Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xulio Xiz: catedrático de soños

miércoles, 21 de septiembre de 2016
Querido amigo:

É preciso e xusto felicitarte por ser profeta na túa terra, nesa Vilalba que, ao igual que o noso querido e lembrado Bernardo García Cendán, levas permanentemente na boca. Un home coma ti tiña que ser profeta na súa terra, nesa que tanto amas e á que tanto lle levas dado. O que pasou o domingo é que un gran homenaxeador foi o homenaxeado e iso é motivo de satisfacción para todos os amigos que tivemos a ben acompañarte.

Coma tantas outras veces non tes nada que agradecer senón que o merecido recordo no Paseo dos Soños é o agradecemento que che debiamos e que quizais non estea á altura de todo o que nos levas dado. Vouche contar unha anécdota que nunca che contei. A primeira vez que escoitei unha conferencia eras ti quen falabas, foi no Colexio de Portomarín alá polos primeiros anos da década dos 90. Lembro que fora no comedor do colexio e, aínda que non son capaz de recordar a temática da mesma, si sei que me abraiou a túa voz e que era unha primeira achega a todo o que máis tarde ía conformar a miña identidade: o ser e a cultura galega.

A vida quixo que anos despois, no 2010, nos atopáramos na homenaxe a Manuel María en Outeiro de Rei. Aquel ano ti entregábaslle a navalla a Avelino Pousa Antelo. Pouco despois empecei da túa man a verter verbas nesta fiestra ao mundo que é Galicia Dixital.

Dende o principio admirei a túa permanente curiosidade polas distintas formas de ver a vida e a túa capacidade para expresar o pensamento con firmeza pero de xeito conciliador. Un curioso coma ti ten que saber meterse en camisas de once varas sen medo ao que poida pasar e ti falo para acumular unha marcada sabedoría da que deriva a túa militancia pola diversidade. A túa voz sempre estivo do lado das causas xustas polas que vale a pena loitar. Por iso que ti esteas dende o domingo no Paseo dos Soños semella unha bela redundancia.

Un soñador coma ti que puxo alicerces para unha realidade libre dunha maneira boa e xenerosa merece esta e moitas máis homenaxes porque, cando o mundo lle dea ás Humanidades (entendidas como o estudio do ser humano) o lugar que merecen, haberá que programar unha materia que ensine ás novas xeracións a soñar e daquela ti terás que asumir a tarefa de liderar un batallón de xuventude que aprenderá de ti a soñar de noite a realidade que constrúe de día. Sen dúbida ese día o mundo será mellor como é mellor o país que deixará o teu paso porque a túa achega á cultura xa é un soño feito realidade. Hai moito que os soñadores temos unha referencia histórica chamada Xulio Xiz.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania