Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A mestra das saias longas (8)

martes, 04 de octubre de 2016
Outra vez solfexando


A mestra das saias longas (8)-¿Vuelves a esconderte, o qué? ¿No te había colocado aquí delante, entre las primeras?

-Dona Ana, por favor, sexa paciente comigo, e déixeme estar aquí, na última fila, polo menos ata fin de curso, que aínda podo decepcionala!

Foi sincera, era sincera; e as compañeiras, admiradas, deixaron de terlle envexa. Así comezou o segundo trimestre. ¿Fíxoo por humildade, ou por intelixente? Coñecéndoa, cabe pensar que por ambas circunstancias.

As clases na Normal máis que para mestras eran para taquígrafos das Cortes, pero como xa non os había, contados eran os que acudían á academia E.R.T. do Campo Castillo para estudiar gamas; e da Normal, ningún. Como aínda non empezaran a vir os bolígrafos, veña lapis ou estilográfica. Os lapis eran baratos pero había que afialos, e de tan mala calidade que lles rompía a mina a pouco que se apertase. En canto ás estilográficas, con iso de que había que recargalas, tiñan que levar encima dúas ou tres, pois con tantos apuntes, e tan poucos libros, tocáballes escribir máis que un oficial de notarías. Outro inconveniente de tanto anotar era a deformación das caligrafías, que acababan tendo máis de médicos que de mestras. En particular as pedagoxías eran un rolo, un rolo enrolado, que precisaban dunha bobina de papel sen fin, coma os de El Progreso: Os libros de texto eran escasos, e como as profesoras se fiaban máis das súas experiencias que das disquisicións dos especialistas, veña rolo! Máis tarde, xuntas, por grupos, recollían e refundían aquilo que lembraban, ou o que tiñan apuntado.

Amalia, e con ela as outras, saía con máis desexos de estalicarse nun banco do Parque que de visita-la catedral, pero…, a noite non é propicia para os bancos dun xardín, e menos nas friaxes de Lugo! Tamén lles apetecía tomar un cafeíño debaixo dos Soportais, pero…, outro pero! Poucos cartos e demasiados miróns, demasiados rapaces no Paseo ollando para as pernas das rapazas daqueles veladores, por longas que levasen as saias! En definitiva, clase, catedral, e…, pousada! Namentres, o de sempre: ¡as labreguiñas envexando ás estudosas, e non só ás estudosas, pois tamén era un luxo irse para Lugo aprender corte e confección! ¿Que meigallo terían aquelas murallas cando tal prestixio daban a quen preso nelas estaba?

A mestra das saias longas (8)

¡Os libros, si, pero elas, non, aínda que pouco se lles recoñeza a súa docencia; e da decencia non digamos pois a Normal de Lugo foi o mellor noviciado do país, non si sor Amalia, sor…? En Lugo ata os vagalumes teñen unha rúa dedicada, pero destas lumieiras do Maxisterio nin sei se as lembrarán os propios alumnos!

¿De onde veñen? Iso está fácil de reconstruír, pois, sendo do Primeiro, naquel Plan cumpríalles estudar: Relixión e a súa metodoloxía; lingua castelá: gramática e análise lóxico gramatical, metodoloxía da lingua; matemáticas: aritmética e a súa metodoloxía, con algo de álxebra; xeografía e historia de España, coa súa metodoloxía; filosofía, con psicoloxía, lóxica e ética; fisioloxía e hixiene; labores e ensinanzas do fogar. (Os traballos manuais estaban reservados para os varóns, pero nin a eles, nin a elas, lles dixeron o por que desta discriminación!). Aínda había máis, ¡para que non tivesen tempo de pensar en frivolidades!, que tamén tiñan, tamén soportaban: caligrafía; educación física e a súa metodoloxía; práctica de ensino, e…, ¡como non: formación político-social! Metodoloxía de todo, e para todo, ¡mestras en todo e de todo!, coa única excepción do método Ogino-Knaus, que lles era prematuro; ¡iso viría despois, nos cursiños prematrimoniais, para as que os fixesen, pois as aliadas non os precisaban!

As solteiras, catro, sorrín, pero á da dereita, ¡de dereitas na foto!, cústalle facelo, e non é estraño pois vaia esforzo e vaia valentía a súa, deixándolle o fogar ao marido, ¡quen sabe onde, que igual o tiña nas Mendreiras de Martín! ¿Que lles reservaba a vida? O máis seguro é que aínda non pensaban niso; de momento, gozala, e…, aprobar! O fotógrafo, que igual foi Barreiro de afeccionado que era á rúa de San Marcos, captoulles a súa candorosa expresividade, pero…, ¿o futuro? En Lugo, os romanos dos Cincuenta xa non utilizaban auspices; ¡vivíamos nun Estado paternalista, proteccionista, providente, e en Santo Domingo a aguia imperial estaba tan alta que ninguén ollaba para ela, así que mal se podía auspiciar!

Se eu fose iso, auspice, á rapaciña da dereita auspiciaríalle un porvir castrense. ¡Vista á fronte e paso marcial! Ten o tipo axeitado para subxugar a un Tenente de Academia, pero farao con dozura; ¡iso salta á vista! Nótaselle carácter, pero sen perder esa dozura máis que normal. Un tipo así ten que dar unha excelente máter familias; iso ademais dunha boa Mestra. Tela na Normal é pouco pois non precisa normalizarse, que xa o está, que xa o é, iso, en grado sumo, por riba do normal naqueles tempos de tanta mediocridade. Se eu estivese de sentinela no cuartel de San Fernando, alí ao lado da Normal, presentaríalle armas, renderíalle honores, pois ten tódalas trazas de merecelos, e para iso sen a altivez de moitos dos que visten de caqui…, para disimula-los seus coiros! En definitiva, que vai pola esquerda, pero é pola esquerda do espectador!

A seguinte, se non fose porque leva gafas pareceríase á Virxe dos Ollos Grandes: ¡unha santa, outra! Ten pintas de discreta, ¡unha virxe prudente! Entre o que sabe, e mailo que chegará a saber, un pozo de sabedoría, pero vese tan modosiña que sempre o disimulará, sempre tratará de pasar inadvertida; ¡aquí pillouna o fotógrafo porque ía coas amigas, só por iso, tan celosa que é da súa intimidade! Humilde e sinxela, sen por iso deixar de ser valente, afoutada, decidida: ¡cando se poña a predicar cos feitos, coa exemplaridade, é capaz de chegar misionando á terra dos tuaregs! Leva o paso coa anterior, así que, se non casa cun militar, cerca andará. Tan xeitosa se ve, que vaia sorte a que terá aquel que lle dea os seus fillos a criar, a educar, a exemplarizar. ¡Daría calquera cousa por ser eu mesmo o pai de tales críos, así que farei os posibles para reservala en exclusiva, para que non contraia outros compromisos, así me teña que casar con ela por poderes!

A do medio moito me lembra a Rosalía de Castro, así que ben burro será o poeta que non se namore dela. ¡Ese aire sensible…; ten que ser unha melosa de carajo, como din na Terra Cha! Nin esta, nin as outras, precisan normalizarse: ¡xa son excelsas, de nacemento! Nótaselle que ten ansia de saberes, de saberes e de faceres, disposta a calquera sacrificio con tal de serlle útil á humanidade; se non se cruza na vida con algún desviavidas, esta rapaciña tamén chegará a ser cotizada; ¡o difícil seralle atopar con alguén que a mereza!

Pasando a vista á da gabardina branca… ¡Esta rapaza é de altos voos, tan altos que merece vivir en Madrid, e que lle dediquen unha fonte do estilo da Cibeles! A Ministra non chegará, pero merece vivir na cidade deles. Nótaselle don de xentes… ¿Ingresará no corpo Diplomático? ¡O que é merecer, meréceo, que non hai máis que vela para apreciala no que vale! Se marchase para a Corte, para a de maiúsculas, e non para unha aldeíña, Galicia terá nela unha excelente embaixadora, que a esta nunca lle chamarán, despectivamente, “jaleja”! O seu aire, o seu aspecto, é como dunha gran empolladora…, que “empollar” se dicía en Lugo, por aqueles anos, aos que estudaban máis do normal, aínda que fose na propia Normal!

Por último, a da dereita, esa que non mira para o fotógrafo… ¡Claro, mira para dentro, olla os seus recordos, as súas ansias, profundiza nas súas cousas! Ten tódalas pintas de ser unha muller formal, laboriosa, intelixente, e…, casada!

Aquel día só se retrataron estas cinco, pois Amalia ía na súa visita catedralicia. ¿E as outras? ¡As outras, como de costume, estudando para mestras, con tal afinco que nin diante dun retratista se paraban!

-.-

En Lugo dobramos o século, pasando ao 51 coas futuras mestras en preparación, en maduración, pero nas aldeíñas outro tanto, que se esforzaban por recuperar o nivel do 36, pois en moitas cousas aínda non fora superado. Volvía a haber abonos, as radios xeneralizáranse, e polas estradas, de cando en vez, asomaba un auto. As corredoiras, entre catro perras das Deputacións, dúas do Concello, e moita “prestación persoal”, que nunca foi regateada, comezaron a ter anchuras, e nalgún que outro caso, empedrado, pero os mortos aínda seguían levándose ao lombo. Os vivos puxeran tendas nos emprazamentos das feiras, así que as viaxes de Montaña, as piteiras de Montaña, foron a menos. Algo se avanzaba, algo se avanzara, pero as mulleres seguían atidas á potestade do marido, que incluso precisaban da súa conformidade para adiar a herdanza paterna. ¡Moita Sección Femenina, e pouco mando en praza!

A todo isto Lugo seguía sendo a terra do nabo, así que, caldo, caldo con unto, non faltaba. E cando escaseaban as herbas, con apelar ás hedras dos carballos…! Os mozos fartáranse de pagar o quinto polas cavadas do señorío, así que deron en emigrar. Os veteranos da guerra, salvo os eivados, xa casaran, e agora afloraban os fillos da anterior, da intermedia, pero…, ¡antes emigraban que malcasaban! O mullerío enchía as igrexas, as igrexas pero tamén as agras, pois moitas delas deron en arar, en gradar, en leva-las vacas ao boi, en por si! O país púxose patas arriba, tal e tanto que comezaron a ter médico, médico residente, todas a cada unha das poboacións vilegas. O que seguía escaseando eran as escolas, ¡tantas que programara a República!, pero entre a guerra e mailas depuracións, ou non había locais ou estaban con substitutos, ¡dobre enchufe, coma a luz!, cando non pechados. ¡Fame de mestres/as, subseguinte á das cartillas de racionamento, para daquela extinguidas! Tan alto subiron, que tódolos caciques se pirlaban por conseguir unha, así fose fea, así fose torta, así fose xorda! ¡Nunca houbo dote máis cobizada que un título de Mestra!

Como os pobres preferiron emigrar, pasar de descoñecidos a ser criados, no idioma que fose, as Casas Grandes deron en fraquear, esgotándose os caseiros da Fonsagrada, que seica foi o último reduto deles. Iso de eslombarse sen estar afeito, iso de abaixarse á aixada, ou deixa-la propiedade a monte, fíxoos pensar na Montaña, ¡na Montaña Cantábrica! ¿Que facían en Santander coas pintas? ¡Muxilas, que iso pode facerse sentado! Despois viñeron as muxidoiras, pero foi máis tarde, moito despois; de momento, muxir, e que viñesen á propia casa polas cántaras, que xa estaba ben de carrexar acotío, chovese ou nevase, para o coche da Liña. ¿Consecuencia directa, inmediata? ¡As leiras a prado, pataqueiras incluídas! Na Normal, acelerando a normalización das rapazas, nin se decataron desta evolución; nin desta evolución nin do feito de que as mestras, afeitas a estudar xuntas, deron en proxectar ensinar xuntas, cobizando grupos escolares; habendo grupos, obtendo grupos, podían vivir ao abeiro das murallas, e ir e volver cada día, e casarse con un chupatintas, desprezando os destripaterróns, por terratenentes que fosen!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES