Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Carro: Nomenclaturas e particularidades

miércoles, 17 de octubre de 2001
En Camariñas no lugar do Allo leva CHEDEIRO con CABEZALLA partida e dúas FURAS; CHEDAS con cinco FUMEIROS a cada lado; e formando a MESA do carro oTABOADO e seis TESUIROS de carballo que apreixan das chedas; baixo das que van dous CANCOS, catro LEITURIAS que son as que agarran do EIXE e os TORNOS para amarra-lo CABESTRO. O FREO de ferro lévao adiante no chedeiro e enlaza as chedas coa cabezalla formando un só corpo. A RODA conta coas CAMBAS, o MIÑON, o OLLAL, GUARNICIONS que son un reforzo de pranchas de ferro, FERRAXES e a TILLA de tilla-los eixes, que se emprega coma cuña pois apreta ó eixe contra a roda. O eixe conta coa CABEZA do eixe e o TULETE que é o que aguanta da roda no eixe. Algúns carros do lugar levan UN TAQUEAMENTO, que consiste nun recheo de tacos de madeira que se lles poñen ás rodas todo o arredor, cando estas van xa moi gastadas e non dan ben a altura do carro. Aquí no Allo pódense veren aínda vellas rodas centenarias nas que se pode aprecia-lo taqueamento e unhas medias lúas cunha estreira abertura. Posúen un xugo da CANGA moi característico e para algúns traballos usan as CAINZAS grandes formadas por tres trevesos e cinco táboas, valéndose tamén doutras máis cativas.

As súas partes en Merelle no concello de Ordes son o CHEDEIRO de carballo con CABEZALLA de igual madeira, que é a que amarra o carro indo de adiante atrás e con dúas FURAS para a CHAVELLA; levando tamén GASTALLO e TENTEMOZO ambos de carballo que van unidos a esta e serven para aguantar do carro; FUNGUEIRAS de carballo, CHEDAS de amieiro, CAMBON de carballo, catro AFUNGADOIROS de carballo, catro TROITOIRAS de carballo cunha CINTA FERRA que abraza ó EIXO; dous ZOCOS de amieiro que van entre as chedas e as troitoiras e que se colocan aí para darlle máis altura ó chedeiro; ENLACE de chedeiro de carballo e que é un traveso que vai de zoco a zoco; gastallo de carballo pau que vai unido ó chedeiro e apoiado no enlace que se usa para que non se apine o carro; BARROTES de carballo para termar da troitoira reforzándoa para que non se veña para atrás e para que aguante aí o seu peso; GRADE de amieiro formada por dúas táboas e dous traveseiros que van pousados no chedeiro (mesa do carro) para anchealo e que leve máis carga, dúas CANIZAS de catro táboas e catro traveseiros de enlace de piñeiro; e xa logo RODAS de carballo con LLANTAS DE FERRO que van cravadas nas rodas con ESPITAS de ferro, con catro MEDIAS LUNAS (1) en cada roda, o MINLE que leva unhas CINTAS de ferro que aguantan del, dúas CAMBAS de carballo en cada roda con BITOQUES que son os cravos que premen das ferraxes, CABEZA DO EIXO con TILLA por si este afrouxa para con ela axustalo ben á roda; para que así esta non lorquee con dous TUGINOS que aguantan da roda contra do eixo. As diferencias que este carro nos amosa con respecto ó doutras zonas son as de que leva gastallo, un cambón, dous barrotes traseiros, enlace e unha grade para face-lo máis ancho. Os ollais das rodas preséntanse uns con abertura cativa e outros coa que vén sendo habitual por todo o noso país.
(1) LAMINAS DE FERRO coñecidas co nome de SOBRERRELLAS.

No lugar de Leis en Muxía este preséntasenos con estas características e tipismos de seu, constando de CHEDEIRO de carballo con dúas CHEDAS tamén de carballo e CABEZALLA de igual madeira ou senón de eucalipto; sobre del van dez FUMEIROS sendo os dianteiros máis altos e todos eles de carballo ou de toxo e a MESA do carro formada polo seu taboado e o seu entravesado; por debaixo van dous COUCONS de amieiro amarrados ás chedas por catro LEITURIAS de salgueiro ou de amieiro que son as que logo suxeitan ó EIXE; nel vai tamén un FREO de ferro. A RODA leva CAMBAS de carballo, MILDE de carballo OLLAL, GUARNICIONS de ferro, FERRAXE e REIXADAS que cravan a ferraxe e xa coma remate están a TILLA de loureiro e as CRUCETAS. Para o atado do carro empregan o CABESTRO, o amarre coa CHAVELLA de oliveira ou buxo e para o tiro empregan o XUGO da CANGA.

As súas pezas en a Cancela de Santalla, no concello de Curtis reciben estes nomes: O CHEDEIRO, a CABEZALLA con dúas FURAS para a CHAVELLA; as CHEDAS que no seu enceto levan ou ben a FUNGUEIRA ou ben a CANGA que vai sobre os dous fueiros de diante e metida na RETEALLA do carro; é dicir, unha peza de enlace entre o chedeiro e a cabezalla; catro FUNGUEIROS a cada lado; o LEITO do carro conta con seis TESOIROS que apreixan ás chedas, indo sobre del as CURRIPAS (ladrairas) e os PAUS que se usan para o cargaren mellor, van situados sobre da fungueira, e por debaixo están os REFUNGADOIROS para amarra-lo ADIVAL, os COUCILLOS, a peza do cantadoiro de bidueiro ou freixo e as TREITURAS con APOIOS traseiros, sendo o seu remate ou parte traseira o CU do carro. O EIXE co CANTADOIRO onde rozan as treitoiras, a PELA do eixe e os GORRIOS. A RODA con CAMBAS e MIL, e logo leva coma ferraxes o FERRO do carro que é a súa rodadura, unhas veces vai cortada e outras enteira, a LAMIA (cinta) e as CINTAS do mil. Xunguen co xugo da CANGA.

No Val do Dubra en Arabexo conta con esta nomenclatura: CHEDEIRO de carballo, a CABEZALLA con CHAVELLA e dúas FURAS temén de carballo con GASTALLO pau que vai por debaixo desta para que así non bique a terra; a BOEIRA de carballo, dez FUNQUEIROS de eucalipto ou carballo e CHEDAS de carballo; nas que van os CLOUCONS que son de amieiro ou bidueiro que van entre as leitoiras e os cloucóns e que serven para que o chedeiro vaia máis alto; uns TORNOS de carballo a cada lado que serven para ata-lo carro co adival; o EIXE de freixo e as RODAS de carballo formadas por CAMBAS, MINLE e RELLAS que enganchan ó minle e á camba e que amarran a toda a roda; o FERRO (1) que vai cravado por ESPITAS, cada roda leva catro MEDIAS LUNAS que van dúas por dentro e dúas por fora cravadas con BITOQUES; a PENLA do EIXE entra na roda pola fura do eixe e vai fixada á roda por unha TILLA que é coma unha cuña de axuste, e logo preméndoa van dous tornos. AS CANIZAS feitas de táboas de piñeiro; aquí tan só usan canizas altas formadas por cinco táboas e tres barrotes cada unha, e á veces leva na traseira un CANIZO que vai amarrado por dúas varas que van dende unha caniza ata a outra.

O carro para que non cante hai que lle botar xabón e tamén para que non arda; xa que do rozamento entre os madeiros facilmente nacía o lume. Os rebaixes do eixe sobre dos que premen as leitoiras reciben o nome de LUIDOIROS (cantadeira).

En San Cristovo-Erviñóu temos constancia de que algúns labradores usaron nos seus carros a RODA MACIZA que albiscamos en GOIRIZ-Vilalba.

(1) SOBRERRELLAS.

En San Simón de Nande no concello de Laxe consta de CHEDEIRO de carballo, CHEDAS de carballo. CABEZALLA de carballo, FUNQUEIROS de carballo, CHAVELLA de buxo, TORNOS de carballo, COUCONS de amieiro, LEITURIAS de salgueiro. Para o seu amarre empregan o CABESTRO. O EIXE de amieiro con CABEZA do eixe BOLON que son os pasadores e TILLA (cuña). A RODA de carballo coas ferraxes do SOBRERRELLAS e LLANTAS; e coas madeiras de CAMBAS e MIÑON.

No lugar de ARTES en Bergantiños (A Coruña) méntannos coma partes do carro, todos estes chamadeiros: “CANIZO, ESTADULLOS ou FUNGUEIROS, CHEDA, CANIZA, PECHO, CABEZALLO ou CABEZALLA, CHAVELLA, FURA, ESTACA, CHEDEIRO, CADEA, TUFO, APELADOIRAS, EIXE, CHUMACEIRA, SOLLO ou SOLLADO, OLLAL, RELLA, CAMBA, MION e FERRA.

No lugar de Balocos en San Xoán de Moeche (Moeche) o carro conta con: CHEDEIRO de carballo, CABEZALLA de carballo, CHEDAS de carballo, CANGON de carballo vai na cabezalla metido nun espigo que leva o cruce que é un soporte en forma de cruz, CANGA de salgueiro que vai no chedeiro, aparello de castiñeiro, FUEIROS de salgueiro, TAÑEIRAS (ladrairas) feitas de varas de vimieiro –salgueiro ou carballo, AFUADOIROS de toxo, COUCILLOS de carballo, TREITOIRAS de amieiro ou bidueiro. O EIXO de bidueiro formado por CABEZA do eixo e CHAVETAS. A RODA de carballo con ferraxes amarradas por cravos de ferro e madeiras coma as CAMBAS e o MIL; e xa logo para o amarre da súa carga empregan o CABESTRO (adival). Comentáronnos tamén que para que o carro cantara botábanlle grasa, e para que non cantara xabón.

En San Andrés de Teixido no concello de Cedeira coñécese o primitivo carro co nome de “O CARRO BALDÓN”, formado por CHEDEIRO de carballo, CHEDA de carballo ou LEITO do carro que aguanta a braña – a leña ou o que lle boten, BOTOALLA de carballo, CHAVELLA de toxo, FUEIROS de carballo ou freixo; CANGON e CANGA; AFUADOIROS de carballo, COUCILLOS de amieiro, TREITOIRAS de freixo. EIXO de amieiro ou bidueiro para que cantara ben con CABEZA de eixo acaravillada con dúas CARAVILLAS. A RODA con FERRO de correr e SOBRERRELLAS e con madeiras de carballo para as CAMBAS, o MIL e as RELLAS internas. Para o atado usaban o CABESTRO.

O carro de Mens en Malpica leva CHEDEIRO, CHEDAS, CABEZALLA de arriba a baixo con dúas FURAS, BUEIRO que aguanta das CAINZAS para poñe-lo toxo e que se usa en tódolos traballos, CHAVELLA, FUNQUEIROS, CAINZAS, catro PESCUÑOS (travesos) que unen o chedeiro, COUCILLON, TREITOIRAS, TORNO para o ADIVAL. EIXO con CABEZA do eixo e PORRONS (cuñas). A RODA con ferraxes coma FERRO do carro preso por uns cravos coñecidos coma REIXADAS e as PLATINAS. Onde a CABEZALLA leva coma un rebaixe chamado a EMPATIA do chedeiro que a usaban para se sentaren os que ían no carro ó monte, quedándolle-las pernas á altura da traseira dos animais de tiro.

En Barbos (Ortigueira) leva CHEDEIRO de castiñeiro, CHAVELLA de toxo ou loureiro, BOTOALLA (cabezalla) de castiñeiro que vai de arriba abaixo e é o corazón do carro, CINCON de acivro para mantelo de pé, TABOAS do chedeiro de piñeiro para que a carga non bata contra as rodas, CHEDAS de nogueira, CANGA de diante formada por un cango e un pé que vai amarrada na botoalla e é de cartiñeiro, O CANGO do medio de castiñeiro amarrado por un trasdós de ferro no chedeiro que vai colocado no enceto da mesa e artellado por dous pés de cangos – un cango e dous fueiros de cango o do medio, o CANGO traseiro situado na mesma traseira do carro é de castiñeiro e vai atornillado ó chedeiro facendo apoio sobre dous pés coma se se tratara dunha mesa, dende a canga da botoalla ata o cango traseiro van seis vareiros colocados tres en cada lateral do chedeiro e outros seis cobren a mesa polo medio, indo tan só dende a canga ata o cango do medio sendo todos eles de salgueiro, cinco TRAVESEIROS que premen e xunguen o chedeiro, catro FUNGUEIROS de salgueiro para o seu atado e que van por debaixo das chedas e no que se agarra o CABESTRO (adival), pero a maiores usan tamén unha corda dianteira para o seu amarrado; COUCILLOS de nogueira, TREITOIRAS de salgueiro con barrotes de ferro e trasdós que os abrazan por debaixo do eixo. EIXO de salgueiro vello, formado por CABEZA do eixo. CHAVELLAS para aguanta-lo eixo –unha FRISA que protexe a cabeza do eixo contra os golpes e uns trasdós que aguantan dos miles. A RODA de freixo con ferraxes formadas por CINTON e FRISAS e madeiras de CAMBAS e MIL. Este leva un sistema de FREADO chamado O TORNO con cepas de pau e TRANCA do torno de castiñeiro. Para que non cante bótanlle xabón.

No Val do Masma, no lugar de Meixide Grande en Chantada componse de CHEDEIRO de carballo. A CABEZALLA que ten conta do chedeiro e de todo o carro e nela leva as FURAS onde se mete a CHAVELLA, que é de carballo, leva dúas porque pode fallar algunha e coñécese como “as furas da chavella”; úsase a fura de diante cando as vacas do tiro son moi grandes, esta levanta un pouco máis á xugada e non lles pesa tanto o carro cando este vai dianteiro; a fura de atrás emprégase cando o carro vai traseiro ou se as vacas do tiro son cativas. As furas da TRAMPILLA (tranca) van na MESA do carro e non as chedas, esta está formada por dous fueiros, unha trampillas e unha táboa que lle fai de mesa; logo leva uns oito ESTADULLOS de carballo, os LADRAIROS case sempre de bidueiro pero tamén de cerdeira; conta cuns cinco TRAVESOS de carballo que lle suxeitan do chedeiro, catro PIOS de carballo para ata-lo ADIVAL, os CARAUCOS de carballo e as LENTOIRAS de salgueiro. O EIXE con PEPITA do eixe e BIOS. A RODA de carballo con CAMBAS e MION, e con ferraxes coma BALDON, RELLAS, VINCALLOS e CRAVOS. Fan uso do xugo da TORGA.Os carros se andan ben cargados cantan ben, e se andan alixeirados de peso xa non cantan. Neste concello é de moita sona o evento de “O Folión dos Carros”.

No lugar de Rochela na Devesa (Ribadeo) o carro ten estos chamadeiros: CHEDEIRO de carballo con BRIGUEIRAS de carballo ou de castiñeiro que son tres travesos que amarran o chedeiro, e leva tamén tres furados para mete-lo CHAVELLO que é un pequeño acouto redondo ou a CHAVELLA un acouto meirande; CHEDAS de carballo ou castiñeiro son seis FUMEIROS de piñeiro ou toxo a cada lado; CADEIXOS (tranca) igual ós de Vilalba e van colocados no PINO do carro son de amieiro e feitos ó natural, sendo un a MOLETA en forma de T para o acarrexo da carga e consta de moleta e pé, e o outro o CADEIXO en forma de Y, unha peza formada por gaias e pé empregada para leva-los apeiros ó labor; LADRAIROS, AFUMADOIROS de toxo, COUCILLONS de buxo ou de piñeiro, TREITOIRAS de salgueiro. O EIXO de amieiro con CABEZA do eixo e dúas CARAVILLAS. A RODA con ferraxes coma MEDIAS LUNAS que son as láminas de ferro baixas da roda, GUARDAMONTES láminas de ferro de enriba, BANDA de ferro que recobre á roda cravada con ESPICHAS na madeira, ESPELLOS ferros encintados sobre do molo; e con madeiras de carballo ou castiñeiro leva as CAMBAS e o MOLO. Usaron ata dous tipos de xugo para xunguir, o da CANGA e o da MULIDA.

En Foz a BOTOALLA (cabezalla) leva dúas ou tres furas, logo ten MOZO e o RANQUEIRO (tranca) e xa por último os LADRAIROS ou RIPAS fan a CAIXA do carro.

En Monte de Meda parroquia de Cabanas do concello de Lugo o carro fórmano o CHEDEIRO, a CABEZALLA e as CHEDAS; na cabezalla vai a FORCADA, que acompaña sempre ó carro e a estada que tamén soe andar nel, esta vai pousada por riba da herba e ó ras da forcada.Conta con cinco LOMBOS (travesos) que teñen conta das chedas, sobre das que van as LADRAIRAS, o PISO do carro e uns dez FUNGUEIROS que cos dous que van na forcada forman un total de doce; debaixo van uns catro AFUNGADOIROS, os COUCILLOS e as TREITOIRAS. O EIXE leva dúas PEBIDAS e catro GORRIOS.

A RODA consta de CAMBA, MION, as LUCES do carro e as FERRAXES, sendo nun caso ferrado a fogo e noutros con cravos. Neste lugar teñen o costume de as pintaren de vermello para que non as abra o sol e para que non as coma tanto o inverno. Xunguen co XUGO da CANGA.

No lugar de Porteliña parroquia de Lamas de Moreira en Fonsagrada consta de…LEITO do carro (chedeiro) de carballo, VIGA (cabezalla) vai de arriba a baixo de carballo con tres FURAS, sendo unha para o TENTEMOZO e as outras dúas para a CHAVELLA que é de freixo, PERTIGAS (chedas) de carballo, TABOAS do piso do carro de castiñeiro; na viga leva un burato para poñer un RANGUEIRO de bidueiro ou de carballo con mesa; catro FUMEIROS de cada lado de castiñeiro ou de carballo, TREITOIRAS de bidueiro que atallan o leito do carro; ADRALES (ladrairas de amieiro). O FREO de ferraxe leva torno para afrouxar ou apretar cando cumpra. COUCILLOIS de carballo, ABRUON (afungadoiro) de castiñeiro ou de carballo para engancha-lo RELLO (adival), TRAVESAL con zapatas para frea-lo carro, cinco TRAVESAÑOS de carballo ou de castiñeiro que atallan a viga e as pértigas. EIXE de bidueiro con CABEZA do eixe e CUÑAS (tornos de acoute). Empregan dous tipos de RODA, sendo un “A RODA DE LLANTA” formada por catro moles unidos onde o eixe polas CHAPAS de protección que os sosteñen, e catro CAMBAS protexidas por arcos de ferro e unha LLANTA de ferro con cravos por fóra. “A RODA DE CRAVOS” está formada por MOLO encintado con ferraxes, A RODEIRA con cravos, dúas CINTAS sobre das CAMBAS tamén coñecidas coma ARCOS; tódalas cintas van amarradas con AGULLAS que levan na cabeza ata catro augas coma se se tratara dun lousado. Empregan o XUGO DA MULIDA, feito de freixo e que vai enganchado con CORREAS ás cabezas dos animais. Para que o carro cante hai que o untar con grasa, ou con gas; e para que non cante con xabón.

En Liñares no Concello de Navia de Suarna recibe estas denomeacións: CHEDEIRO, CABEZALLA, CHEDAS E TODAS de carballo; levan catro e tamén cinco FUEIROS, ABRUON de freixo (torno) para ata-lo RELLO (adival), ADRALES (ladrairas) de olmo ou nogueira, CHAVILLA de freixo-salgueiro ou amieiro, LAVATOIS (coucillóns de bidueiro ou freixo, TREITOIRAS de bidueiro. EIXE de freixo con CABEZA do eixe e CHAVETAS. RODA con ferraxes formada por FERRO liso ou con cravos, LLANTAS e CINTAS e madeiras como MOLO, CAMBAS e o OLLO da roda. Pero neste lugar distínguense uns tres tipos de rodas usadas nos seus carros e cítannos primeiro “ A RODA DE CRAVOS” da que sabemos que cando perdía un moi pronto lle empezaban a cae-los demais, segundo “A RODA DE LLANTA” con molo ASPADO e ferraxes; e terceiro “A RODA DE LLANTA” con molo trasversal e ferraxes. Para o tiro empregaban o XUGO da MULIDA.

Na parroquia de Lago do concello de Becerreá noméanno-los seus chamadeiros deste xeito: CHEDEIRO, CABEZOALLA de dúas furas das que unha é para a CHAVELLA e outra para o TIMON no que se asenta a cabezalla sen que toque no chan, CHEDAS de carballo; RANGUEIRO de bidueiro ou capurro, FUNGUEIROS e ADRALES de olmo, COUCILLOS de olmo ou bidueiro, TREITOIRAS de bidueiro ou acivro. EIXE de bidueiro con CABEZA do eixe e chitos (tornos). RODAS de carballo con ferraxes coma BALDON, PITILLAS e madeiras a base de MION e CAMBAS. Para o seu atado usaban o TRELO (adival), e para o tiro xunguen as vacas válendose do xugo da mulida e tamén do xugo da torga.

Os de Paradavella en Fonsagrada citan coma partes do mesmo estas: CHEDEIRO de cerna de carballo, CABEZOALLA de carballo con dúas furas, TENSON ou TENTEMOZO de freixo, CHAVILLA ou CHAVELLA de tiro de freixo; CHEDAS de carballo con RANGUEIRO (tranca) de bidueiro en forma de Y, FUMEIROS de carballo, ADRAS (ladrairas) de amieiro ou carballo, LOBETOS de carballo para agarra-lo TRELO (adival); as chedas únenas as BARRETAS de carballo, sobre das que se pon o PISO do carro; LOMBON de bidueiro, TREITOIRAS de bidueiro. O EIXE de bidueiro formado por CABEZA do eixe e os PASADORES. A RODA coas ferraxes de BALDON ferrado a fogo, CINTERIA de ferro con cravos de remache, outra CINTERIA paralela á anterior e a CINTA de sobrerrella abrazando ó MION; e logo xa de cerna de carballo leva o MION e as CAMBAS. Os fumeiros ían atados con CLAVIOS de carballo, unhas biortas ou corres de carballo tamén chamadas CADEIXOS que apreixaban ós fumeiros para que non abriran coa carga. Aínda que entre os do lugar este carro recibe o nome de carro de LLANTA ou de CRAVOS, pero eles tamén dan fe do carro con roda de BALDON. Para o seu arrastre empregaban o XUGO da MULIDA.

En Baleira no Cádavo conta con estas denomeacións: CHEDEIRO, de cerna de carballo, CABEZOALLA de cerna con FURAS para a CHAVELLA que tamén é de cerna, CHEDAS de carballo con TRAVESEIROS do chedeiro de carballo; cinco FUNGUEIROS de carballo de cada lado, ADRALES de bidueiro, TESON de carballo para aguantar da cabezalla e do carro, ABRUON para amarra-lo TRELO que o ata, LOMBOS de capurro (toxo), furas dos fueiros nas chedas, TREITOIRAS suxeitan o eixe e son do que cadre. O EIXE de bidueiro con CABEZA do eixe e CHAVETAS de madeira. A RODA formada por ferraxes coma BALDON e as CINTAS con pasadores e por MION e CAMBAS de carballo. O pareceres botábanlle os lombós de madeira de capurro, pois disque estes cantaban mellor. Para o xunguido usan o XUGO da TORGA.

No concello de Vilalba, en Goiriz méntannos estas partes: CHEDEIRO de cerna de carballo, CHEDAS de carballo, FUSO (cabezalla) de carballo con dúas furas, CHAVELLON e CHAVELLA de salgueiro, RANCALLA de carballo formada por dous fungueiros –un traveseiro e un pé tendo forma de T; cando non leva RANCALLA leva RANQUEIRO de carballo que consta dunha soa peza en forma de Y; cinco FUNGUEIROS a cada lado, catro AFUNGADOIROS de amieiro, LADRAIROS de piñeiro sendo uns altos para o acarrexo das patacas e os outros baixos para o transporte do balume –herba- comida do gando.
Otero Cebral, Xosé Luis
Otero Cebral, Xosé Luis


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES