Cabodano do Manuel
Otero, David - lunes, 26 de septiembre de 2016
Manuel
Vesnos aquí a esta Irmandade
no abrazo sentido de doce anos,
o que nos marca os tempos
da túa permanente presenza.
Pois nós
non nos perdemos polo camiño.
Manuel
As horas andan de arrebolo,
mareadas a se faceren rulos arredor súa.
Imos polas rúas acoutadas e sentimos
os aires febles, e controlados,
sen facérense ventos ceibes liberadores.
Manuel
As rúas xa non son lugares de ben, nin de loita,
onde debésemos sumar e multiplicar,
no canto de restar e dividir, sen resistenza.
Nelas xa non se constrúen man con man
os precisados sentidos da dignidade.
Manuel
Pisamos por unha sociedade de vanidades,
baleira e de espectáculo feito mercadoría.
Ben así pois
notamos o sabor acedo das derrotas
xa que a liberdade segue a ser o esencial ourado refén
voando polas gaiolas de ouro.
Manuel
E así xa ves
calamos
e volvémonos afables
e submisos do si señor
e maleables
e imos indo
e nunca peor
e xa veremos para o ano
ide ver
e o silencio triunfante faise acubillo
e resistencia.
Manuel
Sabemos que a nosa arma é o voto
( case volto arestora como pistola de fogueo)
E daquela
apuntaremos pois ao que debemos?
E a que e a quen ?
A que fin
?
Proclamamos que Galiza somos nós
e semella que nos dá igual
Dános o mesmo
si
que as feridas sigan supurando dolor.
E mesmo temos medo de que a verdade floreza.
Manuel
E pese a todo
NÓS non nos cansaremos de facer camiñar a nosa palabra
nas nosas voces en clave de pobo do galego.
NÓS queremos facer visible o escondido
o silenciado
E o noso mirar será optimista
Pois os nosos ollos escriben a mirada de Galicia.
Nós non nos cansamos
e promoveremos teimosamente
os cambios que se nos obrigan.
Velaí a potenciación da nosa intelixencia colectiva.
A necesaria construcción ideolóxica
e a política.
(Lido polo autor no cemiterio de Outeiro de Rei da Terra Chá, no cabodano de Manuel María, en setembro 8 de MMXVI).

Otero, David
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora