Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Investir en afectividade sempre é rendible: Homenaxe a Xulio Xiz

jueves, 22 de septiembre de 2016
Investir en afectividade sempre  rendible: Homenaxe a Xulio Xiz Cando se xubilou Don Francisco Puente Guerra, cura de Bazar, Quintela e Santa Locaia do concello de Castro de Rei os fregueses quixeron facerlle unha homenaxe, pero o difícil era convencelo pra que aceptase, pois sempre quixo pasar desapercibido, coma se non estivese, pero estando.

Queríamonos moito, así coma tío e sobriño. Xa viña sendo seu axudante desde había un tempo e facía moito caso de min; de maneira que nos deu o gusto de deixarse convencer cando uns poucos fregueses e eu lle argumentamos: Vostede, predicou moitas veces que hai que ser agradecidos, pois non nos prive agora de demostrar que aprendemos a lección. Cando dixo que si, tratei de preparalo un chisquiño pró día dicíndolle: “Mire esas cousas afectan algo ó corazón e ós ollos, pero non son de gravedá”.

Non sei se non me entendeu ou se fixo que non me entendía, o caso é que dixo: “Non sei que queres dicir”. “Pois xa llo aclararei aquel día” -respondín.

Efectivamente, aquel día estaba emocionado coas mostras de cariño, viñéronselle por varias veces as bágoas e recibiu apertas e bicos de quen podía esperalo e de quen non.

Houbo moita xente e faltaron algúns que non puideron; pero víronse compensados por outros que non estarían se non fose polo que puidesen dicir e, pra que non faltase nada e todo fose conforme á realidade imperante aquí e en Madagascar, tampouco estiveron algúns que case todos agradecemos que non estivesen pra non termos dúbidas de que eran os que foran sempre e non cambiaran pouco nin moito.

Sei que hai homenaxes que son, ¿cómo diría?... unha especie de inversión: “A ver se facéndolle isto a don Fulano conseguimos aquilo”. Pero na maior parte dos casos entendo que son sinal de gratitude polo xa feito, o que non impide que quen é agasallado non se sinta máis obrigado a seguir correspondendo. O que vén a demostrar que as inversións en afectividade sempre son rendibles e a miúdo producen o cento por un.

Nesa liña teremos que interpretar a homenaxe que se lle rendeu en Vilalba o domingo 18 a Xulio Xiz Ramil. No Auditorio éramos arredor de 400 persoas, 40 da familia, que se di axiña. Pero estabamos moitos máis, aínda que non os puidésemos ver ben a todos. Estaban outros catrocentos ou máis que quixeran e non puideron; outros catrocentos ou máis que si estiveron pero non en carne mortal. Eu non cheguei a coñecelos a todos, pero a algúns si e a outros saqueinos por intuición; por exemplo o home que estaba a carón de súa nai, á que tiven a sorte de coñecer e querer, cousa moi doada, porque as dificultades dunha viúva na posguerra non lle mataran nadiña de nada a súa inmensa tenrura, tiña que ser seu pai.

Logo tamén me resultaron coñecidos Marcial González Vigo, Luís Cordeiro, D. José de Begonte, Ricardo Pena Saavedra e Manuel María, entre outros.

O Manuel díxome: “Oíches? eu puiden ser o inventeiro da Terra Chá, pero un dos que difundiu moito e ben o invento foiche o Xiz. A min non me parece mal que tamén lle chamedes Valuria como fai o bo poeta Otero Canto. Cádralle moi propio. Cadra… Cadra… Manuel de Paderna e eu mesmo temos moito de baluros… Cando veñas pra riba temos que falar máis diso”.

E pra que non faltase nada e todo fose conforme á realidade imperante aquí e en Madagascar, tampouco estiveron algúns que case todos agradecemos que non estivesen pra non termos dúbidas de que eran os que foran sempre e non cambiaran pouco nin moito.

Teño a sensación de que isto mesmo xa o escribín antes ó pé da letra; pero será debido a que hai cousas que se repiten onte hoxe e probablemente mañá, a pesar da xenerosidade e bonomía de homes coma Xulio. Se alguén non o coñece, cousa rarísima porque el xa pasou varias veces por todas as estradas, pistas e corredoiras de Galicia, que non pense que esa xenerosidade e bonomía se descubriron o domingo 18 grazas ás distintas intervencións por máis que foron elocuentes e agarimosas sen ceder nada da obxectividade contrastada a sentimentalismos do momento, senón que se constataron unha vez máis. A xente que estaba alí non estaba polo que dixemos. Ó contrario; dixemos en voz alta o que xa todos sabían porque estaban alí.

Outro dos aspectos que se destacou deste home capaz de estar en tres sitios distintos, Ribeira de Piquín, Gontán e Malpica, á mesma hora do mesmo día facendo cousas non só diferentes senón dispares, como tamén quedou demostrado, é á súa capacidade de seguir tecendo soños de futuro despois da súa xubilación. Polo mesmo non quedaría completa a cerimonia sen plantar no Paseo dos Soños a carón do río Magdalena, outra gran soñadora, algo que testemuñase que Xulio puido facer o que fixo grazas a ser un gran soñador, pois nada chega a ser realidade se antes non se soñou.

Mesmo Deus fixo o mundo despois de soñalo ó longo de intemporais séculos de brétema. O artista Valdi a quen calquera confundiría cun labrego, pra honra e gloria de Valdi e dos labrego, plasmou coa mestría de sempre esa condición de incorrixible soñador dun Xulio, que asoma á fiestra de cantería do Buriz aberta de par en par pra mirar sempre cara a fóra, cara ós demais, e nunca cara a dentro, cara a si mesmo, e cando a fiestra se pecha por uns instantes é pra ter o acougo necesario e poder materializar os soños.

A comida de confraternidade foi o que tiña que ser: unha nova demostración de que importa máis con quen se come ca o que se come, con ser isto tamén importante, e que a festa arredor da mesma mesa celebra a afectividade xa existente e ó mesmo tempo faina medrar.

O Xiz non durmiu case nada a noite anterior nin a seguinte ó evento e non polo mesmo motivo de todas as noites: quedarse traballando ata as tantas, senón polo desacougo do que lle esperaba e do que lle acontecera. A noite do domingo mesmo tiña a sensación de non dar caído na cama, senón de seguir levitando nunha nube imaxinaria. Non me dá nadiña de mágoa. Que se fastidie!! E que aprenda, el fíxonos pasar polo mesmo a moitos e o que as fai págaas.

Tamén coma a Don Francisco afectoulle ó corazón e ós ollos sobre todo cando lle dixeron os cinco netos que eles tamén lle agradecían que pasesiñamente e coma quen non quere a cousa lles fose ensinando a soñar; pero nin lle quedaron secuelas de arritmias nin lle secou a fonte das bágoas, porque os que nunca choran non son homes.

Só pido unha cousa: que non comece a poñerse de moda renderlle homenaxes todos os que lle debemos axudas desinteresadas, porque non lle quedaría tempo pra seguir axudándonos e acabaríamos con el.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES