Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Carro: As súas partes

lunes, 10 de septiembre de 2001
O útil de acarrexo máis enraizado e de emprego estre as sociedades apouvigadas no páis galego foi o carro, o que perdurou incluso en vida dos nosos pais.
Valéndonos da nosa coñecencia e da axuda dos diccionarios podemos defini-lo carro do país coma un vehículo arrastrado por bois ou vacas, empregado para o acarrexo de cargas, que consta dun corpo barquiforme feito de madeiros e táboas apuntalado nunha cabezalla e que anda sobre dúas rodas. As madeiras que na súa feituría se usan son o carballo, o amieiro e a dureza do freixo para o eixe; dilo encárganse os nosos artesáns e deles parece vi-lo refrán que di…”De ruín madeira, nunca boa estela”.
Este sofre miúdos cambios entre unhas zonas e outras do país galego, por iso os artesáns teñen os seus costumes e unhas veces fan uns carros que aínda levando o mesmo modelo nótanselles unhas leves variacións; dilo hai probas na Laracha, en Fonsagrada, na Ulloa, nos lugares ribeirentos ou nos montañosos onde se fan moito máis lixeiros.
Os laracheses distinguen entre “o carro bruto” e “o carro sinxelo” dos que aínda nos dan abofé proba do seu uso. O primeiro, leva madeira de máis resistencia, ten máis peso e é máis forte; úsase para facer acarrexos de ata cen quintais de peso do que tiraría un gando de potencia e de bo corpo. O segundo é máis sinxelo, para andar con el calquera gando vale e soe levar pouca carga. Nas súas feiturías emprégase a mesma madeira, só que nun caso bótaselle máis grosa e no outro máis delgada. Un aspecto diferenciador entre eles constitúeo o feito de que levan a mesma forma pero distintas medida.
Na Ulloa en Palas de Rei fálase do Carro LAMPO, do carro de LARANXO e do Carro de FERRAXE. O primeiro parece selo máis orixinario e non posuíu ningún tipo de ferraxe, empezouse facendo con roda cerrada e era de carballo todo el, o eixe de freixo e as treitoiras de salgueiro, sobre das que os labregos disque facían o comentario de que se non lles metían de salgueiro seica non cantaban ben. O segundo tiña xa abertura nas súas rodas, sendo da mesma madeira e forma que o anterior. O terceiro de madeira igual pero contaba con ferraxes coma cravos, lamias ou rodaduras con cravos de cabeza e vincallos ou outras.
O carro na Ulloa consta dun chedeiro, dúas chedas, unha cabezalla con dúas furas que atalla todo o carro, seis tesós (travesos) que enlazan o chedeiro; cinco fueiros de salgueiro a cada lado, unha chavella de carballo ou de salgueiro que se emprega coma retén do carro ou para o seu tiro, dous coucillós de bidueira, catro treitoiras de cerna de carballo; un eixe de freixo con dúas pebidas e catro gorriós e roda de carballo coas ferraxes de baldón con espitas e serrado cun oucos porque se a madeira incha dilátase o ferro, vincallos amarrados con cravos de cabeza de brocha e xa logo as cambas, os miós e o ollo da roda. Este carro posúe dúas formas sendo unha a que enlaza as súas chedas por unha peza chamada A FUEIRA DE DIANTE e na que logo se apoiará a tranca, este modelo débese a que seica houbo épocas nas que as chedas se quedaban curtas para face-lo molde do carro e entón foi cando se lles meteu esa peza da que xa falamos para así completa-lo seu chedeiro. A outra forma era a que proviña de cernas que nacían para ben e mesmo cadran ben para face-lo remate do carro. Hai tamén comentos de que as chedas empregadas no primeiro modelo puideron ser froito dalgún defecto do aserradeiro.
Na Pena da Merla en Carteire píntanos de vermello e usan no enceto do chedeiro unhas veces a primitiva GAIA (tranca) e outras a FORCADA, a mesa do carro vai presa por cinco CHAVELLAS (travesas); empregan o eixe redondo e uns REFORZOS para as treitoiras, sendo os ferros da roda A FERRAXE en dúas pezas, as GUARNICIONS e os CINTOS dos miós.
Levan tranca formada por un traveso con dúas furas que encaixa sobre dos dous fueiros dianteiros. Póñenselles ladrairos e tamén canizos coas comportas baixadas para que non caian as patacas. Na Ulloa o carro leva uns pescuños de salgueiro (cuñas) que se meten entre as furas dos coucillós e as treitoiras, No concello de Palas de Rei para cargalo mellor usan unha cruceta (canga) que se chanta por onde a cabezalla na carga e queda saída e apoiada sobre da tranca. Para que as treitoiras non se venzan debido á carga na Ulloa póñenlles a estas uns barrotes de apoio que lles seven de reforzo. Para que este non cante bótanlle xabón virxe sen sal, que tamén priva de que arda o eixe cando este está seco; xa que este ó cantar roza máis e faise fogo nel. Para que cante bótanlle grasa e tamén se lle apreta a treitoira empregando uns pescuños que ou ben se lle colocan diante ou detrás destas, estes son coma unhas cuñas que entran nos coucillós a través das súas furas.
As súas partes teñen nomes diferentes entre os galegos, nas súas feiturías empréganse madeiras de árbores ben distintas e para o seu estudio e aclaración dividímolo en dúas partes, o chedeiro que estaría formado pola cabezalla e a mesa e o RODADO ou pé no que se inclúe o eixe e as rodas. O modelo tomado é o do carro da Ulloa cunhas medidas duns tres metros e oitenta centímetros de longo e duns noventa e cinco centímetros de alto e no que as súas pezas reciben estes chamadeiros..
1.- O CHEDEIRO: Feito todo el de carballo e formado por unha cabezalla que leva de tiro un metro e corenta centímetros e unha mesa duns dous metros e corenta centímetros
A CABEZALLA: Vai todo ó longo do carro é de carballo e conta con dúas FURAS para A CHAVELLA; cando o carro pilla algo ás vacas pónselle esta na fura de diante e diante onde as furas soe levar uns oito centímetros.
A CHAVELLA, é de carballo ou de salgueiro, fai de pasador entre o carro e o gando e lava uns sesenta centímetros.
O CHAVELLON da mesma madeira que a chavella, leva ata un metro; é decir, máis ou menos o alto do carro e serve tamén para termar do mesmo.
A MESA: Leva duas chavellas (pechos) diante e tres TESOIROS (travesos) detrás, que cruzan AS CHEDAS atravesando tamén a cabezalla; mide de longo uns dous metros con corenta centímetros, de ancho un metro con corenta centímetros e de cota uns oito centímetros.
AS CHEDAS que son de carballo levan as medidas xa expostas na mesa e van unidas entre elas facendo unha curva na dianteira que é a que fai o seu cerre.
AS CHAVELLAS son dous pechos de carballo que na Ulloa reciben o nome susodito, indo unha facendo a xunta das chedas onde a cabezalla e a outra un chisco máis atrás.
OS TESOIROS que son tres travesos de carballo que van cruzando dende unha cheda ata outra, atravesando a cabezalla e formando así a estructura do que é o carro.
AS FURAS, cada cheda leva ata unhas cinco nas que se meten os fueros e logo tamén levan outras polas que entran as treitoiras e os arrefuadoiros.
OS FUEIROS feitos de carballo ou de toxo e lava cinco en cada cheda.
A TRANCA formada polos dous fueiros de diante e un traveso colocado sobre deles.
A CRUCETA artéllana dous travesos en forma de cruz e no Vilar de Remonde recibe tamén o nome de SOBRRETRANCA.
AS TABOAS da mesa do carro son de carballo.
OS ARREFUADOIROS leva catro, dous adiante e dous atrás e son de carballo.
OS COUCILLOS van un en cada cheda e son feitos de amieiro ou de bidueiro, indo un en cada cheda; este reforza moito á cheda e ten unha medida dun metro con corenta centímetros.
AS TREITOIRAS leva catro, sendo as dianteiras de carballo e as traseiras de salgueiro. Entran pola fura do coucillón e máis da cheda deixándose veren sobre da mesa do carro. Van agarradas nas chedas e terman do eixe. Miden sesenta centímetros de longo, seis centímetros de ancho e catro centímetros de groso.
AS LADRAIRAS poden seren de castiñeiro aínda que rompen moito, de amieiro, de bidueiro e tamén de varas tecidas. Hai a media ladraira duns cincuenta centímetros e a ladraira duns noventa centímetros e fórmana tres travesos por dentro e dous por fóra; estas cando se usan para irmos ás patacas levan unha comporta cunha verdadeira ou trapela exterior para baldeiralas e tamén recibe o nome de canizo. Aínda que en Vilareda dáselle o nome de LADRAIRAS as altas e de medios LADRAIROS os baixos; neste lugar as altas irían acompañadas dun postigo.

2.- O RODADO ou PE:Está formado polo eixe e as rodas.
O EIXE: Que pode ser feito de amieiro pero apodrece antes, de bidueiro fano aló cara a montaña; tamén pode ser de cerdeira e de freixo no noso concello, pois é máis duro e resistente. Mide un metro e corenta e cinco centímetros de longo. Leva un aillado a cada lado das rodas duns seis centímetros e un rasgado para e treitoira duns catro centímetros. Ten conta do chedeiro e das rodas e na Ulloa é de forma cilíndrica, rectángular con rebaixes nos bordes, hexagonal e octogonal.
A PEBIDA é o extremo que sobresae do eixe, leva sempre catro caras das que a roda ocupa uns once centímetros por fóra da roda e duns oito centímetros tamén de groso; indo en cada roda unha pebida.No lugar da Ulloa en Palas de Rei tamén se lle da o nome de A PEPITA da roda.
O GORRION leva dous a cada lado e son de salgueiro ou de freixo e diuns doce centímetros de longo que cruzan é eixe e suxeitan á roda.
AS RODAS:
Na Ulloa soen teren un altor duns noventa e cinco centímetros, levando un groso onde o eixe duns once centímetros e están feitas de cerna de carballo. Na Laracha unhas levan algo máis de un metro de diámetro as altas e as baixas sobre duns noventa centímetros.
Fórmana madeiras de carballo coma O MION que é o traveso que atalla trasversalmente á roda de arriba a baixo cunha fura pola que entra a pebida do eixe.
AS CAMBAS consistentes en dous arcos semicirculares de carballo.
OS OLLOS DA RODA.
AS RELLAS que son uns travesos de carballo que unen as cambas co mión. A roda conta tamén con ferraxes coma O BALDON que na Ulloa é partido, recobre a roda todo o arredor e vaise dobrando en frío sobre da roda valéndose dun palanco para cinguilo á roda. Vai serrado ou partido, porque a madeira incha e fai dilata-lo ferro e este pode estalar; para o cravar á mesma empréganse ESPITAS.
OS VINCALLOS son unhas cintas de ferro que van amarradas ó mión (con cravos de cabeza de brocha). A súa misión é a de que o mión non refenda e entre eles e o mión levan uns pasadores de fura.
AS SOBRERRELLAS que son uns ferros fortes curvados que van sobre a cara da camba apreixándoa a esta e ó mión.
Otero Cebral, Xosé Luis
Otero Cebral, Xosé Luis


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES