mandato, saltándose a institucionalidade trazada por Deng Xiaoping (entre outros, non máis de dous mandatos consecutivos e non renovación do cargo con máis de 68 anos cumpridos).

Xi Jinping debe encarar dúas frontes internas importantes. Dunha parte, as ambicións do clan asociado a Jiang Zemin (á fronte do Partido entre 1989 e 2002), que aos seus 90 anos segue influíndo, aínda que á baixa, na conformación das elites chinesas; doutra, os afíns a Hu Jintao (2002-2012), situados na contorna da Liga da Mocidade. Entre estes últimos figuran nomes como o viceprimeiro ministro Wang Yang, de 61 anos, ou o xefe do Partido en Guangdong, Hu Chunhua, de 53 anos, quen podería ser o chamado a sucederlle en 2022 si todo chega a discorrer sen sobresaltos. O actual vicepresidente Li Yuanchao, de 65 anos, podería ter algunha posibilidade menor. Pola súa banda, Sun Zhengcai, tamén de 53 anos de idade, considerado un próximo a Wen Jiabao, sería o chamado a substituír ao primeiro ministro Li Keqiang.

O recente anuncio dunha reforma profunda na Liga da Mocidade, cunha redución á metade do seu orzamento, ben puidese interpretarse como un aviso en toda regra á base política do ex secretario xeral Hu Jintao a quen, por outra banda, Xi Jinping enalteceu con motivo da publicación das súas Obras Escollidas, “importantes para a formación teórica da militancia”, dixo. Unha de cal e outra de area?. O propio fillo de Hu Jintao, Hu Haifeng, podería converterse proximamente en alcalde de Ningbo (actualmente o é dunha cidade menor, Jiaxing, preto de Shanghai).

Xi parece apostar con claridade por Zhao Leji, agora á fronte do departamento de organización do Partido, pero tamén ansía promover a outros como Ding Xuexiang, Zhong Shaojun, Li Shuli, ou Chen Min`er, que figuran na súa lista.

As promocións internas nos próximos meses indicarannos como evoluciona a carreira a sabendas de que entre todos eles non existen grandes diferenzas políticas. Tanto os máis liberais como os neomaoístas foron abeirados convenientemente fai tempo e a coincidencia nesa combinación de reforzo do control do PCCh con doses calculadas de liberalización económica goza de amplo consenso na cúpula do Partido.

Encarando o final do seu primeiro mandato, sobre Xi pesa a hipoteca de desprezar a integración das diferentes sensibilidades para centralizar o poder na súa contorna co dobre argumento da loita contra a corrupción e o fomento da reforma, asumindo funcións destacadas en áreas que van desde a seguridade á economía ou as relacións exteriores. Non poucos ignoran que o XIX Congreso será o momento de axustar contas e aspectos como o seu recoñecemento como “núcleo da dirección” ou o rastro de afíns nos órganos máximos de dirección (incluíndo o Buró Político) darán a cabal medida do poder que logrou acumular.

Erixido en “salvador do Partido”, o seu afán por afogar as discrepancias, instar unha recuperación moderada e parcial do discurso maoísta, fomentar a disciplina e o control interno combínase con propostas de cuestionada eficacia para modernizar a xestión política. O seu top level design, na práctica e polo momento serviu para reafirmar a autoridade do PCCh sobre o Estado e o propio exército pero o Estado de dereito e o imperio da lei agardan tempos benévolos.

O desigual avance do cambio no modelo de desenvolvemento, a loita contra a corrupción ou as dificultades exteriores debuxan un escenario pletórico de desafíos. Haberá tensións pero non cabe imaxinar o seu desbordamento. Xi, apoiándose no seu clan de Zhejiang e a aristocracia vermella, promoverá aos seus leais, quen, xunto aos seus rivais e padriños teñen ante si como reto maior o evitar cometer erros nos decisivos meses por vir.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES