Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Celebrando o outono

jueves, 22 de septiembre de 2016
Celebrar arestora o comezo do outono no leito da obra de Manuel María é darlle a entrada do xeito máis acaido, porque é o ciclo da natureza preferido para él e para as e os poetas da Chaira.

Todos/as teñen poemas ao outono, e mesmo o bardo de Outeiro abrollou varias colleitas: As lúcidas lúas de outono, Poemas ao outono... O seu biógrafo Camilo Gómez Torres contou e antologou os seus poemarios ao socaire desta estación: Versos de 30 outonos (1979).

Aínda que a Iglesia Alvariño, segundo Díaz Castro “gostáballe máis o inverno frio, coas árbores espidas e a vida dormida, ca ningunha outra estación do ano”. Pero é sobre todo a orientación na vida de Manuel María a que queremos suliñar, o que el consideraba harmonizar a nosa traxectoria ao ritmo destes períodos de tempo, e así “cando chegue o maduro Outono, ateigado de esperiencia e sabedoría, ordenar, dentro de nós, ensoños e sentimentos e acomodalos no noso corazón do mesmo xeito que os nosos devanceiros poñían o millo nos hórreos”.

E aprendemos co poeta a descubrir a xenerosidade do outono agasallándonos cunha vestimenta feiticeira tecida en ocres, amarelos, vermellos..., que deitan luz e acougo aos viandantes, ao tempo que nos guinda os seus froitos sen ter que labralos: cogomelos, castañas, noces..., coa música que fan os ourizos caendo no silencio dos soutos.

É un ritmo da natureza que nos permite acompasar o noso camiñar co disfrute de todos os sentidos, incentivando a nosa creación en todas as artes, non só na poesía. Un tempo tan abondoso convidanos a valorar a diversidade das criaturas e a afondar na pluralidade da cidadanía neste ambiente de saudade e nostalxia outonal, mesmo captando os matices da súa luz que multiplican as sensacións ópticas da andadura de cada xornada dende a alborada ata o solpor.

Estamos a falar dun coñecemento distante da lóxica racionalista, e que cómpre espertar en nosoutras/os; referímonos á intelixencia emocional capaz de captar as sensacións que expresan os poetas coa súa arte. Así a creatividade permítenos reforzar os vencellos con todas as criaturas no regazo da terra nai fornecéndonos de ensoñacións e boas intuicións.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES