Deus nos asista
Otero Canto, Xosé - jueves, 06 de octubre de 2016
Hai unha man moura, unha negra sombra rosaliana que emerxe no lodo da democracia e aloda e envolve as depuradoras que tan só exercen de batidoras e non de limpadoras dos excrementos políticos; esa man moura non se ve, pero exerce, está aí, calada, como a procesión dos Caladiños da Semana Santa luguesa pola noite das sombras.
Cando alguén neste país quere xuntar as forzas chamadas de esquerdas e limpar a corrupción institucionalizada . . . xorde esa man negra. De aí que a democracia haina porque queren que a haxa esas mans invisibeis do capital e nós non somos quen de nada. Pobres desgraciados opinadores! Tan só opinadores, mais non factores, de facere (facer), senón mandados dos outros para adesse ad imperandum (presentarse a recibir órdenes) cando hai algo que non interesa, romper todo e quedar abraiados cos nosos representantes votados para defendernos pero fan o queren esas mans negras; tan só así e desta maneira se ve a crise do PSOE, o cambio dos artigos da Constitución e outras moitas insurrecións que desde Elpidio Sánchez ata Garzón fan irrespirábel unha democracia que existe porque esa man negra quere que exista e nós non temos nada que ver.
A que opinión chegamos os que fixemos a transición! Deus nos asista!, agora van coser o partido os que coas tesoiras e cos coitelos ben afiados racharon as teas do firmamento político descosido polos factores da transición e polos cubertos de pensións millonarias á costa do Estado, da política e de nós mesmos. Deus nos asista!
Usurpadores da democracia, desfacedores dos votos a través das comisións mercadas polas mans mouras e as capas mouras españolas, que teñen unha cor vermella para tourearnos e outra cor moura que representa a esa man tamén moura ou a esa negra sombra.
Os partidos descosidos non se cosen co fío da auga bendita recollida nos hisopos andaluces ou madrileños, senón cos reais representantes das bases, postos polas bases, e facendo política para as bases, e non para esas mans negras que rompen as teas con tesoiras de ouro e desúrdenas con agullas de ouro e outros complementos.
Cidadans de ben que esperamos democracia. . . . Deus nos asista!

Otero Canto, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora