Paisaxe
Mini - martes, 04 de octubre de 2016
Unhas casas aquí , outras acolá, familias, os vellos clans. Por todas partes as formas xeométricas dos prados e labradíos xalonadas de valos e divisións en forma de cintas de matorrais e árbores. Acubillo de pequena e mediana fauna que controla as pragas dos cultivos e enche de música as vidas dos labregos. Divisións de carballetes cerquiños chamados tamén carballizos, salgueiros, sanguiños, freixos, abeleiras, loureiros
buxos
que son barreiras que amansan os ventos e facilitan os microclimas axudados polas silveiras cortadas en vertical.
Ó máis aló están os soutos da castaña pró inverno, mantenza de xente e gando, vigas para termar do piso ou do tellado das casas. As carballeiras que son frescura de vrao, folla prá cama do gando, landras prá ceba e lume constante nos fríos da invernía. A fraga, a devesa, o monte pelado, ou case raso, como complemento do labradío. Sustento da vida e lacena do necesario pra vida e labor.
Ríos coma serpes ora violentos ora mainos gardados sempre por amieiros; por espiños de peruchos, patróns das pereiras lonxevas do país. Saltasebes que apertan e marcan caprichos nas varas de salgueiro e de sanguiño que máis adiante darán vistosos caxatos, sostén de vellos e mocas festeiras de mozos con sangue quente amigos de liortas interminables. Xestas que tornarán a auga a xeito de colmo nos alboios onde se garda o ben preciado do carro e dos apeiros cos que se traballa a despensa da terra. Codesos, vimbios pra face-los cestos e os goxos onde carrexar patacas, mazás ou calquera outro froito. Toxo femia e macho pra estra-las cortes e abona-las terras, noutrora mantenza das bestas; o medio de transporte dos privilexiados da terra. Xuntos, toxo e xesta, son calor pró forno, cocedor do pan centeo, trigo, broa ou mesturas que moderan a fame secular deste sufrido pobo noso.
Carqueixa, carpaza e uz, esta última leña de alto poder calorífico que puxo a proba a calidade e o temple das cociñas económicas ou bilbaínas.
Montañas dondas coma matronas prehistóricas da fecundidade. Amable suavidade que dá á paisaxe esa bondade e esa ausencia de violencia que fai do pobo do galego xente de ben, pausada e adicta á filosofía e ó trasacordo tan puñeteiro e
tan necesario. Montañas que foron noutro tempo morada errante das hordas humanas, preludio de Nós, que nos deixaron as mámoas das penichairas e as presenzas enneboadas dos deuses do pasado. Presenzas e deuses dos principios de Nós recubertos e acochados polos ritos das capelas e das cruces. Ceras e círculos de xeonllos sangrantes de ofrecidos penitentes
preludio das romarías de merendas que celebran as colleitas.
O grisallo da chuvia, a tristeza ensimismante da auga sobre auga que impide o soño. Porque chega a facernos dubidar da existencia do sol nos periodos longos. E cando non a auga, vén a néboa coa friaxe no inverno ou coas venidas de mildeu no verán, ameazando as nosas hortas e os nosos viños.
Paisaxe humanizada que vai das fervenzas do Xallas á foz do Miño co forte do Can nos penedos. Vai do mar de Bares e da praia, mal chamada das Catedrais, ás rías do mexillón e centolas e dos cons dos percebeiros. Da microclimatoloxía das Glorias ó Inferno na Ribeira de Chantada, chamada Sacra, do viño. Dos curutos da Queixa ou do Courel de Novoneira á Chaira inmensa do Manuel María poeta inmenso.
Paisaxe modelada polos humanos, amable, reparadora do espíritu e da fame que vén do onte ata o hoxe, que vai do hoxe ó mañá e terá de ir do mañá a un futuro sostible con sabor a nós en simbiose de xente e terra, aire e mar, verde e luz, lume e neve,
Esta coñecida e común paisaxe onde naceu, acrisolou e cuallou a nosa fala e o noso ser como pobo. Esta familiar natureza que fomos axeitando e que nos amansou por séculos
Onde vai? Que foi dela? Quen a levou?
Quen a substituíu pola absurda planura monótona da peste oliva, da inframadeira que alimentará sesenta anos máis o monstro de ENCE. Monocultivo maldito e transgresor da lei natural.
Onde a variedade e a diversidade de tonos, de recursos, de vida chamando pola vida?. Onde o monte, onde a fraga, onde a chousa, onde o cultivo, onde o complemento? ¿ONDE A VIDA EN SIMBIOSE DE PERFECTO ENTENDEMENTO DE HOME E MEDIO NATURAL?
É esta a modernidade que nos vai traer a felicidade colectiva? É este o sentido común pró noso futuro?
Teremos de nos parar a pensar se paga a pena este incendio continuo, este sen vivir periódico, esta ausencia de paxaros, esta terra sen vida ó servizo do carto miserable e fácil. Esta hipoteca que se cadra non daremos pagado.
Se cadra... E se cadra si.
(Manifesto lido por Xosé Luis Rivas Cruz-Mini, no Pedregal de Irimia, o 2 de outubro de 2016, dentro da IV Festa da Afirmación e Dignidade).

Mini