Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O grupo que naceu co Prestige

martes, 20 de septiembre de 2016
Testemuñas da memoria:
O grupo que naceu co Prestige

Non teño moita idea de música, pero escoito música todo o día. Non sei se amansa ás feras, pero a min lévame a un mundo cheo de soños e de ritmo. O que máis predomina na miña afección discográfica son as bandas sonoras, mais tamén escoito e teño de todo: desde Manolo Escobar ata Bach, desde ópera ata heavy metal, desde Milladoiro ata Coanhadeira.O grupo que naceu co Prestige

Saquei o grupo folk Coanhadeira a propósito porque é sobre quen vai a versar esta reportaxe. Atopeime con eles o 6 de novembro na casa da cultura de Barbadás. Non os coñecía de nada. É máis, nin tan sequera sabía que existían. Agora xa o sei. E digo que son bos, moi bos. Presentaban aquel día o seu novo, terceiro e, por agora, último traballo: “Bicos con luva”, un CD de once cancións entre composicións propias e versións de temas tradicionais, e cuxo título escolleuse pola forza figurativa dunha frase que transmite imaxes diferentes a cada persoa que a escoita.

Coanhadeira naceu como grupo en Ourense no ano 2003, polo mes de novembro, para os concertos que se fixeron pola catástrofe do Prestige. Daquelas eran máis un grupo de gaitas que o que é na actualidade. Mais xa se sabe que o tempo sempre tira para adiante e faite evolucionar se non queres quedar estancado. Todo o que queda estancado acaba podrecendo. E a maioría non queremos podrecer nun pensamento ou nun sentimento tan só. Así é que ás gaitas emparelláronlles novas instrumentacións; desde a pandeireta ata a acordeón e desde o bouzouki ata os saxos. Incorporaron tamén a voz, hoxe en día unha das insignias esencias do grupo.

Como a maioría de todos os grupos musicais, sexan de música popular, rock ou pop, tamén teñen os seus cambios, a súa evolución nos propios compoñentes. Por unhas ou outras circunstancias, o típico: uns van e outros veñen. Hoxe en día, Coanhadeira está composto de sete membros; seis homes e unha muller, a que precisamente canta.

Chechu Pérez toca a zanfona e a gaita. É informático e profesor de gaita. Pertenceu á agrupación Castro Floxo de Ourense e foi un dos fundadores de Coanhadeira. Patricia López; voz e percusión. De Ourense. Semella unha fermosa bulebule, tanto dando clases (musicais) por toda a provincia de Ourense, como colaborando con diversos grupos populares. Óscar Freire; soprano e tenor. Empezou xa de neno a tocar a gaita e no 1984 entrou como gaiteiro no citado Castro Floxo. Na actualidade, outro furafollas como Patricia: dá clases de gaita e pandeireta por diversos concellos ourensáns. Como di el, é o avó do grupo, entendendo a súa “vellez” con 44 anos.

Segundo confesión propia, Efrén Novoa é o pequerrecho do grupo “e non dou clases porque ninguén quere vir comigo”. Baixista, viviu de neno nos Peares e Coanhadeira é a súa primeira banda de folk. Kinhos Saburido, percusionista e mestre deste instrumento; ourensán. Outro que tamén baila de aquí para alá é Samuel Soto, pois toca en Coanhadeira, Ardentia e Son de Seu. É de Quiroga, vive en Vigo e toca o bouzouki, ademais da pandeireta e de ensinar tamén canto. Xavier Álvarez; acordeón diatónico, profesor de música en primaria e tamén acompaña a Xabier Díaz.

Estrofa dunha canción do grupo:

“Vou dar a despedida
viva el sol viva la luna
quen se despide cantando
non leva pena ningunha”.
Dou eu tamén a despedida
viva o grupo Coanhadeira
que quen se despide escribindo
faino con A Xota da Noela.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES