Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A inseguridade estadounidense

miércoles, 12 de octubre de 2016
A inseguridade estadounidense No marco dos comicios presidenciais de novembro próximo, a polarización electoral entre a demócrata Hillary Clinton e o republicano Donald Trump contextualiza a pulsación dunha serie de variables e perspectivas visiblemente antagónicas que inevitablemente definen os cambios que vive a sociedade estadounidense. As consecuencias desta polarización traducen un país inseguro polos efectos da crise socioeconómica, polos desafíos cara a súa vacilante hexemonía global e ante a aparente incapacidade do seu establishment por identificar e atender as demandas de reformas sociais e políticas.

Sexismo, xénero, inmigración, racismo, populismo, establishment e anti-establishment… Estas variables semellan definir o debate electoral en EUA. O mesmo tamén traduce os inevitables cambios existentes dentro da sociedade estadounidense, definidas en factores de xénero, de identidades étnicas e raciais, de estilo político e de clase social, entre outras. E aquí, as respectivas candidaturas de Hillary Clinton polo Partido Demócrata e o polémico Donald Trump polo Partido Republicano tentan atraer, non exactamente con éxito, esta diversidade de perspectivas e expectativas, con consecuencias incertas.

A primeira muller con posibilidades de ocupar a Casa Branca enfila unha candidatura con fortes apoios dentro do establishment político e das grandes corporacións multinacionais pero que diversos cidadáns interpretan como o predominio das tradicionais elites e familias políticas, neste caso dos Clinton nun Partido Demócrata que agarda consolidar a súa hexemonía presidencial iniciada en 2009 con Barack Obama.

Pero o énfase de Hillary Clinton por acadar o voto centrista choca con fortes contradicións de clase, como xa se observaron nas primarias demócratas coa alternativa candidatura do esquerdista Bernie Sanders. Se ben finalmente Sanders e Clinton selaron un compromiso de mínimos, esta rivalidade define cómo o pulso electoral estadounidense 2016 está lonxe de acadar inalterables preceptos de afiliación e militancia política e ideolóxica. Máis ben, é un pulso entre “elites” e “anti-elites” políticas, entre forzas do “establishment” e aquelas “anti-establishment” que ansían voz e voto nunha audaz reforma do sistema político.

Pola súa banda, a polémica campaña de Donald Trump, cando menos en canto a estilo político para os parámetros estadounidenses, encarna visións distintas pero con similares expectativas e prioridades. Como magnate enriquecido pola globalización sen vinculación coas elites políticas, Trump non encaixa co gris mundo do “establishment”, razón pola que se esforza ata a saciedade en romper co predominante estilo “politicamente correcto”. Trump busca asegurarse o apoio dunha “América profunda” fraguada en valores tradicionais (familia, relixión, comunidade) que precisamente vense contestados e superados polos cambios sociais que vive o país nos derradeiros anos.

Se ben a insultante campaña de Trump contra os inmigrantes (principalmente de orixe mexicano) e as elites políticas en Washington, así como as súas polémicas declaracións sexistas, poden proferirlle nimias simpatías nalgúns sectores (principalmente nas clases medias golpeadas pola precariedade da crise económica), as mesmas corren o risco de erosionar os apoios republicanos en dous sectores, inmigración e xénero, que progresivamente veñen ocupando un lugar primordial na opinión pública.

Por tanto, as eleccións 2016 eventualmente tramitarían a posibilidade de observar un progresivo final de ciclo na política estadounidense. Segundo diversas enquisas, ningunha das dúas candidaturas esperta grandes simpatías e expectativas, un aspecto que ó mesmo tempo confirma a sensación de apatía cidadá e incluso de desprestixio da política como catalizador do debate público e das expectativas sociais.

Unha incógnita que se reflicte igualmente nas propostas de política exterior de ambas candidaturas. Preventivamente, Hillary apostaría por preservar unha “Doutrina Obama” que Trump denuncia por presuntamente propiciar o final da hexemonía estadounidense. Pero as súas referencias por retornar a unha “América grande e forte” contrastan coas expectativas por rememorar a política de “plácido illamento” exterior que caracterizou á diplomacia estadounidense no período da primeira posguerra (1919-1939).

Estas incógnitas aumentan as expectativas sobre qué farían Clinton ou Trump na Casa Branca ante desafíos exteriores como a recesión económica global, Siria, Rusia (a pesares da aparente sintonía entre Trump e Putin), China, o pulso en Asia Pacífico, o TTIP ou (des) Unión Europea, entre outros. Con todo, estas eleccións 2016 marcan mais ben unha pauta distinta e inquietante, determinada pola frustración cidadá cun establishment aparentemente incapaz de achegar respostas e solucións a unha sociedade cada vez mais heteroxénea, complexa e diversa, que ansía un novo consenso nacional.
Mansilla Blanco, Roberto
Mansilla Blanco, Roberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES