Días de poesía, días de loita
Santalla, Iago - miércoles, 28 de septiembre de 2016
Teño agora mesmo na cabeza a Celaya maldicindo a poesía concibida como un luxo cultural polos neutrais. Con este verso na cabeza e coa súa música no corazón, un non pode ser neutral sen sentir que polo seu corpo alanca un cheiro repelente a traizón. Non, non quero ser neutral nin quero que a poesía se converta nun luxo como queren que sexa a sanidade ou a educación. A poesía é outra cousa, négase aos números para escoitar a emoción. Por iso, a poesía foi o xermolo da democracia e agora está a sementar outro xermolo máis fondo pola igualdade. A poesía son as grândolas do futuro, esas nas que a fraternidade chega en ondas vivas de soños para un mundo novo.
A poesía, como ben dixo Benedetti, non cambia mundos, cambia os corazóns que conquistan rúas de igualdade para facer cidades infinitas. É unha educación en valores que ergue o ser humano aos feitos para facelo libre colectivamente. Soños de amor que espertan día a día para facerse carne no desexo de avanzar. Un mundo posible golpea a forxa da vida con versos metálicos de irmandade que non aceptan o conformismo da realidade. Versos metálicos en muxicas de lume contra o rigor numérico para dicir que somos emoción e que a xestión da humanidade esixe empatía consigo mesma.
Se soño un mundo novo, na bolsa suben as accións da igualdade e da solidariedade. A curmá de Risco convértese na curmá arriscada que quere protexer a súa tribu. Un exército de librepensadores procura dar voz a cada idea. A etiquetaxe morre na apertura das mentes e o arco do ceo reflíctese na policromía de cada alameda aberta.
Outro mundo posible, de métrica e compás liberado, vén impulsando a latexos de corazón unha paz de benestar. Cada verso é semente e porvir, penedo que a historia chanta cara o mañá da memoria.
Unha xeración é unha unidade de tempo, espazo e volume que se mide en cancións nas que as horas uniron persoas nos lugares da vida. Unha xeraciön é unha enciclopedia de soños, utopías e avances que procura tempos mellores que a sucedan. Os poemas son as propostas que a liberdade adapta das utopías. Promesas de ser eternamente posibles que se gardan para o futuro.
Cando un poema está fora da realidade non morre. Lonxe da morte convértese en alicerce da sociedade pola que loitou. Demostrando, novamente, que fronte a unha realidade incríble a utopía é o camiño do albor.
Ao porvir só lle queda a palabra. Nela todos os soños son posibles e a realidade avanza cara amenceres ceibes de pantrigo.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora