Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Literatura sen fronteiras

miércoles, 21 de septiembre de 2016
Cando en 1983 Xosé Neira Vilas publicaba por vez primeira Contos vellos para rapaces novos o mundo aínda non coñecía a Literatura sen fronteiraspopularización de internet, os smartphones non nos interconectaban planetariamente e non había google maps nin street view cos que percorrer virtualmente calquera recuncho do orbe. Por iso un volume como aquel, onde calquera lector galego podía achegarse a unha ampla selecta de relatos elaborados a partir da tradición oral de ben diferentes pobos dos cinco continentes, tiña, alén do literario, un valor engadido como vehículo de coñecemento das realidades etnográficas e da idiosincrasia propia das xentes deses lugares.

Máis de tres décadas despois, aquel libro que no seu día dera á luz Ediciós do Castro, volve á actualidade mercé á publicación dunha nova edición revisada e aumentada polo propio autor, quen a deixou preparada poucos días antes de se nos ir, no novembro pasado.

Estes actualizados Contos vellos para rapaces novos chegan agora por man de Bolanda Edicións, quen os presenta nun volume de gran formato e ilustracións a toda páxina realizadas por Antía Barba Mariño, unha edición de exquisito gusto tanto pola escolla dos materiais, tintas e tipografías como, sobre todo, polas coloristas imaxes que para el deseñou a pintora santiaguesa.

Fronte á edición orixinal, a presente engade dous novos textos (que reelaboran historias de transmisión oral de Galicia e Portugal) ata sumar un total de trinta e cinco relatos. Todos foron recreados por Neira Vilas a partir de vellas narracións de tradición oral de pobos dos cinco continentes. Desfilan, así, por estas páxinas, contos, lendas, mitos e mesmo romances narrativizados da Europa albanesa, eslovaca ou ucraína, dos antípodas neozelandeses e australianos, das lonxincuas terras birmanas, indias ou xaponesas, das ardentes paisaxes de Liberia, Malí ou Nixeria e mesmo das transoceánicas do Brasil, Cuba ou República Dominicana, entre outras.

Literatura sen fronteirasContos vellos para rapaces novos é, por tanto, unha obra de nidia pegada multiculturalista, que non renuncia á pedagoxía divulgativa de vidas e costumes. Neste sentido, Neira Vilas xa deixara no seu día clara cal era a intencionalidade do libro: “Xuntei pra vós este ramallete de contos populares, púxenos en galego, e aí van, con mentes de que ancheen o voso horizonte e vos leven en andaina imaxinaria ao longo do mundo, das xentes e dos tempos.”

Doutra banda, o feito de que Neira Vilas decidise reelaborar textos da transmisión oral fala ás claras da importancia que concedeu sempre a esta literatura, que consideraba tanto como a de autor.

Canto ás historias reunidas -e malia á súa natural heteroxeneidade-, todas elas comparten un mesmo substrato común que irmanda os pobos que as xeraron. Unha sorte de universais temáticos e de valores unanimemente compartidos, entre os que a capacidade de superación do ser humano, a loita polo ben e a xustiza, a capacidade para amar ou para se divertir e mesmo o motor da curiosidade alimentada pola sabia madurez son outros tantos elementos comúns ás historias que Neira Vilas recrea partindo de tan diverxentes tradicións culturais.

Alén doutros paratextos como as nótulas curriculares do escritor e ilustradora, esta fermosa edición complétase cun moi útil glosario de indixenismos e voces pouco frecuentes e un prólogo que Neira Vilas deixara preparado apenas uns días antes do seu falecemento, en novembro do pasado ano.

Aqueles que no seu día non se debruzaran nesta ventá aberta ao universo orbe que son estes Contos vellos para rapaces novos teñen agora unha nova oportunidade para viaxar polo vizoso imaxinario de pobos e terras que con tanto primor editou Bolanda, con certeza unha nova leda para todos os que amamos a literatura sen fronteiras.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES