Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O pacto de Xenebra

sábado, 17 de septiembre de 2016
O acordo entre Moscova e Washington de condicionar desde un pasado 12 de setembro un alto ao fogo en Siria, así como as expectativas de activar operacións militares conxuntas para combater posicións do Estado Islámico e da Fronte Al Nusra, determina a viraxe mais decisiva para progresivamente neutralizar cun conflito entrampado desde fai máis de cinco anos. No entanto, este súbito acordo fortalece os obxectivos xeopolíticos do Kremlin esgrimidos tanto en Oriente Próximo como dentro do espazo euroasiático, definidos pola activación dun eixe de cooperación con Turquía e Irán na perspectiva de manter en pe ao réxime de Bashar al Asad e condicionar unha eventual repartición de esferas de influencia no anunciado crebacabezas do post-conflito sirio.
O pacto de Xenebra
Todo tipo de expectativas acadou o acordo alcanzado o pasado 12 en Xenebra entre o secretario de Estado estadounidense, John Kerry, e o ministro ruso de Exteriores, Sergei Lavrov. No mesmo acórdase propiciar un alto ao fogo en Siria a partir do 14 de setembro, con progresivas ampliacións, así como de cooperar conxuntamente para atacar posicións do Estado Islámico e dos redutos afiliados ou non á rede Al Qaeda, no que destaca a Fronte Al Nusra.

En perspectiva, este acordo ruso-estadounidense define a pretensión por redimensionar o complicado mapa de intereses xeopolíticos establecido a carón dun conflito sirio cada vez mais internacionalizado. Dentro deste complexo panorama, a realpolitik de Rusia e EUA parecera erixirse a única alternativa con capacidade efectiva para actuar unilateralmente e impoñer un consenso de intereses ás veces ambiguo, pero que está basicamente determinados polo peso político e militar ruso e estadounidense.

Ante a indefinición militar e política establecida por un conflito sirio que parecera eternizarse engádese a necesidade de frear un dramático cadro humanitario determinado polos milleiros de vítimas mortais e de refuxiados afectados pola dinámica bélica, toda vez as consecuencias tamén se enfocan nas perspectivas que se abren na eventual reconstrución post-conflito (1).

O súbito acordo Kerry-Lavrov vén marcado por semanas de tensas negociacións entre Moscova e Washington, con escasos avances e fortes controversias bilaterais. Neste sentido, o presidente Barack Obama agardaba formalizar este acordo co seu homólogo ruso Vladimir Putin durante o cumio do G-20 celebrado a semana pasada en Hangzhou (China) Pero outros tensos escenarios xeopolíticos, principalmente os conflitos determinados no Mar de China Meridional e no Mar de China Oriental, paralizaron momentaneamente a tramitación dun acordo que parecía un fait accompli.

A razón máis significativa deste acordo ben puidese explicarse polo súbito cambio no equilibrio estratéxico dentro do conflito sirio, motivado pola intervención militar rusa de setembro de 2015. O apoio do Kremlin permitiulle ao seu aliado, o réxime de Bashar al Asad, manter posicións estratéxicas e incluso gañarlle espazos á plataforma dos rebeldes sirios, dos grupos xihadistas afiliados ao Estado Islámico e á Fronte al Nusra e igualmente das milicias curdas e turcománs que definen a complexidade sectaria existente dentro do conflito sirio.

A enigmática e fracasada tentativa golpista en Turquía (15 de xullo) e a posterior purga post-golpe instalada polo presidente turco Recep Tayyip Erdogan definiu outra variante neste equilibrio impulsado polo Kremlin. O contexto de irritación e de acusacións mutuas entre Turquía, EUA e a OTAN e principalmente a viraxe xeopolítico euroasiática establecida por Erdogan durante a súa visita a Putin en San Petersburgo (9 de agosto) afianzaron os resortes de definición destas novas esferas de influencia, cuxas consecuencias gravitan directamente dentro do empantanado conflito sirio.

O reparto da posguerra siria
Neste sentido, Putin logrou enlazar un hábil eixe xeopolítico con Turquía e Irán para atacar posicións do Estado Islámico. O igualmente inesperado acordo entre Rusia e Irán para permitir que cazas rusos atacasen posicións xihadistas e de rebeldes sirios desde bases do noroeste iraniana establecidos na localidade de Hamadán, trastornou precisamente os obxectivos estratéxicos occidentais, en especial tomando en conta que, con anterioridade, Turquía propúxolle a Rusia utilizar a súa base militar de Incirlik, a cal pertence á OTAN.

A audaz intervención rusa en Siria e o feito de que a administración Obama está nos seus últimos meses na Casa Branca e por tanto precisa pechar canto antes algún tipo de acordo que produza unha solución efectiva e progresivamente duradeira para acabar co conflito sirio, moi probablemente determinaron as bases do acordo Kerry-Lavrov. Un acordo que non deixa de ser incerto en canto a duración e efectividade, tomando en conta os precedentes existentes en torno ao conflito sirio.

Neste marco de múltiples consensos eventualmente derivados do pacto de Xenebra, deben observase con atención en qué medida a cooperación ruso-estadounidense en Siria beneficia a outros actores involucrados, sendo estes principalmente o réxime de Bashar al Asad, Turquía, Irán, Arabia Saudita e Qatar, entre outros.

Nese sentido, o pacto de Moscova e Washington para atacar as posicións e os santuarios xihadistas controlados polo Estado Islámico e a Fronte Al Nusra serviranlle ao réxime sirio como un ingrediente adicional de fortaleza militar e incluso de lexitimidade política de feito. Así, ao réxime de Al Asad, amparado no apoio de Rusia e Irán e o tácito de Turquía, uniríaselle agora a eventual convicción por parte de Washington de aceptar como “mal menor” a necesidade de manter en pe a este réxime como a única solución viable para garantir algún tipo de estabilidade en Siria.

Paralelamente, Turquía saba beneficio do pacto de Xenebra porque lle permite manter o seu equilibrio de viraxes xeopolíticas atlantista e euroasiática. A pesar da concreción do eixe con Putin, Erdogan participa igualmente na operación militar liderada por Washington para atacar ao Estado Islámico en Siria.

Con iso, Ankara busca aliviar preventivamente o clima de tensión post-golpe con EUA, toda vez acepta un acordo basicamente impulsado polo seu novo aliado estratéxico, a Rusia de Putin. Pero existen outros obxectivos mais directos para Ankara, establecidos na necesidade de crear unha especie de colchón estratéxico na súa fronteira con Siria, contido en preservar a integridade, incluso con visos autonomistas, da comunidade turcomán como especie de “quinta columna” dos intereses turcos na cada vez mais debuxada Siria post-conflito.

Neste sentido, a batalla polo control da estratéxica localidade de Aleppo librada desde agosto pasado corresponde a un imperativo xeopolítico para o eixe ruso-turco, precisamente porque permite fortalecer as expectativas das comunidades turcománs de asentarse nun amplo territorio que inclúe a provincia de Latakia, onde Moscova ten a súa base militar de Tartus e na que igualmente se asenta boa parte da comunidade aleví hexemónica dentro do réxime de al Asad. Velaí a ofensiva do Exército sirio por recuperar Aleppo como paso estratéxico de control da provincia de Latakia, que en etapas anteriores do conflito estivo en mans dos rebeldes sirios.

Pero a comunidade turcomán tamén presenta fortes divisións internas entre grupos apoiados por Ankara e outros de carácter radical islamita conectados con redes xihadistas, incluso simpatizantes ou afiliadas do Estado Islámico e da Fronte Al Nusra (2).

Outro obxectivo turco é neutralizar ou incluso evitar a eventual concreción dunha autoridade autónoma curda con epicentro na rexión de Rojava con ampliación das pretensións soberanistas nas comunidades curdas de Turquía, Iraq e Irán, principalmente establecidas en torno á preponderancia das milicias de autodefensa YPG, do Partido da Unión Democrática (PYD) e do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK)

Este hipotético escenario de soberanismo curdo na porosa fronteira turco-sirio-iraquí (un obxectivo estratéxico compartido entre EUA, Israel e Arabia Saudita, entre outros) acrecentaría a tensión interna en Turquía, principalmente trala ruptura de negociacións entre Erdogan eos curdos (xullo de 2015) e o retorno da represión no Curdistán turco.

Finalmente, Irán sae gañando porque a cooperación ruso-estadounidense lexitima no poder non só ao seu aliado Bashar al Asad senón que procrea un acordo entre un aliado estratéxico iraniano (Rusia) e outro expectante ante o proceso de apertura iniciado por Obama con Teherán, de consecuencias aínda incertas. Nese sentido, Irán mantén un equilibrio xeopolítico euroasiático e atlantista similar ao que realiza Turquía.

Deste xeito, o acordo Kerry-Lavrov lexitima igualmente o cordón xeopolítico establecido por Putin con Turquía e Irán, cuxas consecuencias visibles e directas se enfocaban en acabar co conflito sirio e recrear un novo equilibrio estratéxico en Oriente Próximo.

Foco en Asia Central
Paralelamente, este acordo permítelle a Moscova destruír posicións xihadistas nun momento en que o Estado Islámico e outras células radicais estaban en disposición de reiniciar contactos en Asia Central para atacar obxectivos rusos, chineses e do establishment centroasiático.

Estes temores do Kremlin se evidenciaron co recente ataque terrorista na embaixada chinesa en Kirguizistán, así como pola repentina morte dun aliado como o ex presidente uzbeko Islam Karímov que abre un incerto proceso de transición en Uzbekistán. Igualmente debe determinarse a recente designación do tayiko Gulmurod Jalímov como novo xefe de operacións do Estado Islámico en Siria e Iraq, trala morte de Tarján Batirashvili, mellor coñecido como Abu Omar al Shishani, alias “o checheno” en árabe, e quen morreu en xullo pasado durante unha batalla en al-Shirqat, en Iraq.

A designación de Jalímov permite intuír o reforzamento do poder de elementos radicais procedentes de Asia Central na dirección do Estado Islámico, o cal pode suxerir que a organización xihadista estea agora enfocando nesa periferia centroasiática o seu novo centro de operacións ante a posibilidade de perder o seu santuario entre Siria e Iraq. Un santuario que moi progresivamente pode verse desintegrado se o acordo Kerry-Lavrov avanza en operacións militares conxuntas entre Rusia e EUA para acabar cos xihadistas sirios.

Outro actor indirecto que gravita dentro do pacto de Xenebra é China. A mediados de agosto, en medio da ofensiva do Exército sirio en Aleppo e tralo cumio Putin-Erdogan, o almirante chinés Guan Youfei, director da Oficina de Cooperación Militar Internacional da Comisión Militar Central de China, visitou Damasco ao fronte dunha delegación militar chinesa, para entrevistarse co ministro sirio de Defensa, Fahad Jassim al Freij (3).

Nese sentido, a eventual concreción dun eixe euroasiático que implique a Rusia, Turquía, Irán, Siria e agora China, que polarice os obxectivos estratéxico do eixe atlantista liderado por Washington, pode ser outro factor de realpolitik establecido en torno ao acordo entre Kerry e Lavrov. Eventualmente, o pacto de Xenebra ilustra toda serie de movementos, neste caso entre Moscova e Washington, por definir as áreas de influencia do postconflito sirio.


NOTAS:
(1) Segundo un informe do FMI de xuño de 2016, a reconstrución de Siria tería un custe estimado duns US$ 200.000 millóns nun período de dúas décadas, no caso hipotético de comezar esta reconstrución a partir de 2018. Esta diagnose recrearía todo tipo de expectativas sobre posibles acordos entre as grandes potencias e as firmas multinacionais na perspectiva de acadar beneficios nesta reconstrución, con énfase principalmente na tramitación de intereses de carácter enerxético e hidráulico plasmados nas rutas de distribución de oleodutos e gasodutos dende o Mar Caspio así como do aproveitamento das concas hidrográficas rexionais, con epicentro no territorio sirio e iraquí. Para maior información consultar: http://www.lavanguardia.com/internacional/20160630/402879558174/reconstruccion-siria.html

(2) http://katehon.com/es/article/los-limites-de-un-compromiso-rusia-turquia-y-el-norte-de-siria

(3) http://katehon.com/es/article/la-guerra-de-siria-esta-forjando-una-nueva-alianza
Mansilla Blanco, Roberto
Mansilla Blanco, Roberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES