De feira en feira cos Cabanela
Bouso, Fran - martes, 11 de octubre de 2016
Nos últimos días do mes de setembro de hai tres anos, Mondoñedo converteuse nunha feira mediática con micrófonos, cámaras e xornalistas dos medios máis diversos interesados por coñecer ou pasar revista á localidade que veu nacer á eminencia médica que ía operar ao que, por aquela era, o rei de España.
A nova saltara nunha rolda de prensa, sen precedentes, que o doutor Cabanela ofrecera en Zarzuela e na que nos deixou frases que se converteron en titulares como: Yo no sé exactamente lo que hace un rey ou El rey al desfile no podrá ir, porque he visto en la tele que pasa mucho tiempo de pie.
A unha pregunta dunha xornalista sobre o tempo de recuperación de Juan Carlos de Borbón, Cabanela respondeu con ambigüidade e inmediatamente o xefe da Casa do Rei fixo saber que o médico era Galego: El doctor es de Lugo, dixo Spottorno. Nese preciso instante os periodistas máis avantaxados xa se puxeron a buscar información sobre Cabanela tocando os seus contactos en provincias e descubriron que o especialista en cirurxía de cadeira era de Mondoñedo, daquela comezou todo.
Nos días seguintes unidades móbiles e reporteiros paseábanse polas rúas e prazas da Cidade da Paula preguntando sobre o doutor. José Eduardo González-Seco, curmán do médico, dixo que Cabanela É un tio moi campechano, ao que o entrevistador respondeu: Vanse xuntar dous homes moi campechanos. Luis Salaverri Cabanela comentou: Quero resaltar a súa sinxeleza, a súa humildade, nosoutros xa coñeciamos a súa traxectoria, agora coñécena todos. Arturo Bello comentou que Miguel é unha gran persoa, moi humano, disciplinado e canta moi ben.
Modesto Díaz, daquela concelleiro na corporación mindoniense, foi interpelado como cidadán pola Radio Galega, fixo saber que Miguel é unha gran persoa, amable, encantador e que colabora con calquera veciño que o precisa, tamén quixo lembrar nese momento Modesto que en Mondoñedo xa estivera unha filla do rei (referíndose á infanta Elena) e amosou o seu desexo de que a ver si vén o monarca a Mondoñedo unha vez que estea recuperado da súa operación. Polo momento Juan Carlos aínda non estivo en Mondoñedo, pero a súa nora, a raíña Letizia, visito a localidade estes días.
Daquela era alcalde de Mondoñedo, Orlando González (tamén médico) que fixo unha importantísima labor de comunicación vinculando de maneira moi estreira a Miguel Cabanela coa Cidade do Masma.
Se en setembro de 2013 Mondoñedo foi unha feira mediática, non o vai ser menos a vindeira semana, cando celebremos a 860 edición das San Lucas que veñen cunha ampla programación, variada e dirixida a tódolos públicos. Entre outras moitas actuacións figura a de Still River, un grupo de rock que lidera Dan Cabanela, fillo de Miguel. A banda interpretará temas propios con aires de blues, rock inspirado nos 70, folk, blue grass ou country. O propio Miguel Cabanela confirmou a súa asistencia a este concerto.

Bouso, Fran
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora