Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O descenso do ideal a ídolo é perigoso

viernes, 23 de septiembre de 2016
Aínda que nesta barafunda política na que estamos inmersos os españois, dende fai un bo puñado de meses, non parece moi fácil facer unha crítica selectiva, como evidencian os xornalistas especializados na materia, navegando bastante á deriva, se nos afastamos un pouco da ondada, para illar as perspectivas, talvez sexa posible resaltar algúns puntos básicos que nós sirvan de concausas explicativas pola súa respectiva contribución a desencadear toda esta marfallada política. Dito así en termos un tanto grosos, que ben poden ser desculpados polas desconsideracións que se teñen cos cidadáns.

Os líderes políticos parece que esqueceron que os que se queren significar ALGO socialmente, que é evidente que diso se trata, no ámbito da política, deberían evitar significarse DEMASIADO; deberían contentarse con ser un bo CHANZO intelixentemente encadeado co anterior e co que sigue. Porque as cumes non teñen continuación e por iso a aspiración a elas esixe unha disposición suficientemente aperturista e receptiva a fin de non perder o contacto coa base que as sustenta.

Por suposto, este principio é de aplicación xeral; pero alí onde a súa omisión leva ao irrisorio, queda nunha mera anécdota social e non perturba con inesperadas consecuencias, como ocorre no exercicio da actividade política.

Por outra parte, aspirar ás cumes con pretensión de deterse nelas, illado dunha considerable parte da base de sustentación, equivale tamén a esquecer que O BO É INIMIGO DO MELLOR, PORQUE PODE IMPIDIR A CONTINUACIÓN DO ACADADO, FRUSTRANDO PROGRESOS CARA A MAIORES ALTURAS. Claro, ao cargo doutras competencias persoais.

Sen dúbida ningunha, a razón e a experiencia teñen que coordinarse na vida, se non queremos andar sen guía por unha ou coxos pola outra, pois sen razón andamos ás apalpadas, e sen experiencia divagamos coxeando: Concienciando experiencias fórmase a persoa, e razoándoas ábreas a súa mellor comprensión. Mais convén evitar un aproveitamento en demasía da razón en desprezo da experiencia, como se fai cando nos esquecemos de “circunstanciala”. Por exemplo, nas promesas electorais, prometendo acadar obxectivos con argumentos moi ben articulados, pero sen respaldos económicos.

Ata contamos con actitudes coma as do cocho de Sócrates, que non había posibilidade de facerlle marchar cara a diante como non fora tirando por el atrás. Tampouco nesta nosa cultura – non faltaría máis! – escasean as teimosías. Alguén que non lembro recordóunolo en letras latinas: SUNT UT SUNT AUT NON ERUNT (son como son, ou non serán).

Adobemos todo isto cun pouco de psicanálise: uns gramos de PROXECCIÓN e INTROXECCIÓN. Nada abunda máis nas actitudes e comportamentos dos políticos que atribuír ao outro, como fan os paranoicos, as culpabilidades (proxección) e, ao mesmo tempo, buscar unha identidade defensiva, apropiándose como deles o que pertence ao outro (introxección): As corrupcións son dos outros, ao mesmo tempo que se atribúen a transparencia ou os logros.

Con máis ou menos rigor, pero con un grao suficiente de comprensión, poderíamos sintetizar estas referencias así: EN POLÍTICA, O DESCENSO DO IDEAL A ÍDOLO É SEMPRE PERIGOSO, soa a un NOSOUTROS – o dun grupo ideolóxico – , que todo o sabemos facer mellor, somos os honestos (algúns nin tiveron ocasión de non selo) e somos os mellores patriotas.

Evidentemente esta referencia ao “ideal” é concernido ao “político”, como situacións ou metas consideradas desexables, cun enfoque máis ou menos conservador ou progresista, que se producen no seo dunha sociedade organizada e cun goberno consecuente con esta organización. O ideal, inda que sexa en mans de grupos diversos, sempre se formula adornado de connotacións positivas, como liberdade cidadán, democracia, dereitos humanos, desenrolo e crecemento, xustiza, etc. Pero para acadar os obxectivos correspondentes, os ideais son articulados en sistema ideolóxicos, diferenciándose nunha escala entre a limitación ou o aumento do poder gobernamental que impoñen.

Todo normal, coas dificultades que comporta o feito de que cada persoa entende de forma distinta non só un mesmo ideal, senón tamén a forma de defendelo. Aquí están as lexítimas discrepancias ideolóxicas, en incluso persoais dentro dunha mesma ideoloxía. A perturbación xurde cando as persoas descenden (descendemos) dende o nivel do ideal ao da idolatría, porque entonces con actitudes de latría (de culto ou adoración) tanto tributamos unha apaixonada admiración aos ideais coma as persoas que pensamos que os encarnan, catalizándolles os sentimentos de ególatras.

Así ocorre cos aplausos aos que aspiran en demasía, descoñecendo os límites das propias facultades, quen, considerándose bos, obstrúen o paso aos mellores e, estando asistidos dunha formación teórica marxinan as ponderadas advertencias da experiencia, cunha arrogancia que pode ter unhas serias consecuencias, que os sorprenden a eles mesmos: O cocho de Sócrates anda polo barrio facendo das súas.

E xa para terminar, lembremos que nesta nosa España ata somos capaces de facer da hipocrisía un método reivindicativo. Hai tempo que os independentistas cataláns pretenden utilizar o sistema xurídico español como se utilizan os paraugas: ampáranse nel para resgardarse das chuvascadas e cólgano ao carrelo cando lles convén. Esta hipocrisía metodolóxica é un bo recurso para ocultar o perigoso descenso do ideal a ídolo, que a algúns responsables apousentados nas cumes non parecen preocupar.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES